SAT Casa Menor: a gandería coa mellor calidade do leite de Galicia

Esta gandería de Boimorto (A Coruña) foi distinguida co premio Exceleite á mellor calidade hixiénico-sanitaria do leite en Galicia. Falamos con Javier Vázquez García, o seu propietario, que nos conta como logran manterse no tempo por debaixo das 100.000 RCS en tanque e con moi poucas mamites.

SAT Casa Menor: a gandería coa mellor calidade do leite de Galicia

Javier Vázquez García co seu rabaño.

O pasado día dez entregáronse os galardóns Exceleite, que premian ás mellores explotacións leiteiras galegas no ámbito hixiénico-sanitario. Estes novos premios, promovidos pola Xunta en colaboración co Ligal, distinguiron á Sat Casa Menor co primeiro premio, competindo con nada menos que con 5.000 granxas galegas.

Cando un visita esta gandería situada no concello coruñés de Boimorto e fala co seu propietario, Javier Vázquez García, un comprende por que foi elixida como a mellor gandería de Galicia en calidade sanitaria do leite, unha distinción que suma á de mellor explotación galega por ICO e a segunda de España, segundo as probas de Conafe do mes de novembro.

Así, vacas limpas e ben alimentadas, un establo ordenado e no que todas as labores teñen un protocolo, forraxes de primeira calidade e, sobre todo, un gandeiro ao que lle apaixona o seu traballo explican estes resultados: Sat Casa Menor mantense por debaixo das 100.000 células somáticas en tanque, está por rebaixo de 10.000 en bacterioloxía e logra que pasen meses sen que ningunha das arredor de 80 vacas que ten en muxido sufran unha mamite.

As claves: selección de touros con baixo RCS, control da máquina de muxido e hixiene e manexo

“É unha satisfacción este premio porque reflexa o traballo que realizamos durante moito tempo, un traballo constante e ben feito e que se centra básicamente en tres aspectos: control e revisión da máquina de muxido; hixiene, limpeza e manexo das vacas e selección de touros con baixo reconto celular”, explica Javier Vázquez.

Así, en canto á máquina de muxido un técnico revisa cada mes o seu correcto funcionamento, para que teña a presión ideal nas tetoeiras. “Deste xeito evítanse danos nos esfínteres por unha presión elevada. Ademais, seguimos un protocolo de muxido, unha rutina que se cumpre sempre”, asegura. A hixiene e o manexo é outro dos aspectos que coidan especialmente, facendo as camas de carbonato cálcico con frecuencia e con cubículos suficientes para o número de animais. “Hoxe todo o mundo sabe o que é necesario facer, porque hai moita información e moi bos técnicos. A clave é ter vontade de facer ben as cousas”, subliña.

Están por debaixo das 100.000 células en tanque e pasan meses sen que haxa unha mamite

Pero onde máis notaron unha mellora na calidade sanitaria do leite foi mediante a mellora xenética, un proceso que comezaron hai xa 12 anos, seleccionando touros con bos caracteres de saúde. “Antes miraba nos touros os caracteres de graxa e de proteína, e non tanto a saúde, que sen embargo é o máis importante. Por iso, dende hai máis de dez anos os criterios que utilizo son que teña un reconto en RCS por debaixo da media, en proteína e en graxa se non chega a un mínimo de entre 50 e 60 kilos a maiores da media descartámolo e en tipo ten que ser positivo”. “A mellora xenética é un traballo constante e paciente e que dá resultados. De feito, aquí as mamites son esporádicas e pasan meses sen que haxa ningunha”, subliña.

Unha das mellores explotacións de Galicia en calidades de graxa e de proteína

Pero ademais da súa calidade hixiénico-sanitaria, Sat Casa Menor é unha das mellores ganderías de Galicia por sólidos do leite. Así, en graxa logra unhas calidades medias do 4% e do 3,4% en proteína, logrando deste xeito unha prima interesante no prezo por parte de Pascual, a industria á que lle vende o leite dende hai anos. “Pagan un extra polas calidades a partir do 3,7 de graxa e do 3,2 de proteína e si que se nota no prezo do leite”, recoñece Javier. E todo isto cunhas producións medias por vaca de entre 36 e 37 litros e unhas lactacións vitalicias que superan os 56.000 litros. A produción total da explotación situouse o pasado ano en 940.000 litros.

“¿A clave? Na calidade do leite inflúe a xenética, que levamos coidando dende hai moitos anos, e a alimentación, na que procuramos que as forraxes sexan moi boas”, subliña este gandeiro.

Así, a ración única componse de 15 kilos de silo de herba, 38 kilos de silo de millo, 0,5 kilos de palla e 7 kilos de concentrado, situándose deste xeito en arredor de 200 gramos de penso por litro de leite, bastante por debaixo da media en Galicia e en España, máis próxima dos 10 kilos de concentrado ao día. A ración compleméntase con entre 3 e 4 horas de pastoreo ao día, en pradeiras ao lado da explotación.

Logran silos de herba cun 18 de proteína e no de millo non baixan do 35% de amidón

“Coidamos ao máximo a calidade das forraxes que producimos na explotación, porque iso nos permite producir leite con menos gramos de concentrado por litro e por tanto con menos custes de alimentación”, recoñece Javier.

Unhas calidades que no silo de herba se traducen nunha porcentaxe de proteína bruta do 18% e unha alta dixestibilidade. As pradeiras son permanentes cunha mestura de raigrás inglés e de trevos permanentes, sobre todo trevo ladino, nas que fan entre 2 e 3 cortes para ensilar e un de herba seca.

No caso do millo forraxeiro sementan unhas 33 hectáreas, das 60 que manexa Sat Casa Menor, e buscan que sempre teña máis do 35% de amidón, chegando a poder ser ao 40% -a media en Galicia é do 30%, segundo os datos de Finca Mouriscade do pasado ano-. “Tamén gústanos que o millo estea bastante curado. Este ano traballamos cun ciclo 500, e ao coller un millo maduro procuramos que o picado sexa fino para que a vaca o aproveite ao máximo”, explica Javier.

“As calidades de proteína do silo de herba e de amidón do silo de millo son as que nos permiten baixar o concentrado”, asegura.

Procuran tamén sementar un cultivo invernal tras a colleita de millo, e este ano van probar co nabo para aproveitalo como abono verde.

“Inseminar con carne as vacas e con seme sexado as xovencas sáenos bastante rendible”

A outra estratexia de Sat Casa Menor para aumentar a rendibilidade é inseminar con seme sexado as xovencas e con carne o resto. A taxa de reposición o pasado ano foi do 20%, aínda que Javier recoñece que “nos quedamos algo escasos de recría, e este ano subiremos ao 25%”.

As becerras son xenotipadas para seleccionar aquelas con mellores cualidades e insemínanas aos 14 ou 15 meses con seme sexado para obter só becerras. En caso de que non empreñe ao terceiro intento, póñenlle seme dun touro de raza cárnica e de fácil parto. “Isto permítenos que o 70% das vacas se inseminen con carne e isto danos un ingreso medio de 100 euros máis por becerro, que poden ser 10.000 euros mais ao ano, e esa diferencia cos becerros Frisóns chéganos de sobra para pagar o seme sexado”, destaca Javier.

Futuro: estabilidade de momento pero non descarta ampliar a explotación

En canto ao futuro da explotación, aos seus 57 anos Javier recoñece que a pesar de tratarse dunha explotación moi rendible, neste momento non hai relevo xeracional en Sat Casa Menor.

“De momento seguiremos estables porque non teño idade para facer grandes cambios e o actual establo non pode albergar máis vacas, polo que procuraremos seguir mellorando nas produción por vaca e nas calidades do leite”, di.

Iso si, recoñece que de cara ao futuro si que lle gustaría asociarse con outras dúas persoas para ir a unha gandería de 200 vacas en muxido.

As claves de Javier Vázquez para a rendibilidade dunha gandería en vacún de leite:

-”A clave é dispor de base territorial, con fincas grandes e de boa aptitude agraria, para cultivar forraxes con boas calidades”.

-”O tamaño da explotación non é determinante para a súa rendibilidade”.

-”É moi importante estar nun grupo de xestión para saber cales son os teus custos, coñecer os teus puntos fortes e os febles, e poder corrixilos”.

-”No futuro as explotacións que só de dediquen a vender leite terán que ser cada vez máis grandes para ser competitivas. As demais, ou se especializarán na produción de leite ecolóxico, ou se diversificarán coa venda de becerros de carne e co cebo das vacas, unha actividade que pode deixar bastante diñeiro nunha explotación porque a vaca Frisona cebada engraxa moi ben e da boas calidades de carne”.

 “É moi importante estar nun grupo de xestión”

-”O importante é saber cando un é limitado no que sabe e recorrer a un técnico especializado. Avanzarase moito”.

-”Gústame este oficio de gandeiro. É unha forma de vivir, onde tes uns salarios medios, pero tamén é un traballo creativo e permíteme estar en contacto coa natureza”

.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información