Récord de participación na Cata de Augardentes e Licores Gallaecia

O CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia colabora neste certame organizado por Gallaecia

Publicidade
Récord de participación na Cata de Augardentes e Licores Gallaecia

Autor: Carlos Ximénez de Ferrán

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia participou esta semana na celebración da Cata de Augardentes e Licores organizada pola Asociación de Sumilleres de Galicia (Gallaecia). A cita desenvolveuse nas instalacións do CIFP Compostela, en Lamas de Abade (Santiago).

Membros do panel oficial de cata do CRIIGG formaron parte do xurado que valorou o total de 89 mostras de destilados e licores procedentes de toda a comunidade autónoma. “Esta é unha cifra récord”, indicou o presidente de Gallaecia, Luis Padín, que se mostrou moi satisfeito polo progresivo incremento de participantes neste certame. Así mesmo, Padín recordou que “levamos 16 anos desenvolvendo este concurso, cuxos premios están oficialmente recoñecidos polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, e que en cada edición gaña máis prestixio. Estamos seguros de que a Cata Gallaecia é o concurso de destilados rexional máis importante de España”.

Foron un total de 19 os catadores que valoraron o luns as preto de 90 marcas presentadas a este concurso. Sobre os produtos, Padín indicou que “seguimos mellorando ano a ano”. A diferenza de anteriores edicións, “contamos con diferentes estilos de augardentes, que ofrecen distintos perfís aromáticos. Cada vez estanse a personalizar máis, polo que os produtores nos ofrecen un abano de posibilidades cada vez máis amplo”.

O presidente deste organismo, José Antonio Feijoo, valorou positivamente a colaboración tanto no concurso de cata coma na propia sesión formativa. “A través de iniciativas como estas podemos dar a coñecer a calidade dos nosos produtos e orientar o público cara a destilados e licores que ofrezan todas as garantías para o seu consumo”, concreta.

Os vencedores da Cata Gallaecia, que non establece ningún tipo de categoría específica, daranse a coñecer nas próximas semanas. Tras as primeiras valoracións, dende a asociación que preside Luis Padíncentraranse na selección dos mellores licores e destilados deste ano.

Curso impartido por Sandra Cortés

Como complemento ao certame organizado pola Asociación Gallaecia, o Consello Regulador tamén colaborou no desenvolvemento dun curso formativo sobre Cata de Licores e Destilados. A integrante do panel de cata oficial do CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e doutora da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo foi a encargada de impartir esta xornada formativa. Participaron máis de 20 profesionais do sector que tiveron a oportunidade de coñecer máis detalles sobre as principais características das augardentes envellecidas e licores, e as materias primas utilizadas ou o proceso de elaboración e as singularidades de cada produto. As nocións teóricas complementáronse cunha cata comentada de preto dunha vintena de licores e destilados entre os que non faltaron os produtos amparados polo Consello Regulador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información