A saraiba arrasa gran parte dos viñedos de O Barco e Vilamartín de Valdeorras

Publicidade
A saraiba arrasa gran parte dos viñedos de O Barco e Vilamartín de Valdeorras

Efectos da saraiba nos viñedos de Vilamartín de Valdeorras

O que non destruíron as xeadas de abril en Valdeorras -que afectaron ao 70% das vides- ficou en boa medida arrasado trala sarabia e as choivas torrenciais do serán deste martes, principalmente nos municipios de Vilamartín e O Barco.

Sen embargo, as parcelas máis castigadas foron as de Vilamartín, pois tras ser un dos concellos máis afectados polas xeadas de abril (xunto a outros como Larouco e A Rúa-Petín, e as parroquias de As Ermidas e Chandoiro en O Bolo), que queimaron o 90% das súas vides; agora a sarabia arrasou o que quedaba nas 142 hectáreas de viñedo que ten este municipio, cun rendemento medio estimado de 10.000 Kg/Ha.

Segundo o Sindicato Labrego Galego, “en total, estamos a falar dunhas perdas preto do millón e medio de quilos de uva”.

O Slg demándalle á Consellaría de Medio Rural compensacións urxentes e que adapte os seguros agrarios á realidade galega

A este respecto, dende a organización agraria demándalle á Xunta que “deixe de marear a perdiz e faga un estudo en detalle dos danos causados para, de seguido, habilitar axudas especiais para compensar os estragos, como xa se fixo o ano pasado na Ribeira Sacra e, se cómpre, declarar Valdeorras zona catastrófica”.

Outra materia pendente da Consellaría de Medio Rural, segundo o Sindicato Labrego, é a de traballar para que os seguros agrarios se adapten á realidade galega, “xa que, actualmente, as pólizas non serven por moito que a Consellaría de Medio Rural porfíe na necesidade de contratalas”.

“Os seguros son a solución pero a Xunta ten que modificalas porque actualmente non serven para moito en Galicia”

“Cómpre pensar que moitos viticultores e viticultoras, ao ter pequenas superficies de viñedo e pouca produción, non subscriben seguros porque lles resulta moi caro; e os que si contratan as pólizas, fano sabendo que as coberturas son insuficientes e non compensan en caso de sinistro”, explican.

A denominación de orixe Valdeorras é, segundo o Slg un bo exemplo desta falta de adaptación. Así, lembran que “a póliza para asegurar a uva Godello, emblemática desta zona, custa 500€ até 20.000 quilos de produción; e 900€ até 40.000. En canto ás indemnizacións, o seguro pagaría 58 céntimos por quilo, cando esta uva cotiza a 1 € ou máis cando se vendima. E caso da uva Mencía non se mellora moito, con coberturas de 63 céntimos por quilo”.

“Ademais -denuncia o Slg-, obríganche a asegurar todas as parcelas que tes inscritas no Rexistro Vitícola, algo entendible en grandes superficies coma no resto do Estado, pero absurdo cunha estrutura da terra minifundista como a de Galiza, onde nunhas parcelas será aconsellable ter seguro e noutras non, por estar menos expostas a enfermidades ou inclemencias climáticas; isto último encarece aínda máis as pólizas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información