Santa Mariña: exemplo dunha aldea que decidiu protexerse fronte aos incendios forestais

A aldea de Santa Mariña, situada no concello coruñés de Camariñas, era un auténtico polvorín en caso de incendios forestais, con eucaliptos e piñeiros ao lado das casas. Pero os veciños, coa axuda de técnicos de Medio Rural, decidiron actuar e cumprir a lei.

Santa Mariña: exemplo dunha aldea que decidiu protexerse fronte aos incendios forestais

Aldea de Santa Mariña tras a roza da faixa de protección fronte aos lumes forestais

A aldea de Santa Mariña, situada no concello coruñés de Camariñas, é un lugar idílico da costa galega con vistas ao mar indómito da Costa da Morte e situada en plena natureza no fondo dun val. Sen embargo, o progresivo abandono das fincas de cultivo arredor das casas e a expansión sen control de eucaliptos e piñeiros levaron a que as arredor de 30 vivendas estiveran en moitos casos rodeadas de bosque, mesmo coas copas das árbores tocando os tellados.

Un auténtico polvorín en caso de incendio, o que motivou á Consellería de Medio Rural a actuar de oficio para facer cumprir a lexislación galega en materia de faixas de protección arredor das casas e dos núcleos rurais.

“A situación en Santa Mariña era moi complicada en caso de incendio”

“A situación en Santa Mariña era moi complicada en caso de producirse un lume, porque había eucaliptos de 25 metros pegados aos tellados das casas e ademais a aldea está nunha zona de fondo dun val, co cal que en caso dun incendio forestal a única saída é escapar cara a praia ou saír pola única vía de acceso ao lugar, pero onde se podería producir un tapón ao coincidir coa vía de entrada dos medios de extinción”, explica Xoán Carlos Pérez Gestido, axente forestal do Distrito Forestal de Fisterra.

Ante esta situación de risco potencial en febreiro do pasado ano a Consellería de Medio Rural decidiu actuar para facer cumprir a lexislación, que obriga a que arredor das casas e dos núcleos rurais ou urbanos nunha distancia de 50 metros -antes do pasado mes de decembro, cando acometeron a roza, a distancia era de 30 metros- ten que estar rozada e sen especies pirófitas, como piñeiros, eucaliptos ou acacias.

Como primeiro paso, e dado que as competencias eran compartidas entre Xunta e concello, ao tratarse de solo rústico agropecuario, rústico forestal e dentro do núcleo rural, o persoal da Consellería contactou co concello de Camariñas, que dende un primeiro momento mostrou boa disposición a colaborar. Para concienciar aos veciños do risco que supuña esta situación organizáronse reunións na que se mostraron ortofotografías e explicóuselles as distancias que establecía a lei para a plantación de árbores e a xestión de biomasa. Durante estes encontros ademais, analizáronse as vías de escape en función da idade da poboación.

“Ao principio os veciños mostraron reticencias pero logo decatáronse de que os máis beneficiados eran eles”

Dado que o obxectivo da Xunta era resolver esta situación de risco e non había afán recadatorio, pedíuselles aos propietarios que eles mesmos puxeran un prazo de actuación para a limpeza dos terreos e cortas de árbores, que estableceron nun mes.

Así, Xoán Carlos Pérez Gestido púxose ao servizo dos veciños para colaborar no proceso e establecer un método de traballo dende un punto concreto cara o sur do pobo.

“Fixemos a reunión en febreiro e ao principio algúns veciños amosáronse reacios a cumprir a lei, pero logo déronse conta de que os primeiros beneficiarios eran eles e que senón teríamos que obrigar a cumprir a lei, e de non facelo, impoñerlles sancións”, explica Xoán Carlos.

O calendario de roza e corta acordouse cos veciños

Fincas rozadas que antes estaban ocupadas por eucalipto e piñeiro

Fincas rozadas que antes estaban ocupadas por eucalipto e piñeiro

Así, acordouse establecer un calendario para realizar a limpeza destas antigas cortiñas, moitas delas de menos de 1 ferrado de superficie, que o abandono convertera nun problema de seguridade para a aldea. “Acordamos dar un prazo de 15 días para localizar a finca, outros 15 para atopar comprador da madeira e 15 para acometer a roza das parcelas. Durante máis dun mes estivemos alí para ir as fincas e marcar ata onde tiñan que cortar e rozar”, detalla Xoán Carlos Pérez.

Finalmente os traballos de limpeza realizáronse durante o mes de abril do pasado ano e afectaron a unha superficie total de 15 hectáreas, que se limpou de maleza e de especies pirófitas, deixando iso si especies caducifolias como carballos ou salgueiras.

A día de hoxe os traballos están rematados e supuxeron un cambio drástico na imaxe do pobo e, o que é máis importante, no nivel de seguridade dos seus habitantes.

“A valoración final dos veciños foi moi boa e a xente está encantada, sobre todo despois de ver os lumes en Galicia do mes de outubro, que afectaron a núcleos rurais que perfectamente poderían ter sido Santa Mariña antes de acometer os traballos de limpeza”, destaca o axente forestal.

Antonio Montes Mouzo é un dos veciños de Santa Mariña e un dos que realizou traballos de roza. Non dubida en afirmar que “foi unha cousa boa, e aconselleríalle a outras aldeas que están na mesma situación que fagan coma nós”. E é que non só se mellorou a defensa da aldea ante un posible lume forestal, “senón que as casas gañaron moita vista, porque antes había pouca visibilidade”.

 A próxima actuación vai ser na parroquia de Xaviña

Agora os veciños de Santa Mariña teñen previsto rozar esta primavera a vexetación que renovou, principalmente pámpanos de eucalipto, para seguir cumprindo unha lexislación que busca ante todo protexer os seus bens e as súas vidas en caso de incendio forestal. Tamén ampliarán dos 30 aos 50 metros a zona rozada, conforme aos cambios normativos que entraron en vigor en xaneiro deste ano. A próxima actuación no distrito forestal de Fisterra vai ser a parroquia de Xaviña, tamén en Camariñas.

Pero hai moitas Santa Mariñas en Galicia nas que a maleza, os eucaliptos ou os piñeiros se achegaron perigosamente ás casas. “ De momento dende a Consellería de Medio Rural estamos informando e notificando aos veciños para que cumpran a lei, sendo a sanción o último paso. É unha labor de concienciación na que debemos implicar a toda a sociedade”, conclúe Xoán Carlos Pérez.

faixas lumes forestais camariñas

Máis información:

¿A que distancia hai que limpar arredor das casas e dos terreos para previr lumes?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información