Repunta o prezo do leite pero por baixo da recuperación europea

Repunta o prezo do leite pero por baixo da recuperación europea

Puleva - Lactalis é a industria con máis volume de recollida en Galicia.

O último informe de prezos do Fondo Español de Garantía Agraria, correspondente ó mes de outubro, revela que continúa a recuperación outonal do prezo do leite, se ben por baixo do que está a suceder en Europa. En outubro, os prezos medios en España situáronse en 32,5 céntimos / litro (+ 0,8 céntimos en relación a setembro), en tanto en Galicia estiveron en 31,4 céntimos (+ 0,6 en relación a setembro).

Galicia volve situarse á cola dos prezos do leite en España. Se se compara coas comunidades veciñas, Castilla y León está en 33,1 e Asturias en 34,5. Outra comunidade que tradicionalmente mantén prezos baixos, coma Cantabria, acadou o último mes os 32,1 céntimos (+1,5 céntimos en relación a setembro), despegándose de Galicia.

A situación en Europa é tamén de clara recuperación desde o mes de xuño. Se no primeiro semestre do ano, as cotizacións do leite caíran de media en Europea en 3,3 céntimos, no que vai do segundo semestre, ata outubro, xa se recuperaron 3,4 céntimos, superando o prezo de principios de ano, segundo as estimacións da Comisión Europea. En España, en cambio, os prezos caeron entre xaneiro e xullo 2,3 céntimos e a recuperación desde entón quédase en 1,3 céntimos.

O sector agrario vén demandando nas últimas semanas unha recuperacións dos prezos do leite en España que siga a tendencia de Europa, non descartándose mobilizacións.

Produción
Por segundo mes consecutivo, España reduciu as súas entregas de leite en relación ó mesmo mes do ano anterior (-0,5 %). En Galicia, sen embargo, continúa o aumento das entregas, que medraron arredor dun 1% en relación ó mesmo mes do ano anterior.

No conxunto do ano, a produción española sitúase un 1,8% por riba da do mesmo periodo do 2017, unha cifra similar á media europea, que está no 1,5% (Periodo xaneiro – agosto).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información