“Responsabilízase do cambio climático á produción de alimentos, en lugar de buscar solucións na aldea”

O ensaísta Jaime Izquierdo Vallina ve na revitalización da aldea unha ferramenta fundamental para afrontar os principais problemas do rural. Coñecemos máis polo miúdo as súas propostas

Publicidade
“Responsabilízase do cambio climático á produción de alimentos, en lugar de buscar solucións na aldea”

Jaime Izquierdo Vallina é Comisionado para o reto demográfico do Goberno de Asturias.

O ensaísta Jaime Izquierdo Vallina abordou a situación actual do rural, afectado polo abandono e o envellecemento da poboación, en varios dos seus traballos. O seu coñecemento deste tema valeulle que actualmente ocupe o cargo de Comisionado para o reto demográfico do Goberno do Principado de Asturias.

No seu último libro A cidade agropolitana / a aldea cosmopolita, publicado a finais do ano pasado, entrou de cheo en analizar a situación do rural. Izquierdo Vallina incide nun novo enfoque e un cambio de paradigma para resolver o desgaste e o abandono que sofre o rural desde hai anos.

-No seu último libro parte da idea de que a relación entre a cidade e a aldea está rota e que é preciso reconstruíla, a que se debeu esa ruptura?
A ruptura marcouna a revolución industrial, xa que a partir dese momento ponse en marcha unha forma de produción na que xa non se necesita aos aldeáns que son substituidos pola industria agroalimentaria. Dáse tamén outro fenómeno que ten que ver cun cambio nas preferencias na alimentación. Até os anos 50 do século XX, a alimentación de proximidade era a que nutría as cidades e agora estamos inmersos nunha alimentación global. Sustituíuse ao campesiño polo agricultor industrial intensivo, entrou gran capital na produción e a partir de aí entran tamén as multinacionais e a distribución alimentaria. Basta con abrir a neveira para comprobar que na maioría de fogares unha boa parte dos alimentos proceden de lugares moi distantes.

“Téndese a culpabilizar ao alimento, en lugar de fixarse na forma de producir ese produto”

-En que outros aspectos nos afecta que esta relación estea rota?
Outra das consecuencias desta ruptura, e que apenas se valora pese a súa transcendencia, ten que ver co cambio climático. Adóitase responsabilizar á produción industrial de alimentos en lugar de buscar a solución na aldea. Así, por exemplo, recrimínase que se produza carne con soia traída de países afastados e que xera unha contaminación, pero só se culpabiliza e non nos centramos en valorar que no pasado, cando a aldea tiña un maior peso, ese problema non era tan grave. Téndese a culpabilizar ao alimento en lugar de fixarse na forma de producir ese produto. Ultimamente está a se utilizar unha expresión moi acertada para entender este concepto: “Non é a vaca, é o como” para explicar que a gandaría extensiva e a produción local de alimentos non xeran un impacto tan brutal no cambio climático. Reivindicamos o papel da aldea porque cremos que nela están as solucións.

-A súa proposta acuña o concepto de ‘aldea cosmopolita’. Como é esta aldea?
A aldea cosmopolita debe de facer dúas cousas: Por unha banda, debe retomar os principios agroecológicos orixinais, que combinaban a produción de horta coa gandaría e o monte, todos eles relacionados e complementándose. Doutra banda, agora ten a posibilidade de abrirse ao mundo de man da tecnoloxía e así, se a aldea quere pode volverse cosmopolita. A única limitación virá da orixinalidade e xa non da falta de comunicación, como ocorría outrora. Antes, por moi orixinal que fosen os produtos da aldea a súa expansión estaba limitada á urbe máis próxima, agora pode expandirse moito máis, aínda que aínda quedan limitacións neste sentido xa que moitas aldeas carecen desa tecnoloxía que o permita, pero polo menos, a tecnoloxía da comunicación virtual xa existe.

“A aldea cosmopolita é aquela que retoma os principios agroecolóxicos e se abre ao mundo con propostas innovadoras”

A aldea cosmopolita é aquela que retoma os principios agroecolóxicos e se abre ao mundo con propostas innovadoras que permiten relacionarse con mercados. Esta é unha gran novidade que pode permitir o retorno á aldea e desterrar esa concepción de ‘aldea maldita’, froito do pensamento industrial, unha época na que foi anulada e por iso a día de hoxe está ao bordo da extinción. Nun pensamento postindustrial, a aldea debe dar moitas solucións aos problemas derivados desa concepción industrial.

-A tecnoloxía será clave para esta nova transformación da aldea?
É fundamental en dous sentidos: Por unha banda, as novas tecnoloxías da comunicación e por outro, será clave o rescate innovador das tecnoloxías ou formas de organización do pasado. Temos que incorporar novas tecnoloxías pero tamén rehabilitar vellas técnicas que nos facilitan o día a día. Ás veces, damos por sentado algúns métodos tecnolóxicos polo cotiáns que son, como a auga corrente… O mesmo ocorre con algunhas formas de organización que tiñan nas aldeas e que se perderon pero que resultaban moi útiles, por exemplo as vecerías, unha repartición de tarefas perfectamente regulada que organizaba o pasto do gando dunha forma comunitaria, de maneira que un só veciño encargábase cada día de levar o rabaño integrado por todos os animais da aldea. Esas formas de organización son moi interesantes para superar un dos problemas que máis afecta aos gandeiros hoxe en día, o tempo liberado. Son formas de organización en desuso pero que poden servir de inspiración. Moitas veces cando repasamos conceptos da nosa sociedade como a enerxía renovable dámosnos conta que a aldea se movía xa en base a eles. Esas formas innovadoras e antigas de xestionar o traballo, que non se consideran tecnoloxía, creo que deberían considerarse como tal, xa que contribúen a liberar a carga de traballo.

“Ó igual que ocorre noutros sectores, temos que conseguir un prototipo de aldea e verificar que funciona antes de replicalo”

-Cada vez fálase máis do despoboamento do rural, pero son poucas aínda as accións concretas para favorecer un regreso ao campo, en que liñas cre que é preciso actuar?
O primeiro que se debe facer é un prototipo de aldea. Trátase de, en base ás teorías que explicamos, abordar a posibilidade de polo en práctica e deseñar unha aldea que funcione con estes principios. É o mesmo que ocorre en sectores como a automoción, onde os fabricantes de coches antes de sacar un novo modelo en serie realizan distintas probas co prototipo, nós temos que conseguir ese prototipo de aldea e verificar que funciona antes de replicalo. O mesmo pasou co turismo rural. Hai 30 anos ninguén sabía como podía resultar este tipo de turismo e houbo que facer iniciativas experimentais neste campo.

-Cales considera que son actualmente os maiores obstáculos para que o campo e a aldea sexa unha alternativa?
Hai tres elementos que van ser consustanciales e onde reside a dificultade. Por unha banda está a comunidade, é dicir, a capacidade de actuar de forma concertada no territorio cun obxectivo común. É o mesmo que ocorre nos equipos de fútbol ou nas bandas de música que perseguen, en común, un mesmo propósito.

Outro dos piares é a dignidade, un concepto moral que reivindica o traballo na aldea, xa que o traballo do aldeán producindo alimentos é tan digno como un oficio na cidade. Ademais, non só é digno no sentido de que estea ben retribuido senón que esa dignidade tamén implica que é unha profesión que a quixese para os meus fillos, xa que actualmente aínda se busca que os fillos se marchen á cidade porque non consideramos que a aldea sexa unha alternativa de éxito ao asociarse a un modelo moi atado e escravo. Aí é onde entra a comunidade, xa que se es gandeiro a comunidade pode axudarche a romper ese modelo tan atado de ter que estar 365 días coidando do rabaño. Se a gandaría fose de toda a aldea, iso permitiría ter tempo libre. En definitiva, a comunidade dáche forza para afrontar procesos que en solitario é máis difícil.

“A aldea cumpre unha función xa non só na economía local, senón para mellorar as condicións do territorio”

O outro elemento polo que é importante a aldea é a funcionalidade. A aldea cumpre unha función xa non só na economía local, senón para mellorar as condicións do territorio: prevén incendios, fomenta a biodiversidade, produce alimentos practicamente sen pegada de carbono… Estes son o tres armazóns da aldea do futuro e é tamén onde reside a dificultade xa que o individualismo tamén está a afectar á aldea.

-España é dos países máis despoboados de Europa. Considera positivo tomar exemplos doutros países para afrontar esta problemática? Que iniciativas foráneas considera interesantes para aplicar co obxectivo de frear a sangría demográfica do campo?
É moi difícil copiar exactamente modelos doutros lugares pero si son, en moitos casos, inspiradores. De novo tomando como exemplo o turismo rural, Francia foi o pioneiro en pór en marcha iniciativas rurais en contraposición do turismo industrial. Inspirámonos naquelas propostas e agora pode pasar algo semellante. Cando aínda non hai unha solución clara o que temos é que inspirarnos no que algúns chaman iniciativas de transición, é dicir, propostas de escala local que aspiran a concretar todas as iniciativas globais, levándoas á práctica e vendo que funcionan. Eu son partidario en inspirarnos noutros exemplos realizados por distintos países.

-Nos últimos anos, no caso de Galicia houbo iniciativas por parte da administración autonómica para fixar maior poboación no rural que pasaron por reducións fiscais, pero que tiveron un mínimo impacto polo momento, poden realmente ser efectivas estas políticas para frear esta situación?
Unha soa medida non vai solucionar a problemática, xa que é un problema con moitas implicacións. Aínda que, este tipo de medidas fiscais poden formar parte da solución. Un trato fiscal diferenciado para eses negocios que hai nos pobos, que ademais de xerar unha actividade económica tamén teñen un labor social, é unha medida máis para evitar que pechen, igual que se pode recorrer a outros mecanismos de incentivo. O goberno galego está agora impulsando as súas chamadas ‘aldeas modelo’, que é unha proposta na que temos a vista posta para ver como resulta, xa que estamos todos tentando ver o que se vai facendo para tratar de aprender das experiencias que se van aplicando.

“A solución para o rural virá coa superación da sociedade industrial”

-Do mesmo xeito que Galicia e Asturias, outras comunidades como as dúas Castelas, Aragón ou A Rioxa tamén se atopan nunha situación crítica en canto a despoboamento rural, e as previsións para os próximos anos até hai pouco para todas elas tampouco parecían ser moi esperanzadoras, segue a mesma tendencia?
As previsións seguen sendo moi malas, todo parece indicar que aínda non tocamos fondo. Creo que a solución para esta situación virá cun cambio de paradigma, motivado pola superación da sociedade e o ordenamento industrial que dará paso a un tempo postindustrial. Non se trata de liquidar a sociedade industrial senón de sucedela, sacando dela o mellor para seguir téndoo no futuro e eliminando o que nos prexudica.

“Non se trata de liquidar a sociedade industrial senón de sucedela, sacando dela o mellor e eliminando o que nos prexudica”

Exactamente igual que ocorre cando se expón rescatar a sociedade aldeá preindustrial, para o que haberá que recuperar os seus principios agroecolóxicos e superar cuestións como a separación de roles e a discriminación cara á muller, xa que aínda que a muller era clave para a aldea era a máis desfavorecida. Isto non será un cambio inmediato senón que haberá unha transición.

-É posible deixar de ver o despoboamento como un problema e velo como unha oportunidade?
Certamente é un problema pero a clave moitas veces está en converter os obstáculos en potencialidades. Se conseguimos superar esta situación será grazas a que conseguimos facer realidade os conceptos que manexamos e logramos axustalos ao que necesitamos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información