Sat Regueiro Branco: unha gandería innovadora na produción de forraxes

Esta explotación de vacún de leite de Ordes optou por incrementar a superficie de pradeiras permanentes, reducir a de millo utilizando ciclos máis longos e apostar pola cebada mesturada con veza como cultivo de inverno. O resultado: forraxes de maior calidade e redución de gastos nos cultivos

Sat Regueiro Branco: unha gandería innovadora na produción de forraxes

De esquerda a dereita: José María, José Martín, Manuel e Álvaro

Sat Regueiro Branco é unha das principais ganderías de vacún de leite da comarca de Ordes. Constituída no 2010, está formada por cinco socios que previamente xa compartían traballos agrícolas en común a través dunha Cuma: José María, Álvaro, José Martín, María Carmen e Manuel.

“Partiamos de explotacións familiares de carácter individual e a maioría precisabamos facer investimentos en breve, e despois de moito falar, vimos que era máis viable facelo en común xuntando as terras e os animais”, explica Álvaro, socio desta Sat, que tomou o nome da parcela que mercaron para construír o establo.

Contan con 290 animais adultos, dos que 260 son vacas en muxido, e 30 secas, e as becerras e as xovencas roldan os 220 animais. A súa produción anual supera os 3 millóns de quilos de leite.

A súa base territorial é de arredor 120 hectáreas, entre propias e alugadas. Precisamente, é a xestión e o manexo que realizan dos cultivos un dos aspectos máis innovadores de Sat Regueiro Branco.

Manexo da base territorial: máis e mellores forraxes con cereais de inverno e maior superficie de pradeiras permanentes

E é que esta gandería partía dun sistema de rotación case ao 80% de millo forraxeiro en verán e raigrás italiano en inverno, deixando o resto a barbeito e algo de pradeira permanente. Sen embargo hai tres anos empezaron a substituír o raigrass de inverno por unha mestura de cereais e leguminosas, e a aumentar a superficie de pradeira permanente en detrimento da superficie de millo.

“Empezamos con triticale e trevo alexandrino, que daba uns bos rendementos por hectárea a baixos custos, pero non nos convenceu, polo que pasamos hai dous anos a facer un ensaio con cebada mesturada con veza, cuns resultados moi bos tanto en produción como en proteína -un 15,5% de Proteína Bruta-, de forma que esta campaña sementamos unhas 25 hectáreas no mes de outubro que ensilaremos en abril”, explica Álvaro, socio de Sat Regueiro Branco.

Ao mesmo tempo tamén están a introducir a alfalfa con bos resultados como cultivo permanente. Empezaron cunha parcela de 2,5 hectáreas e o pasado setembro xa sementaron 7,5 hectáreas, “un cultivo que con algo de coidado, e aplicándolle un herbicida nesta época, se dá perfectamente en Galicia”. Empregan as variedades Marina e Claudia, especiais para ensilado en verde, e ensílana en rolos, cunhas calidades de proteína que roldan o 19%.

A outra estratexia desta gandería foi aumentar a superficie de pradeiras permanentes de raigrás inglés. Así, pasaron dunhas 20 hectáreas a 50, que renovan cada 4 anos e que lles permiten optimizar o aproveitamento da herba tanto para ensilado como para pastoreo das xovencas nas fincas máis próximas ao establo.

“Con este sistema gastamos menos e producimos o mesmo e de máis calidade”

“Coas pradeiras permanentes -explica Álvaro- sacamos máis cantidade de herba que coas temporais e de maior calidade, cunha porcentaxe de proteína que na última campaña foi do 15,5%”, por riba da media dos silos de herba de Galicia, situada no 12,1% en 2016.

Esta reorientación dos cultivos permitiulles baixar a superficie de millo forraxeiro de 85 a unhas 60 hectáreas na actualidade. “Ao ter cereais de inverno e, sobre todo, ao ter máis pradeira, permítenos sementar antes o millo e ir a ciclos máis longos, en torno a 500, que teñen un maior rendemento, co cal nos compensa o descenso da superficie”, salientan dende Sat Regueiro Branco.

En resumo, as principais vantaxes que lle ven os socios desta gandería a este sistema de xestión dos cultivos “é que tes herba e forraxes de cereal con leguminosas de maior cantidade e calidades; podes sementar ciclos máis longos e produtivos de millo, e tes moito menos gasto e menos traballo ao arar e sementar cada ano menos superficie”. E iso, respectando os criterios da PAC.

“O sistema de alternar ano tras ano o 100% da superficie con millo e despois con raigrás italiano, leva a moito gasto e a non coller nin bo millo nin boas calidades e cantidades de herba”, opina Álvaro.

Produción e calidades do leite

Con estas forraxes en Sat Regueiro Branco elaboran unha ración única de 30 kilos de millo, 15 kilos de herba (dos que dous terzos son de silo de herba e un terzo de cereal con veza), 0,5 kilos de palla e arredor de 11 kilos de concentrado.

Con esta alimentación as vacas producen en torno a 36 litros de leite ao día. As calidades roldan o 3,9 de graxa e 3,35 de media de proteína nos últimos meses e, en bacterioloxía, o Reconto de Células somáticas está entre 120 e 160.000.

Xenética e reprodución: aposta polo seme sexado en xovencas e pola inseminación con carne

En canto á reprodución e á selección xenética, nesta gandería empregan seme sexado nas xovencas para ter descendentes dos animais con mellor xenética e mellores índices de Conafe, e teñen previsto a curto prazo realizar xenotipado das becerras para ser máis precisos na selección xenética.

Deste xeito, en arredor do 80% das xovencas empregan seme sexado, e no resto inseminan con raza Angus. En canto ás vacas, empregan seme de Limousin nun 30%, as de peores índices xenéticos, e no resto das vacas empregan seme convencional.

“Non temos necesidade de tanta recría e vemos que en xenética avanzas máis non recriando das vacas malas”, conclúen dende esta gandería.

Organización do traballo

Un dos obxectivos da creación de Sat Regueiro Branco foi que os socios melloraran a súa calidade de vida, en forma de tempo libre.

Para isto, os 6 traballadores desta gandería (5 socios e 1 asalariado) repártense en dous equipos que libran dous fins de semana alternos ao mes, máis un día pola semana, 8 días mensuais en total. Un sistema que repiten para os días festivos.

Para as vacacións de verán todos collen un mes de vacacións en dúas quincenas repartidas nos meses de xullo e agosto.

“O futuro pasa por ter base territorial e non endebedarse demasiado”

En canto ao marxe de mellora, en SAT Regueiro Branco queren seguir traballando sobre todo en recría e no coidado das vacas secas. Tamén en benestar animal, cun establo no que prime o benestar animal e non haxa saturación, porque redunda tanto no estrés da vaca como na súa produción, algo que experimentaron directamente ao ter que reducir vacas en produción no ano 2016.

Outras melloras de menor dimensión, pero non por iso de menor importancia, son ampliar o sistema de cobertura móbil dos silos de herba aos silos de millo, así como meter plásticos nas paredes dos silos, algo que redunda en menores perdas e maiores calidades

Cuberta móvil para o silo de herba

.

As claves da rendibilidade para a Sat Regueiro Branco:

-Ter máis base territorial e manexala ben para ter forraxes bos tanto en cantidade como en calidades.

-Evitar o sobreendebedamento: “A explotación que teña que mercar moito alimento e que estea endebedada vaino ter moi difícil”.

-”O noso obxectivo non é medrar, senón que as vacas que teñamos sexan rendibles”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información