Rías Baixas prevé certificar este Nadal uns 90.000 litros de viño espumoso

Publicidade
Rías Baixas prevé certificar este Nadal uns 90.000 litros de viño espumoso

Viños espumosos galegos

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas certificará para este Nadal ao redor de 90.000 litros de viño Rías Baixas Espumoso de Calidade. Así o confirmou o director técnico do Consello, Agustín Lago, quen destacou o “crecente interese por parte das adegas na elaboración deste tipo de viños”.

Neste sentido, lembrou que o viño Rías Baixas Espumoso de Calidade foi incluído no regulamento do Consello Regulador en 2009, de acordo coa normativa europea, que distingue entre Espumoso e Espumoso de Calidade. “Empezamos con 5 e na actualidade aumentamos ata 12 as adegas que comercializan 17 marcas deste tipo de viños”, concreta Agustín Lago.

En canto á cualificación, prevese chegar “a uns 90.000 litros de viño” con esta consideración. Esta semana alcanzáronse xa os 86.596 litros cualificados, aínda que se agardan máis partidas para os próximos días.

A produción de espumoso “mantén unha tendencia estable nos últimos anos” na Denominación de Orixe. O crecente interese das adegas pola elaboración deste tipo de viños demostrouse non só no incremento de empresas comercializadoras senón tamén na produción que se está levando a cabo desde outras adegas que aspiran a cualificar os seus viños como Rías Baixas Espumoso de Calidade.

Método champenoise

A normativa aplicada aos espumosos en Rías Baixas admite variedades tanto brancas como tintas e distínguense distintos tipos segundo o nivel de azucre. Estes son Brut Nature (sen azucre), Extra Brut, Extra Seco, Seco, Semiseco e Doce (que leva maior cantidade de azucre).

Todos os Rías Baixas Espumosos de Calidade deberán seguir o método tradicional do champenoise para a súa elaboración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información