Sanavid, un plan para diminuír a podremia branca das raíces do viñedo

A adega Pazo de Señoráns e a empresa Hifas da Terra desenvolven un proxecto para eliminar a incidencia e prevalencia desta enfermidade das plantacións vitícolas

Publicidade
Sanavid, un plan para diminuír a podremia branca das raíces do viñedo

Armillaria mellea nunha cepa de Pazo de Señoráns.

A adega Pazo de Señoráns, en Meis (Pontevedra), e a empresa Hifas da Terra levaron a cabo nos últimos tres anos o proxecto Sanavid, co que procuraron reducir a incidencia e prevalencia da podremia branca das raíces no viñedo. Buscaban solucións para os danos causados polos fungos do xénero Armillaria do viñedo, principalmente pola especie Armillaria mellea.

A día de hoxe non existen métodos de loita efectivos contra o patóxeno, que supón un grave problema para o sector vitivinícola galego, xa que reduce o crecemento e a produción e finalmente acaba por causala morte das plantas.

No proxecto Sanavid optaron pola loita biolóxica contra o patóxeno mediante o uso de fungos antagonistas autóctonos, é dicir, que entraban en competencia directa coa Armillaria. No 2017, a firma Hifas da Terra comezou a lograr os primeiros resultados favorables no laboratorio cos que frear o desenvolvemento do parásito.

Desenvolveron unha solución a base de fungos antagonistas autóctonos e un tecnosol específico

A aplicación do produto no campo fixérono mediante micotecnosoles, un produto no que se combinan diferentes fungos e tecnosoles, solos deseñados á carta en función da súa finalidade. Trátase dunha solución edáfica sostible na que tamén participou a firma Edafotec. Así, desenvolveron un micotecnosol específico no que, ademais de incluírse tratamentos contra o patóxeno mediante a incorporación de fungos antagonistas, ofrece a oportunidade de mellorar as condicións de fertilidade e estrutura do solo.

Resultados

Segundo indican as firmas promotoras, os primeiros resultados evidencian que os fungos antagonistas á Armillaria sobreviven no campo e son capaces de medrar e colonizar nas plantas. Durante o 2019 recolleron datos de crecemento das plantas tratadas e daquelas que non recibiron tratamento para comparar a incidencia e continúan a facer mostraxes para estudar a evolución das cepas. Estas probas fixéronas tanto en macetas como en parcelas da adega Pazo de Señoráns, onde a Armillaria leva anos causando problemas.

O ataque dos patóxenos de Armillaria non só afecta ás cepas infectadas, que acaban por morrer, senón que trala súa reposición, as novas vides tamén se ven afectadas. Estas novas plantas desenvólvense con normalidade ata que entran en produción, e a partir dos 4 ou 5 anos é cando comezan a verse os primeiros síntomas e a decaer as plantas. Os ensaios feitos ata o momento amosaron que o Micotecnosol funciona como unha barreira fúnxica e protexe as novas plantas que foron repostas.

Toma-de-datos-en-cepas-tratadas-contra-podremia-branca-con-micotecnosol-

Toma de datos de cepas de vide infectadas co patóxeno e tratadas con Micotecnosoles.

Ademais, os promotores do Micotecnosol indican que os formulados que se desenvolveron para proporcionar o crecemento de fungos antagonistas presentan compoñentes orgánicos e unha serie de nutrientes que funcionan como fertilizante para o viñedo.

O plan conta co apoio do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) con fondos FEDER da Unión Europea a través do Programa Operativo plurirrexional de Crecemento Intelixente 2014-2020. O proxecto recibiu unha axuda parcialmente reembolsable de 346.674 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información