Redúcese a afectación do mildeu en viña pero aumenta a sensibilidade ao oídio

Publicidade
Redúcese a afectación do mildeu en viña pero aumenta a sensibilidade ao oídio

Oídio en viña. Foto: Estación do Areeiro

As viñas máis afectadas polo Mildeu na provincia de Pontevedra teñen mellorado o seu estado, unha situación que é extrapolable ao resto de Galicia. Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, así o veñen detectando durante esta semana tanto nas fincas propias de seguimento como tamén fora da súa rede. Con todo, os especialistas teñen observado danos importantes en parcelas da comarca do Condado, sen dúbida debido a condicións climáticas máis favorables para o crecemento do fungo.

Segundo a responsable da área de fitopatoloxía, Rosa Otero, mentres na maioría das estacións meteorolóxicas apenas houbo condicións de infección secundaria un ou dous días, en Salvaterra cumpríronse a práctica totalidade de xornadas debido á presenza máis continuada de humidade foliar nocturna. Asegura que, aínda que tamén nesta zona superáronse os trinta graos en varias ocasións, o número de horas foi insuficiente para desvitalizar os esporanxios. Así, no Condado obsérvanse síntomas recentes nos novos crecementos e graves danos en plantas testemuña, mentres que foron inexistentes nas demais comarcas. A nivel de acios, hai esporulación viable en só algúns grans.

“Hai que seguir facendo podas en verde moderadas e roza da vexetación”

Xa que o tempo estable e os ventos do norte fixeron mellorar sensiblemente o estado das viñas máis afectadas pola enfermidade, para os próximos días as diferentes previsións meteorolóxicas continúan anunciando clima similar (temperaturas elevadas e ventos predominantemente do norte), co que só será necesario, en xeral, manter a vixilancia.

En calquera caso, e como consello de mantemento fronte ao Mildeu, dende Areeiro instan aos viticultores a aproveitar estes días para incidir nos labores que axudan a limitar a presenza de patóxenos, como son podas en verde (moderadas, que ademais permitirán eliminar algunhas manchas) e a roza da vexetación. Ademais, con estas actuacións facilítase a penetración dos produtos fitosanitarios que se deban aplicar no futuro.

Oídio

En canto ao Oidio, dende Areeiro observaron un lixeiro avance na presenza de síntomas foliares nas parcelas onde xa se tiñan detectado síntomas, “mentres en acio só os vimos, esporadicamente, na nosa parcela de Castrelo, onde na revisión anterior observáramos trazas”, aseguran. Aconséllase manter a vixilancia, considerando ademais que nestes momentos a viña é moi sensible á enfermidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información