“Reducir o consumo de lácteos é un risco nutricional para a poboación”

A coordinadora da área de Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico de Santiago, Rosaura Leis, interviu hoxe na campaña ‘Generación Láctea’, que está a promover o consumo de leite en 30 cidades de España

“Reducir o consumo de lácteos é un risco nutricional para a poboación”

Rosaura Leis e Javier Iglesias, ante o autobús da campaña Generación Láctea.

O autobús da campaña ‘Generación Láctea’, que está a percorrer 30 cidades de España, fixo hoxe parada en Santiago, ante a Facultade de Económicas. O obxectivo da iniciativa, promovida pola Interprofesional Láctea (Inlac), é divulgar os beneficios do consumo de produtos lácteos como parte dunha dieta saudable. “Alomenos deben consumirse tres racións de lácteos ó día, catro se falamos de adolescentes”, explicou no acto Rosaura Leis, coordinadora da área de Gastroenteroloxía e Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico de Santiago.

A pediatra advertiu de que a redución do consumo de lácteos constitúe un “risco nutricional” para a poboación. “O consumo de leite, queixo é iogures é importante na poboación pediátrica, pero tamén ó longo de toda a vida. É unha garantía de inxesta de calcio, de proteínas de alto valor e de vitaminas importantes”, subliñou Rosaura Leis.

“Os compoñentes nutricionais das bebidas vexetais son distintos. ¿Significa que son malas? Non, pero non teñen nada que ver co leite”

A confusión que se produce en ocasións entre os produtos lácteos e as bebidas vexetais -ata hai pouco malchamadas leites vexetais- foi outro dos puntos que abordou a profesional sanitaria. “Os compoñentes nutricionais das bebidas vexetais son distintos. ¿Significa que son malas? Non, poden formar parte dunha dieta variada, pero non teñen nada que ver coa recomendación do consumo de lácteos. Con estas bebidas, é tamén conveniente ter coidado cos seus aportes de azucre, que é un produto que temos que reducir nas nosas dietas”, sinalou.

Sobre as intolerancias á lactosa, que levan a que parte da poboación restrinxa o consumo de lácteos, a profesional salientou as alternativas existentes. “Hai produtos sen lactosa e tamén hai lácteos que teñen menos lactosa que o leite, coma os queixos e os iogures. En Galicia temos arredor dun 40% da poboación adulta que pode ser malabsorbente á lactosa, pero boa parte poden tolerar e poden beneficiarse do consumo de lácteos”.

Leis avogou por unha dieta variada e diversificada. “Cada alimento ten unha recomendación dentro da pirámide saudable. Na dieta atlántica tradicional, os lácteos forman parte da base da pirámide, deben consumirse a diario tres ou catro veces ó día”.

Xunto coa promoción do consumo de lácteos, a campaña Generación Láctea chama á práctica cotiá de actividade física. Por iso o autobús da campaña incorpora bicicletas estáticas, polas que ao longo da mañá foron pasando estudantes universitarios, que tamén puideron degustar os lácteos distribuídos no autobús, coma queixos e batidos.

Estudantes nas bicicletas estáticas do autobús da campaña Generación Láctea.

Estudantes nas bicicletas estáticas do autobús da campaña Generación Láctea.

O acto contou tamén coa participación de Javier Iglesias, de Unións Agrarias-Upa, un dos organismos que conforma a Interprofesional Láctea, na que están representadas organizacións agrarias, cooperativas e industrias lácteas. Na súa intervención, Iglesias destacou a importancia da prohibición comunitaria para que as bebidas vexetais se etiqueten como leites. Tamén salientou o papel da Inlac na promoción do consumo de lácteos, se ben desexou que nun futuro o organismo desenvolva maiores funcións no sector.

Próximas paradas, A Coruña e Lugo
O autobús da campaña Generación Láctea estará os días 12 e 13 de outubro na Coruña, e o 15 e 16 de outubro en Lugo. En próximas semanas, parará en cidades doutras comunidades, coma Barcelona, Zaragoza, Pamplona, Bilbao, Santander ou Oviedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información