A renovación catastral culmina en toda Galicia

Os últimos Concellos en afrontar o proceso están notificándolle esta primavera ós veciños as alteracións detectadas. A data límite de remate dos traballos é xullo deste ano

A renovación catastral culmina en toda Galicia

O proceso de renovación catastral está pendente de remate en 79 concellos.

O proceso de renovación catastral, coñecido popularmente como ‘catastrazo’, está culminando esta primavera nos concellos que aínda a tiñan pendente. O prazo límite para a finalización dos traballos é xullo do 2018, pero na maioría de localidades xa foron notificados os veciños. Facemos balance do proceso con David Prieto, do gabinete Cartotec, unha empresa de Melide especializada en cuestións catastrais, e con José Antonio Diéguez, de Ventonoso, un colectivo ligado a Unións Agrarias que estivo asesorando ós veciños do rural no proceso de actualización catastral.

A renovación catastral, emprendida no 2013, afecta a dúas cuestións principais. Por un lado, Catastro está rexistrando as novas construccións e as ampliacións ou reformas de vivendas, que ademais de incorporarse ó recibo da contribución terán que abonar os atrasos dos últimos catro anos.

“Un erro frecuente do proceso é a atribución do uso de vivenda a instalacións anexas, como garaxes ou pequenos almacéns” (David Prieto, Cartotec)

A segunda cuestión é que as edificacións agrarias, como naves, alpendres ou invernadoiros, pasan a pagar o Imposto de Bens Inmobles. Todas esas alteracións nos datos catastrais son rexistradas e notificadas ós propietarios, a fin de que poidan comprobar que a actualización é correcta. Unha vez recibida a notificación, o propietario ten 15 días de prazo para a presentación de alegacións.

O proceso está xa case rematado en toda Galicia. Quedan 79 concellos que teñen ata xullo deste ano para rematar os traballos, se ben a maioría xa concluíu e notificou os cambios ós veciños.

“Na nosa zona, a maioría dos concellos que estaban pendentes de rematar a renovación xa notificaron ós veciños nos últimos meses, caso de Arzúa, Touro ou O Pino. Agora vano facer tamén Toques e Santiso” -explica David Prieto, de Cartotec.- “En Santiso precisamente temos contratada unha asistencia técnica co Concello para asesorar ós veciños sobre os cambios. Se hai veciños que están disconformes con cuestións como as valoracións, a superficie ou os usos que se lle atribúen ás edificacións, ímoslles tramitar as alegacións”, sinala Prieto.

Como o proceso de renovación catastral xa leva tempo en marcha, David Prieto sinala que a estas alturas, cando o propietario recibe a carta de notificación da actualización, xa está concienciado de que ten que consultar os cambios na web do Catastro -coas claves que se lle facilitan-, a fin de comprobar que a actualización é correcta. “O 85 – 90% dos propietarios consulta como quedan as súas propiedades”, destaca.

Erros na actualizacion catastral
Os principais erros que se detectan no proceso de renovación catrastal corresponden ós usos atribuídos ás edificacións. “No proceso de actualización non houbo un traballo de campo exhaustivo, fíxose principalmente a través de ortofotos, polo que nos atopamos con que en moitas ocasións construccións anexas ás vivendas, como garaxes ou pequenos almacéns, son catalogadas como vivendas”, sinalan desde Cartotec.

Outro erro habitual dáse por unha atribución equivocada do titular da propiedade. “Se a parcela está mal catastrada e hai unha nova edificación, atribúeselle a alguén que non corresponde, cos conseguintes conflictos sociais que iso pode xerar. Detectouse este problema sobre todo en zonas sen concentración parcelaria”, apunta David Prieto.

Bonificacións ás explotacións agrarias

O proceso de renovación catastral está a dar de alta no recibo da contribución ás edificacións gandeiras, o que representa un aumento dos impostos para as explotacións, se ben os Concellos teñen a posibilidade de establecer bonificacións que palíen esa suba de gravames.

Ventonoso proxecta contactar nos próximos meses cos Concellos que aínda non estableceran bonificacións para explotacións agrarias

Ventonoso, un colectivo que ofreceu charlas sobre o ‘catastrazo’ en numerosos concellos do rural, apunta que boa parte dos Concellos foron receptivos a establecer bonificacións. “Ao longo dos próximos meses, faremos un balance da situación e poñerémonos en contacto cos Concellos onde aínda non haxa bonificacións para as explotacións agrarias”, sinala José Antonio Diéguez, de Ventonoso.

“Á hora de bonificar, existen diversas posibilidades. Temos Concellos nos que se estableceron bonificacións para explotacións que varían entre o 50 e o 95% do recibo, e hai outras que reduciron o imposto de rústica ó mínimo permitido, o 0,3% do valor catastral da edificación. Son as medidas máis comúns” -explica José Antonio Diéguez.- “Hai tamén outras bonificacións posibles, como a que fixo o Concello de Vilasantar para pensionistas da agraria, que teñen unha bonificación do 30%, co cal se evita que estan pagando o 100% do recibo por instalacións que non usan”, apunta.

Desde Ventonoso teñen previsto trasladarlle tamén ós Concellos outras alternativas, como a bonificación do imposto de bens inmobles a aquelas persoas que aluguen ou cedan instalacións agrarias en desuso.

Concellos que están a rematar a renovación catastral

Os seguintes concellos teñen de data límite de remate da renovación catastral o 31 de xullo, se ben boa parte deles xa concluíron o proceso.

A Coruña: Aranga, Arzúa, Boiro, A Capela, A Coruña, Curtis, Dodro, Fisterra, Mazaricos, Miño, Moeche, Monfero, Muxía, Oleiros, O Pino, Porto do Son, Rois, San Sadurniño, Santiso, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vilarmaior, Zas.

Pontevedra: Barro, Cambados, Cotobade, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Lama, Meaño, Oia, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Tui, Valga, Vilagarcía de Arousa.

Lugo: Burela, Castroverde, O Incio, Monforte de Lemos, Ourol, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Ribas de Sil, Riotorto, Taboada.

Ourense: Baltar, Bande, Beariz, Os Blancos, Boborás, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo do Val, Cenlle, Cortegada, Chandreixa de Queixa, Entrimo, O Irixo, Laza, Leiro, Lobios, Maside, Padrenda, Porqueira, Sarreaus, Taboadela, Tramirás, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información