Segundo intento de impulsar un plan estratéxico para o sector lácteo galego

A Consellería do Medio Rural convoca a entidades de toda a cadea do leite para deseñar un proxecto de dinamización, tres anos despois doutra iniciativa similar abandonada. As organizacións agrarias demandan decisións urxentes sobre cuestións coma os prezos do leite ou a perda de terras agrarias

Segundo intento de impulsar un plan estratéxico para o sector lácteo galego

Reunión hoxe para iniciar a elaboración do Plan Estratéxico do sector lácteo galego.

A cadea galega do leite arrancou hoxe a elaboración dun plan estratéxico nunha reunión na que participaron tódolos axentes do sector. A iniciativa é ben recibida desde o sector, aínda que lémbrase que hai tres anos arrancou outra iniciativa similar, abandonada tras dúas reunións, e demándanse decisións políticas urxentes para cuestións do curto prazo, coma prezos do leite ou perda de terras agrarias.

O proxecto do plan estratéxico, que parte co obxectivo de dinamizar o sector lácteo, iniciouse hoxe cunha reunión convocada pola Consellería do Medio Rural na que participaron cooperativas, organizacións agrarias, industrias, cadeas de distribución, Africores e denominacións de orixe do queixo. O encontro serviu para asentar as bases de traballo, que contará na coordinación coa Fundación Juana de Vega, unha decisión ben valorada polo sector.

“O plan chegará ás conclusións que todos temos xa. Hai cousas que non son de estudo, son de vontade política” (Roberto García, Unións Agrarias)

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou da reunión que “todos os elos do sector lácteo se xuntan para falar do seu futuro” e engadiu que “nós, como Xunta, entendemos que no rural tense que desenvolver actividade económica rendible”, polo que, nese contexto, “ocúpanos e preocúpanos o futuro do lácteo”.

Entre as medidas propostas e que vai avaliar esta mesa, a Xunta salienta a aposta pola mellora e pola promoción da calidade do leite galego, así coma a formación orientada ao fomento da xestión empresarial. Tamén se abordou o incremento da base territorial das explotacións, con instrumentos como a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que permitirá crear polígonos agrarios dun tamaño axeitado, formados por leiras total ou parcialmente abandonadas.

Valoracións das organizacións agrarias
Para as organizacións agrarias, o inicio dun plan estratéxico do sector lácteo vese como unha cuestión positiva, aínda que advirten da necesidade de afrontar problemas urxentes do sector con medidas inmediatas.

“É positivo un plan estratéxico que liste retos e necesidades, pero outra cousa é se a Xunta vai adoptar medidas políticas para afrontalos” (Isabel Vilalba, SLG)

“O plan estratéxico chegará nun futuro ás conclusións que todo o sector temos xa. Preócupame que se apracen decisións políticas necesarias á espera desas conclusións. Hai cousas que non son tema de estudo, son de vontade política”, plantea o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. García lembra que “Galicia ten os prezos do leite máis baixos de toda España” e incide en que os contratos que están ofrecendo as industrias lácteas non se corresponden coa realidade do mercado.

O Sindicato Labrego pronúnciase na mesma liña e lamenta que este plan estratéxico chegue anos despois do fin das cotas lácteas, “cando xa llo demandamos á Xunta”, lembra a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba. “A cuestión é que temos retos importantes que precisan de medidas urxentes, como os baixos prezos do leite ou a perda continuada de base territorial agraria, con máis de 130.000 hectáreas perdidas nos últimos anos”, advirte Vilalba.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego empraza á Xunta a recuperar a Mesa do Leite como foro de diálogo da cadea do leite no que abordar os problemas máis inmediatos. “Estamos de acordo en que o sector lácteo ten unha serie de retos e necesidades, que é positivo que se listen nun plan estratéxico, pero outra cousa será se o Goberno galego adoptará medidas políticas que afronten os problemas”, cuestiona Isabel Vilalba.

Lixeira baixada do prezo do leite

Os prezos do leite experimentaron unha lixeira baixada en febreiro, situándose en 31,5 céntimos de media (-0,2 céntimos), en tanto o prezo medio estatal permanece sen cambios en 33 céntimos. Galicia continúa á cola de tódalas comunidades en prezos, mentres Asturias está en 34,6 e Castilla y León en 33,1. Outra comunidade que, igual que Galicia, tradicionalmente mantén prezos baixos, como Cantabria, sitúase en 32,6 céntimos.

En canto á evolución da produción, o informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) amosa que por sexto mes consecutivo baixa a produción no conxunto de España en comparación cos mesmos meses dos exercicios anteriores. Nesta ocasión, a baixada das entregas é dun 0,6%, se ben Galicia, pola contra, segue subindo, este mes case un 1%. Desde o sector produtor interprétase que a suba das entregas en Galicia é consecuencia dos baixos prezos, pois aumentar produción é unha vía das ganderías para gañar en liquidez.

Situación de contratos
A baixada dos prezos en Galicia en febreiro, confirmada polo novo informe do Fega, repercutirá previsiblemente de xeito negativo nos prezos das industrias que teñen referenciado o seu prezo á evolución da media galega, como Lactalis.

Desde as organizacións agrarias amósanse especialmente críticos con Lactalis e Capsa (Larsa) polos contratos suscritos cos gandeiros para este ano. “Son contratos á baixa que se fixeron nun intre de recuperación en Europa”, cuestiona Roberto García, de Unións Agrarias. “As únicas grandes industrias que manteñen prezos axeitados son as ligadas a Mercadona”, apunta García en referencia a Entrepinares, Covap e Celega.

Ulega, a organización de produtores (OP) impulsada por Unións Agrarias, quere representar ós seus produtores nas negociacións coas industrias de cara ó próximo ciclo de contratos, no 2020, pois para os contratos suscritos este inverno non chegou a tempo o decreto de reforma do Paquete Lácteo, recentemente aprobado, que obriga ás industrias a negociar cos OPs os contratos dos gandeiros asociados ás mesmas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información