Ruchel, viños ricos en terra pobre

A adega de Valdeorras, que traballa con viñedos de solos graníticos e pizarrosos, aposta por unha segunda marca, Cova Baladal, para posicionar no mercado a súa gama alta de godello, mencía e garnacha

Publicidade
Ruchel, viños ricos en terra pobre

Viñedos dos que se suministra a adega.

Bodegas Ruchel é unha adega de Vilamartín de Valdeorras que leva case tres décadas no mercado. Comezou no 1989 cunha primeira tirada de 10.000 botellas de godello, o viño sobre o que se enfocou nun inicio a empresa. Desde o 1998 incorporou tamén o mencía e na actualidade ten unha produción de arredor de 200.000 botellas, máis das tres cuartas partes de godello, repartíndose o resto entre mencía e unha pequena produción de garnacha.

A adega aposta por unha filosofía de buscar viños “con aroma á terra”. “Abastecémonos de viñedos dos socios e de viticultores particulares, pero buscamos que teñan unha característica común, que sexan viñedos de ladeira, en solos graníticos ou pizarrosos, de terra pobre” -explican en Ruchel-. “Pensamos que nesas condicións, a cepa extrae do chan elementos que permiten máis aromas do viño en boca. Son viñedos con menos produción, pero con máis calidade”, valoran.

“En Valdeorras, cada un ten a súa filosofía. Nós tratamos de manter a tradición dos nosos avós, cando a viña se puña nos solos nos que non se podían poñer patacas, é dicir, en solos sen humus, con pouca materia orgánica”, sinalan.

Cova que dá nome á marca Cova Baladal.

Cova que dá nome á marca Cova Baladal.

Gamas
A maior parte da produción da adega plásmase en godellos e mencías xoves, comercializados baixo as marcas Ruchel e Ruchel Secretos. A empresa trata ademais de potenciar unha gama alta, enfocada a viños seleccionados e de crianza.

En godello, elabora un viño con cepas seleccionadas de alomenos 50 anos. “Son viñedos dos que hai poucos en Valdeorras, pois o godello comezouse a recuperar a partir dos anos 80. Estas viñas vellas teñen unha baixa produción pero proporcionan unha uva cunhas características diferenciais”, explican. Ese godello, que se comercializa baixo a marca Cova Baladal, déixase reposar sobre lías e remátase cunha crianza dun mes en barrica de carballo.

Depósitos da adega.

Depósitos da adega.

A marca Cova Baladal fai referencia a unha cova familiar na que, como era habitual na comarca, se conservaba o viño antigamente, pois eran espazos que proporcionaban unha temperatura constante. De cara ó futuro, a adega ten previsto tamén comercializar baixo esta marca o seu mencía crianza e o garnacha crianza, nun intento de posicionar tanto os brancos como os tintos nun segmento alto do mercado.

“O godello é un viño moi redondo en boca, con moitos aromas e que se puxo de moda, pero aínda así, vemos que está un pouco infravalorado, polo que tratamos por esta vía de posicionalo nun segmento máis alto”, sinalan desde Ruchel.

O mercado da adega céntrase tanto en Galicia como no resto de España, cunha pequena parte adicada á exportación a países como Estados Unidos ou Bélxica. No seu posicionamento fóra de Galicia, a adega benefíciase do selo Galicia Calidade, que contribúe á identificación do viño coa súa orixe, logrando así un maior recoñecemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información