A redución das axudas para a montaña supón unha perda de 3.800 euros por granxa

Unións Agrarias pídelle á Comisión Europea que non autorice a reprogramación do Plan de Desenvolvemento Rural solicitada pola Xunta

Publicidade
A redución das axudas para a montaña supón unha perda de 3.800 euros por granxa

A proposta da Xunta para reprogramar o Plan de Desenvolvemento Rural topouse coa oposición unánime do agro, que está en contra de decisións como a redución das axudas para zonas con limitacións naturais. A eliminación de 22,8 millóns de euros da partida destinada a zonas con limitacións naturais suporá na práctica que cada gandería de montaña deixará de ingresar 3.821 euros, segundo os cálculos de Unións Agrarias. No caso das zonas con limitacións naturais distintas de montaña, a perda de ingresos sería de 505,81 euros por explotación.

A organización agraria sinala en nota de prensa que instou á Comisión Europea a que non autorice a reprogramación dos fondos proposta pola Xunta. “Estamos a falar do recorte de fondos a ganderías do interior de Lugo, Pontevedra ou Ourense. Son fondos que buscan compensar as limitacións naturais por razóns de altitude, orografía ou outras, e se estas granxas non reciben esas compensacións, quedan fóra do mercado”, destaca o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo.

Desde Unións consideran que a Xunta fixo caso omiso das recomendacións do sector. “Son decisións tomadas desde arriba, sen un proceso de diálogo co sector, tal e como obriga a facer Bruxelas no caso de reprogramacións dos Plans de Desenvolvemento Rural”, cuestiona Unións Agrarias. Como exemplo, a organización agraria sinala que o prazo para presentar alegacións a reprogramación do Plan concluía o día 18, en tanto que o Plan enviouse a Bruxelas o día seguinte, o 19.

Unións critica as prioridades de Medio Rural e sinala que da proposta da Xunta despréndese que a Administración quere “pagar medios aéreos para incendios forestais ou desbroces para as aldeas modelo” cos cartos que deberían de ir ás ganderías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información