“Se logramos unir as cooperativas da Cornixa Cantábrica xestionaríamos máis do 50% do leite de España”

Entrevista a José Ángel Blanco Purriños presidente da Cooperativa Os Irmandiños. Amósase convencido de que “o futuro pasa por grupos cooperativos de máis dunha comunidade autónoma”

“Se logramos unir as cooperativas da Cornixa Cantábrica xestionaríamos máis do 50% do leite de España”

José Ángel Blanco Purriños, presidente da cooperativa Os Irmandiños, na súa gandería de Xermade.

José Ángel Blanco Purriños é presidente da Cooperativa Os Irmandiños dende o ano 2010. Neste período o cooperativa consolidouse como unha das de referencia en Galicia, tanto en número de socios, máis de 1.000, como pola diversificación dos seus ingresos.

Cunhas vendas de en torno aos 33 millóns de euros, a venda de pensos segue a representar a maior parte da súa facturación, seguida polo Centro de Alimentación de Vacún (CAVI) e a súa área de distribución comercial na que proximamente abrirán tamén unha gasolineira.

José Ángel Blanco insiste en que a xestión da cooperativa debe ser “como a dunha empresa”, buscando beneficios que repercutan nos socios e tamén en novos proxectos para o agro, como Clesa, na que participan nun 21% do accionariado.

Unha vía, a de que as cooperativas participen na transformación do leite, na que considera imprescindible avanzar, pero con estruturas cooperativas máis grandes e competitivas.

A cooperativa Os Irmandiños conta con socios tanto en Galicia como no occidente de Asturias. ¿Que diferenzas atopades na situación dos gandeiros nas dúas comunidades?
A situación xeral é preocupante, con moitos gandeiros que cobran o leite por debaixo dos custos de produción e unha gran incerteza de cara o futuro. A principal diferenza é que os gandeiros de Asturias están integrados en Central Lechera Asturiana, unha marca de prestixio que é propiedade dos gandeiros.

Eses socios, entre os cales tamén están gandeiros dalgúns concellos galegos, así como socios nosos, están nunha situación mellor, pero no resto non hai grandes diferenzas con Galicia.

Sodes unha cooperativa que no seu momento non decidistes dar o paso de ser primeiro compradora de leite aos vosos socios. ¿Como valorades esa decisión a día de hoxe?
Cando a cooperativa Os Irmandiños botou a andar no ano 1976, naceu como unha cooperativa de subministros e servizos agropecuarios. Logo evolucionou coa creación da tenda, para servizos aos socios, e o entorno rural en xeral.

Creo que agora mesmo, de entrarmos na transformación do leite, debería ser da man dunha industria cunha xestión profesional e coa dimensión axeitada para desenvolverse nun mercado cada vez máis esixente e competitivo. Iso foi o que fixemos no caso de Clesa, onde levamos tres anos e co que esperamos lograr ese obxectivo.

Neste sentido, ¿Como valorades a participación de Os Irmandiños en Clesa?
Gustaríanos que Clesa fose máis grande e comprase moitos máis litros, pero hai que ver o proxecto con perspectiva temporal. Estamos moi satisfeitos coa decisión de entrar no capital de Clesa porque o plan de negocio estase cumprindo.

De momento non estamos enviando leite dos nosos socios a Clesa. Cando constituímos ACOLAC, hai máis de tres anos, era un momento de alta demanda de leite no mercado e de prezos altos, polo que as cooperativas primeiro compradoras que decidiron subministrar leite a Clesa fixérono con prezos inferiores aos do mercado. O acordo ao que chegamos foi que xa que fixeron ese esforzo naquel momento deberían continuar nos momentos de prezos baixos no mercado, coma este.

 “Estamos moi satisfeitos coa decisión de entrar no capital de Clesa e estamos abertos a outros proxectos”

En todo caso, que Clesa retire leite do mercado e o transforme é beneficioso tanto para os gandeiros que lle venden o leite como para o conxunto do sector. Temos que apostar por Clesa porque nos repercute positivamente a todos.

Dende o consello reitor pensamos que a cooperativa ten que ser unha empresa e lograr un beneficio, que logo repartimos entre os socios e na capitalización da cooperativa, o que nos permite facer investimentos para darlle valor á transformación do leite e da carne.

¿Ten previsto a cooperativa Os Irmandiños participar noutro proxecto de transformación do leite?
Agora mesmo non, pero estamos abertos a calquera oportunidade que se nos poida presentar, que sexa asumible economicamente para nós e que teña un plan de negocio detrás. De valoralo positivamente dende o concello reitor, presentaríamosllo á asemblea de socios para que tomasen a decisión.

As organizacións de produtores lácteos é unha das ferramentas que defende a administración para que os gandeiros gañen forza na negociación dos prezos do leite ¿Que futuro lle vedes ás OPL´s?
En teoría debería ser así: agrupando a oferta os gandeiros deberíamos ter máis forza. Pero creo que o sector non está suficientemente preparado, xa que deberíamos partir dunha organización (cooperativa, sindicato…etc) de maior tamaño.

O problema de prezos do leite é mundial. O problema específico de Galicia é que hai gandeiros cobrando 30 céntimos polo litro e outros 18, e esta disparidade é algo que nunca ocorreu. Falta unha organización forte dos gandeiros que consiga regular a produción e amortiguar estas caídas.

Fostes unha das primeiras cooperativas galegas en poñer en marcha un centro de forraxes en común ¿Como valorades a iniciativa?
Moitos dos nosos socios pedíannos ese servizo e decidimos poñelo en marcha. Ante a falta de mobilidade de terras, o Centro de Alimentación de Vacún Irmandiños (CAVI) o que fai é xestionar o traballo de algo máis de 300 hectáreas de terra dos socios que así o desexan. É dicir, a cooperativa realiza a sementeira, coidado e colleita dos cultivos, fundamentalmente millo forraxeiro e raigrás. Ademais, almacena o silo e repárteo diariamente entre as 70 explotacións socias que demandan neste momento o sistema de mestura húmida.

“O problema de Galicia é que falta unha organización forte dos gandeiros que consiga regular a produción”

Inicialmente este servizo estaba pensado para os socios de Ribadeo e comarca, pero agora vemos que tamén está a ser demandado por gandeiros socios doutros concellos da Terra Chá, como A Pastoriza ou Xermade, sobre todo a aqueles aos que lles sobra millo e prefiren venderllo á cooperativa.

A principal vantaxe para o gandeiro é unha boa relación calidade prezo e, sobre todo, maior calidade de vida, máis tempo para o coidado da gandería, despreocupándose das labores agrícolas, e menos gasto en maquinaria. Por exemplo, se un gandeiro quere aumentar a súa cabana en 10 vacas, só nos ten que comunicalo para que nós lle aumentemos a mestura húmida que lle aportamos, sempre respectando os límites de carga gandeira.

¿Estades buscando máis superficie para o cultivo de forraxes noutras partes de Galicia?
Chámanos xente interesada en vendernos forraxe doutras partes de Galicia. Non descartamos tanto mercar forraxe como producilo nós noutras partes de Galicia, pero todo depende da demanda que teñan as nosas explotacións.

Agora mesmo estamos nunha situación de estancamento despois de varios anos de suba da cantidade xestionada polo CAVI, e isto débese á situación de incerteza do sector lácteo

IRMANDIÑOS_PRESIDENTE_02_APAISADA

José Ángel Blanco na súa explotación de Xermade

Vides de tomar a decisión de ampliar a vosa área comercial e poñer en marcha unha estación de servizo na sede da cooperativa en Ribadeo. ¿Que vos levou a tomar estas decisións?
As obras da estación de servizo xa están rematadas e só estamos á espera de resolver algúns trámites burocráticos para abrila. Decidimos poñela en marcha na nosa sede porque estamos no camiño da Praia das Catedrais, un dos grandes atractivos turísticos de Galicia, e pensamos que é unha forma de captar recursos para a cooperativa para poder reinvestir eses beneficios no impulso da actividade agraria.

En Asturias teñen moi avanzado o proceso de integración cooperativa e en Galicia a Consellería está a impulsar esta asignatura pendente. ¿Como vedes este proceso?
É un proceso necesario. As cooperativas, ao igual que as explotacións, teñen que ter unha xestión empresarial, e vemos como gañar tamaño e volume é imprescindible para competir nun mercado globalizado. É imprescindible ir nas cooperativas agrarias a tamaños máis grandes.

“O futuro pasa por unirse, pero a día de hoxe o único que hai son contactos”

Se lle preguntamos aos nosos gandeiros se están dispostos a investir en proxectos industriais de transformación do leite penso que a maioría diríamos que si, pero cando vemos as cifras dos recursos económicos que poderíamos mover as cooperativas son pequenas para estar en pé de igualdade coas grandes empresas lácteas. É dicir, necesitamos estruturas cooperativas moito máis grandes para competir nun mercado global e aberto.

¿Hai negociacións en marcha para a integración das maiores cooperativas galegas?
Creo que o futuro pasa por unirse e o que podo dicir é que a día de hoxe hai contactos. O futuro pasa por grupos cooperativos de máis dunha comunidade autónoma, que sexan propiedade dos gandeiros e xestionado polos mellores profesionais que hai no mercado.

Por exemplo, se lográsemos agrupar as cooperativas de toda a Cornixa Cantábrica estariamos falando de xestionar máis do 50% do leite producido en España e aí xa teríamos algo que dicir no mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información