Resumo da nova normativa europea para plantar viñedo

A partir de xaneiro de 2015 e ata o ano 2030 entra en vigor a novo sistema de autorizacións administrativas que substitúe ao de dereitos de plantación de viñedo. Velaquí un resumo da normativa.

Publicidade
Resumo da nova normativa europea para plantar viñedo

Nova plantación de viñedo.

O novo réxime de autorizacións para novas plantacións de viñedo entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2016 e finalizará o 30 de decembro de 2030. Nese período a Comisión Europea realizará unha revisión intermedia do mesmo.

A grandes rasgos, o novo réxime implica:

– Os dereitos de plantación actuais converteranse en concesións administrativas, que serán renovables cada tres anos. Non haberá cambios para os titulares.

Novas plantacións e replantacións

– Non se permitirán novas plantacións sen autorización, tanto para uva con indicación xeográfica como para a que non a teña. As autorizacións para novas plantacións terán unha validez de 3 anos dende a concesión.

– As produtoras/es que acaden autorización e non fagan a plantación durante o período de validez, serán sancionadas/os. Quen plante viñedo sen autorización, ademais de recibir unha sanción deberá arrincalo.

– As autorizacións outorgaranse gratuitamente polas autoridades públicas e non poderán ser transferidas a outros produtores ou produtoras, rematando deste xeito coa transferencia /mercado de dereitos entre particulares.

– Os dereitos de plantación non utilizados e que sexan válidos antes da fin de 2015, converteranse en autorizacións a partir do 1 de xaneiro de 2016, previa petición. Terán o mesmo período de validez que as autorizacións.

– Os estados membros poden atrasar a data de conversión até o 31 de decembro de 2020, pero os dereitos non se poderán transferir dende o 1 de xaneiro de 2016.

– Na xestión das autorizacións a administración poderá ter en conta as recomendacións das organizacións profesionais recoñecidas a nivel comunitario (organizacións interprofesionais agroalimentarias e organizacións de produtores), por grupos interesados de produtores (DOs e IXPs) e por outros tipos de organizacións profesionais recoñecidas polos estados.

Replantacións na mesma explotación:

– As replantacións disporán de autorizacións automáticas cunha validez de 3 anos e concederase para a mesma explotación que fixo o arranque.

– Os estados poderán conceder autorizacións de replantación con arranque diferido, ao termo da cuarta campaña na que se teña feito a replantación.

Mecanismos de salvagarda

– Establecerase un mecanismo xeral de salvagarda a nivel da Unión Europea para o aumento de calquera superficie de viñedo adicional. Fixarase un 1% de incremento da superficie plantada de viñedo para cada estado membro en cada ano que se traducirá nun número de hectáreas de novas plantacións.

– Os estados membros poderán diminuír a porcentaxe de aumento a nivel estatal e limitar a nivel rexional para as superficies de DOPs, IXPs, e viños sen indicación xeográfica, polos seguintes motivos:
.Evitar oferta excesiva.
.Evitar apropiación indebida da reputación das DOPs.
.Evitar o risco de desvalorización de produtos con selo de calidade.

Isto debe estar debidamente xustificado e farase con publicidade.

– Se a suma de tódalas solicitudes individuais, en hectáreas, respectando criterios obxectivos e non discriminatorios de admisibilidade, non excedese do límite establecido a nivel estatal, deberán aceptarse todas.

– Os estados membros poderán aplicar algún dos seguintes criterios de admisibilidade:
.Dispoñer dunha superficie agrícola de viñedo superior á solicitada.
.Ter capacidade e competencia profesional.
.Que non supoña un risco de apropiación indebida da reputación dalgunha DOP.
.Aplicar algún dos criterios de prioridade.

– En caso de que a demanda total de solicitudes superen o límite de hectáreas nun estado, deberían aplicarse os seguintes criterios de prioridade:
.Incorporación de persoas con capacidade profesional.
.Superficies de viñedo para preservación do entorno.
.Replantación por concentración parcelaria/expropiación.
.Superficies con limitacións naturais ou doutra caste.
.Proxectos de desenvolvemento viábeis.
.Replantacións que permitan aumentar a competitividade da explotación.
.Potencial para mellorar a calidade dos produtos con IXP.
.Replantacións para incremento do tamaño de pequenas e medianas explotacións.

Artigo realizado a partir da infomación facilitada polo Sindicato Labrego Galego sobre a xornada “A reforma dos dereitos de plantación de viñedos”, celebrada en Ribadavia o 23 de xuño de 2014 e na que participou o técnico da COAG, Carlos Mateo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información