SAT As Pandas, 47 litros de media nunha explotación robotizada

Esta explotación de Goiriz, en Vilalba, que comezou a funcionar no 2011, vén de incorporar o terceiro robot e vai camiño dos 160 animais en produción, onde pensan estabilizarse, co obxectivo de non sobrecargar o sistema de muxido

Juan e Moisés na nave de produción, ubicada na parroquia de Goiriz

Juan e Moisés na nave de produción, ubicada na parroquia de Goiriz

No ano 2008 catro familias das parroquias de Goiriz e Román, en Vilalba, decidiron xuntarse e constituir unha SAT para traballar máis cómodos e poder medrar. Desa unión naceu unha explotación que hoxe ten 300 cabezas e que logra medias de produción de 47 litros por vaca e día.

SAT As Pandas constitúe unha das referencias na comarca chairega en canto a altas producións cun sistema de muxido robotizado. Pero entregan a Entrepinares, polo que, ademais de litros, tamén precisan calidades. Andan no 3,80% de graxa e 3,30% de proteína e cando inseminan é unha das cousas que teñen en conta á hora de escoller os touros.

“Todos os anos fomos aumentando á produción e hoxe andamos nos 6.800 quilos diarios”, conta Moisés Vispalia, dunha das dúas familias que quedan hoxe na explotación logo do falecemento dun dos catro membros orixinarios e da xubilación doutro. Xunto a Moisés traballan na SAT a súa irmá Nuria, Juan Pernas, outro dos socios iniciais, e un empregado. “Libramos pouco, traballamos dúas fins de semana seguidas e descansamos unha”, explica Juan.

Acaban de incorporar o terceiro robot

SAT As Pandas robotA explotación comezou a funcionar na súa actual ubicación no ano 2011 xa con dous robots de muxido e o pasado mes de decembro incorporaron un terceiro para desconxestionar o sistema. “Tiñamos 140 vacas en produción en dous robots, estabamos moi sobrecargados”, conta Juan.

Na actualidade están muxindo 144 animais e a súa intención é medrar até os 160 e estabilizarse nesa cifra, malia que contan con 170 cubículos na nave de produción. “Non compensa ter os robots saturados. Cando puxemos o terceiro robot, coas mesmas vacas pasamos a producir 500 litros máis ao día simplemente pasando dunha media de 2,5 muxidos diarios de 3,5”, detallan. Por iso, di Juan, “non nos imos obsesionar con encher o terceiro robot e poñernos outra vez en 70 vacas en cada un como tiñamos antes”.

Non compensa ter os robots saturados. Cando puxemos o terceiro robot, coas mesmas vacas pasamos a producir 500 litros máis ao día simplemente pasando dunha media de 2,5 muxidos diarios de 3,5

O terceiro robot instalárono ao fondo da nave de produción, na parte exterior, sen necesidade de facer máis obra que un pequeno cobertizo onde colocalo. Pero nesa zona era onde tiñan o lote das secas e das xovencas próximas ao parto, o que os obrigou a trasladalas.

Para buscarlles unha nova ubicación ampliaron o establo nun dos laterais, onde situaron agora ademais das secas e as xovencas próximas, a parideira e o espazo para a recría máis pequena, até o momento do destete. Até agora as becerras nada máis nacían e tomaban o costro eran trasladadas a outra corte, onde teñen a recría, aproveitando as antigas instalacións dunha das ganderías que constituíron a SAT pero están máis a desmán que a carón das vacas en produción. “Queremos traer para aquí a amamantadora e as xatas máis pequenas para telas máis vixiadas”, explica Moisés.

Recría propia

SAT As Pandas parideiraToda a recría que usan en SAT As Pandas é da propia explotación. “Criamos todo nós e cando tiñamos só os dous robots vendiamos algo para vida porque nos sobraba e a falta de sitio nos robots limitábanos”, indica Juan. Do coidado da recría encárgase Nuria na antiga explotación familiar. “Dámoslles o costro e están en boxes até os 15 días, que é cando pasan á amamantadora até os 70 ou 75 días cunha curva de lactación que comeza en 6 quilos de leite e remata en 9”, detalla Moisés.

Unha vez destetadas, as becerras pasan a un primeiro lote até os 6-7 meses de vida e posteriormente a outro até os 12-13 meses. A continuación van ao lote de inseminación, xa en cubículos, ao igual que están as preñadas. Con 7 meses de xestación, as xovencas volven para a nave de produción, ao lote de preparto, para adaptarse á nave e aos cubículos.

A xenética está moi globalizada e tes aquí os mesmos touros que fóra porque son descendentes das mesmas familias

Empregan só algo de sexado nas primeirizas e case todo o seme que utilizan é de Xenética Fontao. “A xenética está moi globalizada e tes aquí os mesmos touros que fóra porque son descendentes das mesmas familias”, di Moisés. Por iso, só de xeito puntual botan man de algunha dose de touros franceses ou holandeses en busca de máis graxa e proteína.

Unha parte da recría está en extensivo e os ataques de lobo xa comezan a ser frecuentes pola zona. “Temos as xovencas fóra pero están ben pechadas e de momento non nos afectou, pero o lobo xa se ve por aquí, antes non había, pero vímolos xa a 200 metros da casa”, advirte Moisés.

Nave modular tipo invernadoiro

Un grafitti obra de Pablo Lage Sanjurjo decora á entrada ao establo

Un grafitti de Pablo Laherty decora a entrada ao establo

Cando no ano 2008 formaron a SAT decidiron construír o actual establo nunha finca de 10 hectáreas alonxada das casas. “Entramos aquí no 2011, estivemos dous anos esperando polos permisos e logo botamos outro ano facendo a nave”, lembran. “Antes de poñer un pé aquí xa levabamos 30.000 euros gastados nos permisos”, quéixase Moisés, que di que “a Administración cada vez pon máis trabas para facer cousas, máis requisitos para traballar”.

A Administración cada vez pon máis trabas para facer cousas, máis requisitos para traballar

Cando fai un ano engadiron un corpo máis á nave modular tipo invernadoiro pola que se decantaron no 2011 obrigáronos a facer un estudo xeolóxico sobre o terreo malia ser unha parcela chá e tratarse dunha estrutura metálica moi sinxela. Foi unha das razóns que lles fixo optar por este sistema construtivo no seu momento en vez de polo tradicional de pórticos de formigón. “Era máis barato e como se abre polo teito funciona moi ben para ventilar cando vai calor”, engade Moisés.

Na entrada ao establo, no lugar onde se atopa a leitería, dous dos robots e a oficina na parte superior, un gran mural de 50 metros cadrados decora a parede exterior. É obra dun dos grafiteiros galegos de maior prestixio, Pablo Lage Sanjurjo, coñecido como Pablo Laherty, que asina as súas obras como Van-Kraft e que ten raíces familiares en Vilalba.

Mellora continua

SAT As Pandas arrimadorA ampliación do establo que fixeron o ano pasado, de 1.000 metros cadrados, para as vacas secas, o lote de preparto e as becerras pequenas engádese a toda unha serie de melloras que foron facendo nas instalacións nos case 10 anos que levan no actual emprazamento. Despois de construir a nave no ano 2011 fixeron os silos, un almacén para a palla e a herba seca e outro a maiores de 40×15 metros para a maquinaria.

As melloras hai que pagalas mes a mes, ninguén chas regala, e o prezo do leite está igual que fai 30 anos

Ademais dos robots de muxido e a amamantadora para as becerras, foron incorporando outras melloras tecnolóxicas, como o arrimador automático de comida. “Xa cho esixen os robots, porque muxindo na sala as vacas de noite teñen menos actividade, pero cos robots o funcionamento é 24 horas e tiñamos que vir de noite arrimar porque quedaban sen comida”, conta Moisés, que indica que “as melloras hai que pagalas mes a mes, ninguén chas regala, e o prezo do leite está igual que fai 30 anos”.

Ademais, considera que “o prezo actual do leite é enganoso porque os contratos están asinados con prezos indexados sobre o valor de mercado dos produtos lácteos que vende a industria pero non sobre os custos de produción que ten o gandeiro”. Por iso, asegura, “para os gandeiros os contratos non serven máis que para ter garantida a recollida pero o prezo vai depender de diversos factores, o único que ten garantido o prezo de compra da materia prima co contrato é a industria”, argumenta.

“Botamos cada vez menos millo por culpa do xabarín”

Os danos do xabarín obrigounos a reducir de 30 a 23 quilos a cantidade de silo de millo na ración

Os danos do xabarín obrigounos a reducir de 30 a 23 os quilos de silo de millo na ración

SAT As Pandas traballa unhas 130 hectáreas de terreo, todas cerca, pero con outro problema: o do minifundio. “Non hai concentración e son arredor de 400 parcelas, só temos fincas grandes nas que son nosas porque fomos xuntando pero o resto a maioría son pequenas e mal feitas”, explica Moisés.

A metade da superficie é alugada ou cedida e o resto pertence ás explotacións que formaron a SAT. A parroquia de Goiriz conta con 3.000 hectáreas de terreo e eles son a explotación de leite máis grande das que quedan. “Non temos problema de base territorial nesta zona, pero necesitabamos unha reorganización do territorio xa, todo avanza nas granxas menos iso”, demanda.

Necesitamos unha reorganización do territorio xa, todo avanza nas granxas menos iso

O reducido tamaño das parcelas e as dificultades para traballalas suponlles maiores gastos e máis horas de maquinaria. “Contratamos a colleitadora para a recollida do millo e da herba, o resto facémolo nós todo”, explica Juan.

O porco bravo obrigounos a variar a ración

Dispoñen de carro propio

Dispoñen de carro propio

Ao problema do minifundio engádese o do xabarín. Os danos provocados polo porco bravo obrigounos a ir reducindo a superficie de millo que labraban. “Cada vez botamos menos millo. Comezamos sementando 50 hectáreas e agora reducimos a 40 e como siga así o xabarín teremos que deixar de labralo. Nos últimos anos vimos aumentar moito os danos”, conta Juan.

“É imposible pechar 20 ou 25 fincas, que son nas que botamos o millo, e moitas delas están pegadas ao monte”, engade Moisés. Nesta explotación usan o millo para renovar as fincas, polo que van rotando as parcelas nas que o sementan cada ano, pero o xabarín tamén lles desfai despois a pradeira.

No verán a ración das vacas de leite fana dúas veces ao día para que non queza e sexa máis apetecible

Co condicionante do porco bravo e a diminución na superficie que adican a millo víronse obrigados a variar a ración diaria de alimentación para que lles chegara para todo o ano. “Pasamos de dar 30 quilos de silo de millo a case igualar co de herba”, explica Juan, que é o que se encarga normalmente do carro.

A ración das vacas secas e a das xovencas leva herba seca

A ración das secas e a da recría leva herba seca

A ración de produción está neste momento en SAT As Pandas en 23 quilos de silo de millo, 22 de silo de herba, 7 de penso (aos que hai que engadir os outros 7 de punteo do robot) e medio quilo de herba seca. Nos días de calor do verán ás vacas de leite fanlles a ración dúas veces ao día para que non queza e sexa máis apetecible e o resto do ano sírvenllela unha vez ao día.

Fan ademais unha vez cada dous días as racións para as vacas secas e a recría. No caso das secas empregan só herba seca, penso e morea, mentres que no caso das xovencas leva herba seca, silo de herba, silo de millo e un quilo de penso.

O problema da area na balsa do purín

A area, que sobe á superficie, desfana cun axitador e sácana coa cisterna no medio do purín

A area desfana cun axitador e sácana coa cisterna mesturada no medio do purín

Contan con carro propio autopropulsado, do mesmo xeito que tamén dispoñen dun importante parque de maquinaria para a realización por parte deles mesmos de case todas as labores agrícolas. Para botar o purín, por exemplo, mercaron unha cisterna un pouco máis grande e que tivese remexedor para que a area que usan para as camas das vacas en produción non quedase depositada no fondo da cisterna.

“Empezamos coa area no ano 2011 cando viñemos para a nave nova. Como cama para as vacas é moi boa pero é un material que dá problemas de desgaste e á hora de sacala da balsa. Nós remexémola cun axitador e sacámola coa cisterna no medio do purín, pero tivemos que cambiar tamén a cisterna por unha que nos servise para levar a area”, conta Moisés. Pero agora se se fai obrigatorio o uso de inxectores para o purín poida que o método que empregan actualmente xa non lles funcione e teñan que volver varialo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información