Reunión do Consello Agrario Galego entre críticas pola súa “parálise”

O órgano consultivo do sector reúnese hoxe despois dun ano e sete meses. O novo decreto sobre puríns, entre os temas a tratar. O SLG critica que a Consellería non convoque o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.

Reunión do Consello Agrario Galego entre críticas pola súa “parálise”

Rolda de prensa do SLG.

O Consello Agrario Galego, o órgano consultivo do sector, reunirase esta mañá co borrador do novo Decreto sobre Puríns Gandeiros como o principal punto da reunión. Dende o Sindicato Labrego Galego critican a tardanza da Consellería do Medio Rural en convocar este órgano e que na orde do día non se incluísen puntos como a crise do sector lácteo.

“Levamos un ano e sete meses sen ser convocados a unha nova xuntanza do Consello Agrario Galego, cando por lei debería convocarse un mínimo de catro veces ao ano de maneira ordinaria”, aseguran dende o SLG.

A organización agraria considera que “isto demostra a parálise dos órganos de participación e asesoramento da Consellaría de Medio Rural”. Unha situación que o SLG estende tamén ao Comité de Seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, “que se elaborou sen contar coas organizacións agrarias e demais axentes, o que levou a que a Comisión Europea o rexeitase”.

“O mesmo acontece co Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, que no contexto actual de crise do sector lácteo, está máis inxustificado aínda que Medio Rural non convocase, a pesar que que por lei debería convocarse tamén un mínimo de catro veces ao ano de maneira ordinaria”, lamentan dende o SLG.

A organización agraria tamén pedirá que se inclúe da orde do día do Consello Agrario a desaparición das Mesas do Viño, nas que se negocian as condicións das vendimas e aspectos fundamentais como prezos de referencia para a uva, ou o que consideran “colapso” do Banco de Terras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información