Roberto Rivas é reelixido presidente da Asociación Galega de Viticultura

Publicidade
Roberto Rivas é reelixido presidente da Asociación Galega de Viticultura

Roberto Rivas

A asemblea xeral da Asociación Galega de Viticultura, que se celebrou o pasado domingo na localidade de Chantada, reelixiu como presidente ao barrense Roberto Rivas, viticultor e socio dunha cooperativa na Denominación de Orixe Rías Baixas.

“A AGV referenda así o labor que Roberto Rivas leva desempeñando á fronte da entidade durante os seus primeiros dez anos de vida, apostando por pór en valor os viños de todo o territorio galego e por dar voz ás demandas e reivindicacións do sector galego”, destacan dende a asociación.

Roberto Rivas estará acompañado por Xurxo Álvarez como vicepresidente, da D.O. Ribeiro; José Crussat da IXP Barbanza e Iria como secretario; Purificación Caldelas, da DO Monterrei como tesoureira, e por Xan Bautista Cambón, da IXP Ribeiras do Morrazo, no papel de coordinador. Ademais, a directiva está composta por dez vogais, onde se integran representantes de todos os territorios singulares de produción vitícola de Galiza.

Obxectivo: lograr a IXP para o Val do Navia

Un dos principais obxectivos que se marcou a asemblea para esta nova etapa é a consecución da aprobación do territorio do Val do Navia, en Negueira de Muñiz, como IXP, “unha figura de protección que dará o respaldo necesario para pór en valor e dar máis visibilidade á altísima calidade vitícola desta zona”.

Nesa mesma liña a asemblea tamén acordou impulsar iniciativas para a posta en marcha dunha figura oficial de protección para outras comarcas vitícolas galegas, como é o caso da comarca da Baixa Limia.

A andaina desta nova directiva vai comezar cunha xuntanza con representantes da Consellería de Medio Rural, que terá lugar os próximos días. “Na mesma daráselle traslado á Consellería do Medio Rural das principais preocupacións e problemáticas do sector, ao entender da AGV, como son: a problemática proposta de reforma da PAC, a repercusión dos aranceis impostos polo goberno dos Estados Unidos ou as consecuencias do Brexit, e outras de carácter interno ligadas ás políticas desenvolvidas pola Goberno da Xunta para o medio rural e o sector vitivinícola”, sinalan dende a Asociación Galega de Viticultura.

O presidente, Roberto Rivas, mostrouse moi satisfeito polo traballo feito pola AGV até agora e recoñeceu que “os retos que o sector ten por diante son moi importantes e poden vir tempos difíciles tras desembarco das grandes multinacionais do viño no noso país, que xa é unha realidade, polo que cómpre estarmos unidos e preservar e facer preservar a calidade dos nosos viños como principal sinal de identidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información