SAT Emilio do Jaime, o gusto polas frisonas roxas

Nesta explotación de Cospeito conviven vacas holstein brancas e negras con outras vermellas. Emilio, un dos catro socios desta gandería, foi durante anos controlador de Africor e asegura que a cor da capa non inflúe na produción

Emilio, coas súas vacas na parroquia de Xustás, en Cospeito

Emilio, coas súas vacas na parroquia de Xustás, en Cospeito

Coma a práctica totalidade das ganderías de leite galegas, esta SAT ubicada na parroquia de Xustás leva anos modernizándose e facendo melloras tanto nas instalacións como na base xenética dos seus animais. E entre os cambios visibles que hai nesta granxa está tamén a cor das súas vacas.

Son todas de raza frisona, pero hainas de cor negra e de cor vermella. Comparten espazo, alimentación, manexo e resultados. Están nos mesmos lotes, mesturadas, e Jaime Rodríguez Buíde, un dos catro socios desta SAT familiar, asegura que “o color da capa non inflúe na produción”. “A min gústanme moito as frisonas roxas, o problema é que hai poucos touros roxos bos”, di.

“Teño animais moi bos tanto frisóns branco e negro como roxos”, conta. Por exemplo, Jaime Diabolo 988 é a terceira mellor becerra roxa de España pola proba xenómica e en branco e negro tamén hai algunha xovenca desta gandería nos primeiros postos do ránking.

Traballan 140 hectáreas de terreo, das que botan a millo 73

Traballan 140 hectáreas de terreo, das que se encarga Jaime

“Teño gastado moitos cartos en xenética”, di Emilio, que explica que comprou a primeira xovenca e comezou cos embrións “cando funcionaba Bos” , un centro cuxa Unidade de Transferencia Embrionaria, ubicada en Guísamo e dependente da Xunta de Galicia, que funcionou até o ano 2012, era una referencia a nivel estatal.

O gusto pola xenética de Emilio venlle de cando era controlador de Africor, algo ao que se adicou até o 2008, cando se incorporou á gandería familiar, que está formada hoxe tamén polo seu irmán Jaime e polos seus pais, Emilio e Josefa. “A meu irmán sempre lle gustou máis a maquinaria que as vacas e até o ano 2016 andivo traballando nunha empresa de servizos agrarios, e a min pásame ao revés, así que nos complementamos ben”, afirma Emilio.

255 vacas en muxidura

A gandería iniciouna o seu pai. “No ano 1980 foi cando se fixo o primeiro establo trabado, para 34 vacas, e no 2000 o primeiro libre”, explica. No 2011 constituíron a SAT e dobraron o número de cabezas. En 2016 e 2018 viñeron novas ampliacións até as 255 vacas en muxidura que teñen a día de hoxe.

“Non temos pensado medrar máis, non por falta de forraxe, senón por falta de persoal”

“En principio agora imos parar aquí, por falta de persoal, non por falta de forraxe”, aclara Emilio. Manexan neste momento 140 hectáreas de terreo, das que sementan a millo un total de 73. A finca máis lonxe téñena a 7 quilómetros da granxa. Na parroquia na que se atopan só queda outra explotación, SAT Xustás, pero non hai concentración parcelaria. “Concentramos nós, pero non é o mesmo, porque hai que deixar os marcos no medio”, di.

Traballan na explotación os dous irmáns (Emilio e Jaime), a súa nai (Josefa), Mari (a muller de Emilio) e tres empregados. “Facemos falta todos porque ao facer o traballo agrícola fai falta xente. E menos a picadora, facemos nós todo”, conta Emilio. O seu irmán Jaime leva a parte de maquinaria e el a parte do establo (inseminacións, partos, etc) e nas campañas bótalle tamén unha man no traballo de campo.

Sala de muxido nova de 32 puntos

Moxen sempre dúas persoas na sala mentres outra trae os lotes de vacas e amaña os cubículos

Moxen sempre dúas persoas na sala mentres outra trae lotes de vacas e amaña os cubículos

Os demais adícanse a muxir. Sempre tres persoas, dúas na sala e outra traendo lotes e amañando cubículos. Muxen dúas veces ao día e lévalles dúas horas e cuarto, a metade que antes de cambiar a sala de muxido. Desde finais de 2017 contan cunha 2×16 traseira con identificación e porta selectora. “A identificación axuda moito a manexar o rabaño, a controlar o tema dos celos e as baixadas na produción”, asegura Emilio.

Antes, cunha sala 2×6 tamén traseira, leváballes case catro horas muxir e iso que tiñan menos vacas ca hoxe. Coa nova sala de 32 puntos aforran moito tempo e “as vacas están moito menos tempo de pé na sala de espera”, destaca.

“A identificación vaca a vaca axuda moito a manexar o rabaño e a tomar decisións”

Ademais, nunha explotación coa dimensión coma a que ten esta SAT é doado que haxa variacións no número de animais que hai que muxir nun momento concreto con respecto a outro, pero unha sala coma esta é capaz de asumir ese volume a maiores sen ter practicamente que incrementar o tempo de muxido. Aínda que non pretenden aumentar polo de agora, esta sala permitiríalles medrar e muxir máis vacas que as que teñen hoxe.

Decantáronse tamén pola identificación vaca a vaca mediante colar, en substitución dos podómetros que tiñan antes. Agora, ademais dos datos de produción e detección de celos, contan coa información sobre condutividade para deste xeito poder coller a tempo posibles mamites e atallalas canto antes.

Tamén preferiron poñer outra sala de muxido no canto de robots “porque son moitos animais e cando acabas de muxir esquéceste, aínda que o investimento era practicamente o mesmo”, di Emilio. Entregan a Leite Río desde fai ano e medio. Con anterioridade leváballes o leite Celega. Nos dous muxidos que fan, ás sete e media da mañá e ás sete da tarde, logran medias por vaca de 35 litros, con 4,10% de graxa e 3,40% de proteína.

As becerras están nos boxes de dúas en dúas

recria de 2 en 2

As xatas están nos boxes até que cumpren unha semana de vida e despois pasan xa á amamantadora

Igual que a forraxe, nesta SAT fan tamén a recría na propia explotación. Puxeron seme sexado e embrións durante anos (están no programa de Xenética Fontao) para poder medrar e agora son excedentarios no número de xovencas. “Se quixeramos seguir medrando poderiamos porque nos sobra recría. De feito xa estamos poñendo a un 30% das vacas limusín”, conta Emilio.

Cando nacen as becerras fan un bo encalostrado e logo pásanas a boxes nas que están de dúas en dúas. “Medran máis e saen máis espabiladas”, considera. Á semana xa pasan á amamantadora, que tamén mercaron fai dous anos. “É algo que saca moito traballo e é moito mellor tamén para as becerras. Desde que a temos notamos que maman máis cantidade de leite pero máis repartido e sempre á mesma temperatura e coa mesma concentración e tamén enferman menos”, argumenta Emilio.

“A luz é un consumo nas explotacións que se nota moito”

Cunha subvención do Inega puxeron tamén placas solares o ano pasado. “Temos 21Kw de potencia instalada pero como só se fan 2 muxiduras perdiamos moita enerxía, por iso decidimos poñer unha torre de 25.000 litros que leva un banco de auga xeada que é enfriada coas placas solares durante o día e con ese xeo é logo co que se enfría o leite as 24 horas”, detalla. “A luz é un consumo nas explotacións que se nota moito”, engade.

Estar a carón do río Miño: unha razón para ter separador de purín

“Temos os investimentos gordos feitos, agora só nos queda facer unha fosa de purín e poñer un separador, para o que temos pedido un plan de mellora”, explica Emilio. “Estamos a carón do río Miño e o sólido é más doado de almacenar e de botar, non ten tantas esixencias medioambientais”, engade.

“Para o volume de vacas que temos nós sen separador teriamos que facer unha fosa de 9 millóns de litros e sería inviable”

Esa é unha das razóns que os levou a optar polo separador, que xa teñen perto deles na SAT Ferreiros, en Bazar, no veciño concello de Castro de Rei. A outra razón é que evitan ter que ampliar tanto a fosa do purín. “Para este volume de vacas sen separador teriamos que facer unha fosa de 9 millóns de litros, sería inviable. Co separador, con 2 millóns de litros amañamos”, conta.

Contan tamén con achegador de comida ao pesebre. Teñen carro mesturador propio, pero é pequeno, o que os obriga a ter que facer máis racións. Para as vacas en produción preparan unha ración única para todas. Fan outra para as xovencas e as secas e unha diferente para preparto, que preparan cada dous días, o mesmo que para a recría de menos dun ano, que tamén fan cada dous días.

Consideradas durante anos unha anomalía xenética

As frisonas negras e as frisonas vermellas comparten instalacións nesta gandería

As frisonas negras e as vermellas comparten instalacións nesta gandería de Cospeito

Na segunda metade do século XIX os gandeiros norteamericanos importaron de Holanda unhas 8.000 vacas de raza holstein que serían a base da súa cabana gandeira posterior. Unha parte deses animais portaban un xen recesivo vermello que acabou por aparecer na descendencia. Pero durante anos foi considerado un defecto xenético a erradicar na busca dunha raza 100% pura.

Até fai medio século esas vacas eran consideradas unha anomalía e en EEUU as asociacións holstein rexeitaban inscribir eses animais e mesmo borraban tamén dos rexistros ás nais, polo que, cando a partir dunha vaca e un touro holstein saía unha cría con manchas vermellas, no canto de brancas e negras, na maioría dos casos esas becerras vermellas eran sacrificadas nada máis nacer.

Até o ano 1969 a asociación frisona de EEUU rexeitaba inscribilas nos seus rexistros e moitos gandeiros sacrificábanas ao nacer

É o chamado factor vermello (RC) ou variante vermella (VR), un xen que fai que haxa vacas frisonas desa cor. Calcúlase que unha cuarta parte das vacas holstein son portadoras deste xen vermello, malia que se tentou erradicar en norteamérica na década dos 60 e 70.

Pero co paso dos anos as asociacións frisonas de EEUU e Canadá acabaron por aceptar eses animais, que nalgúns casos destacaban mesmo nos concursos. O touro A.B.C. Reflection Sovereign é posiblemente o pai da raza holstein vermella nos EEUU, de onde estes animais pasaron a Canadá, que desenvolveu a raza con sementais como Roybrook Telstar.

Desde aí eses animais frisóns de cor vermella, descendentes daquelas vacas que sairan orixinariamente de Holanda cara aos EEUU e Canadá, deron de novo o salto de volta a Europa, onde son hoxe cada vez máis os gandeiros europeos interesados en criar vacas holstein vermellas.

Ao ser rexeitadas durante anos, as holstein vermellas tiveron até o momento un menor desenvolvemento a nivel xenético que as brancas e negras, pero nos últimos anos houbo importantes avances tamén na variedade vermella.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información