Sanidade decide manter a suspensión cautelar de Casa Macán

A empresa esperaba que se lle permitise retomar a actividade esta mesma semana, pero a segunda inspección da Consellería optou por manter polo de agora a paralización da actividade. O xerente da firma confía en pechar luns os últimos flecos con Sanidade

Sanidade decide manter a suspensión cautelar de Casa Macán

A paralización cautelar da actividade ordeada esta semana por Saúde Pública na empresa Casa Macán continuará polo de agora. Saúde Pública cursou este venres unha segunda inspección oficial para comprobar se era posible retomar a produción, pero decidiu manter polo de agora a suspensión. O xerente de Casa Macán, Eladio Rigueira, confiaba en retomar a actividade esta mesma semana, pois aseguraba ter un compromiso verbal de Sanidade nesa liña, pero finalmente non será así. Rigueira sinala agora que este luns agarda pechar os últimos flecos documentais con Sanidade para retomar a produción xa a próxima semana.

A orixe da paralización cautelar radicou nun erro da etiquetaxe de queixos das denominacións de orixe (DOs) Arzúa Ulloa e Tetilla, pois a factoría lanzou a semana pasada ó mercado varios lotes sen as correspondentes contraetiquetas das DOs.

Advertida a Administración da situación pola propia empresa, Saúde Pública cursou unha inspección esta semana na factoría, ubicada en Taboada (Lugo), e decidiu paralizar temporalmente a actividade tras detectar problemas de trazabilidade e operacionais na propia planta, pois os inspectores entendían que a seguridade alimentaria dos produtos elaborados na planta non quedaba garantida.

Desde Casa Macán, unha firma que se atopa en proceso concursal, confiaban en subsanar os problemas de xeito inmediato, pero a inspección realizada hoxe pola Consellería de Sanidade decidiu manter polo de agora o bloqueo temporal da factoría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información