“Se o rural non produce, a cidade non come!!”

Centos de produtores convocados por Unións Agrarias manifestáronse este mércores polas rúas da Coruña para reivindicar prezos xustos para o leite ou a carne

“Se o rural non produce, a cidade non come!!”

Centos de gandeiros e gandeiras -uns 300 segundo a Policía Local- manifestáronse esta mañá polas rúas da Coruña en demanda de prezos xustos para os produtos do agro. A protesta que se iniciou hai semanas no sur de España, a raíz dos baixos prezos da aceituna, chega deste xeito a Galicia.

A mobilización, que discorreu sen tractores e de forma pacífica baixo o lema “Polo noso traballo, polos nosos produtos, prezos xustos!!”, foi convocada polo sindicato Unións Agrarias-UPA, mentres que as que se celebran no resto do Estado son máis unitarias, ao contar tamén co apoio da COAG, ASAJA e das cooperativas.

No caso galego, as principais reclamacións pasan sobre todo porque a distribución deixe de utilizar o leite e a carne como produto reclamo, con prezos por debaixo de custo.

Neste sentido, o portavoz de Unións Agrarias, Roberto García, pediu a colaboración dos consumidores para evitar respaldar este tipo de promocións que arruínan aos produtores. Ademais, reclamou a creación dunha mesa de negociación coa Xunta a próxima semana porque “Galicia ten competencias exclusivas na materia, e nesta mesa pódense determinar os custos de produción específicos da nosa comunidade”.

“Os gandeiros vense forzados por industrias e intermediarios a vender leite e carne sen cubrir custos, a prezos estancados dende hai anos. O rural afoga, e Xunta de Galicia e Goberno central deben actuar xa para evitalo. Está en xogo o modo de vida e o futuro de moitas familias” subliñou o secretario xeral de Unións Agrarias.

#AgricultoresAlLímite #GanaderosAlLímite

As 10 reclamacións de Unións Agrarias para os gandeiros e agricultores galegos:

1. Falta de prezos xustos: os agricultores e gandeiros non obteñen un prezo xusto polos seus produtos que lles permita acadar unha mínima rendibilidade. O motivo: o desequilibrio da cadea agroalimentaria, que provoca que as grandes distribuidoras e as industrias sexan poucos e poderosos, e os agricultores moitos e febles.

2. Suba dos custos de produción: a suba dos custos de produción de todo tipo convírtese nun enorme problema para agricultores e gandeiros, que non teñen capacidade de trasladar ese incremento ao prezo dos seus produtos e vense obrigados a vender por debaixo dos custos. Unha situación que afoga aos produtores de xeito sangrante, afundindo as súas posibilidades de futuro e abocando ao peche a moitas explotacións.

3. Recorte das axudas: as axudas de Europa, e mesmo as do goberno central e as das Comunidades Autónomas, levan anos sufrindo recortes. Neste momento a situación de fraxilidade é tal que obriga a destinar máis fondos para apoiar a un sector estratéxico e clave para o futuro da sociedade.

4. Barreiras comerciais: a imposición de barreiras comerciais como o veto ruso, o Brexit ou os aranceis de Trump ao viño, ás olivas e ao aceite son un grave problema. A balanza comercial resíntese, e a economía dos agricultores e gandeiros máis.

5. Empoderamento dos agricultores e gandeiros: somos un actor clave no futuro da socieade, pero non somos valorados como tal. Sen as persoas que cada día traballan no noso medio rural avanzará o despoboamento, e é preciso que o conxunto da sociedade comprenda e valore ese papel.

6. Reto climático: os agricultores e gandeiros están a aproveitar as protestas para defender o seu papel en relación ao reto climático. A capacidade da agricultora e da gandería para xestionar o entorno de xeito eficiente é indiscutible. Sen estas actividades teriamos unha natureza máis asilvestrada e descontrolada e, por ende, un maior risco de incendios forestais e desertificación.

7. Control da fauna salvaxe: a convivencia entre a agricultora, a gandería e a fauna salvaxe debe ser controlada e regulada para que sexa viable. Non é convinte confundir protección da natureza con un silvestrismo mal entendido. O mellor xeito de protexer ás especies salvaxes é regulando as súas poboacións e permitindo unha convivencia real e harmónica entre éstas e o ser humano. Agricultores e gandeiros non poden seguir cargando coas consecuencias dunha mala xestión, polo que as administración deben ser conscientes da problemática e tomar partido.

8. Regulamentación de ciclos curtos de comercialización, produtos de proximidade e etiquetado en orixe: as leis deben dar resposta aos problemas da cidadanía, non xerar máis prexuízos dos que resolven. Urxe un cambio lexislativo para permitir que agricultores e gandeiros poidan realizar unha venda directa dos seus produtos. En materia de etiquetado, urxe impoñer a obrigatoriedade de recoñecer a orixe de todos os alimentos na súa correspondente etiqueta.

9. Freo á especulación con produtos agrarios: mentras a rendibilidade da agricultura está baixo mínimos, seguen a producirse prácticas comerciais abusivas e desleais. Os intermediarios deben ser conscientes do seu papel na cadea agroalimentaria, e a Lei de Cadea Alimentaria debe cambiar e facerse máis esixente para frear os abusos.

10. Reivindicación do papel vertebrador da agricultura e da gandería fronte ao despoboamento, aos problemas ambientais e territoriais: a preocupación da opinión pública sobre o problema demográfico e o despoboamento medra día a día. O debate sobre a España Baleirada ten conseguido saltar aos primeiros niveis. Porén, nese debate agricultores e gandeiros deben cobrar un maior protagonismo. Porque sen eles non haberá futuro para o medio rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información