Récord de exportacións de leite en po en Europa, que confirma a recuperación do mercado

A UE aumentou as vendas ó exterior de leite en po un 53% en xaneiro do 2019 en comparación co mesmo mes do pasado ano. Boas perspectivas de mercado tamén para a manteiga e os queixos

Récord de exportacións de leite en po en Europa, que confirma a recuperación do mercado

Leite en po.

O leite en po desnatado, que tocara chan no último ano, con valores por baixo dos 150 euros os 100 quilos, está de noraboa. Desde outubro, o seu prezo remontou máis dun 25%, situándose xa en 192 euros, e en xaneiro protagonizou na UE un récord de vendas ó exterior. Foi o mes de xaneiro con máis exportacións de leite en po da historia, 86.800 toneladas, polas 56.750 do pasado ano, o que supón un incremento de máis dun 53%.

A recuperación estivo marcada polo bo comportamento de mercados asiáticos coma China ou Filipinas, que multiplicaron por tres as súas compras en relación ó mesmo mes do pasado ano. O mercado de queixos confirmou tamén en xaneiro unha suba das vendas ó exterior dun 8%, cun bo comportamento de compras en países como Estados Unidos ou Xapón, en tanto que no lado contrario, baixaron as exportacións de leite en po enteiro, con menor peso no mercado que o desnatado, e tamén houbo un descenso nas vendas ó exterior de manteiga.

Escasea a graxa láctea no mercado, o que mantén as boas perspectivas para a manteiga nos próximos anos

Perspectivas
O escenario de exportacións e de prezos confirma a tendencia internacional de recuperación dos últimos meses, que se manterá alomenos ata comezos do 2020, segundo as previsións de Rabobank, unha entidade de referencia en Europa na análise do sector leiteiro. A condición para que esa recuperación continúe é que non se disparen os aumentos de produción en Europa, circunstancia que polo de agora non se rexistra, pois os prezos iniciaron un lixeiro descenso que desincentiva o crecemento.

Récord de exportacións de leite en po en xaneiro do 2019.

Récord de exportacións de leite en po en xaneiro do 2019.

A produción de leite en Europa baixou de feito en xaneiro un 1,5%, un descenso similar ó dos prezos medios, que se reduciron un 1,4%, ata 35 céntimos de media. Mantéñense, sen embargo, altas cotizacións do leite spot, movido en cisternas, en Holanda e Italia, con valores superiores ós acadados no mes de xaneiro dos anos anteriores.

As expectativas de mercado de Rabobank para os próximos anos é que a demanda de produtos lácteos medre máis que a oferta, sobre todo en queixos e leite en po, as dúas gamas de produto con mellores perspectivas. Paralelamente, dada a alta adicación de leite á produción de queixos, espérase que se manteñan prezos altos da manteiga, que pese ó abaratamento dos últimos meses, continúa movéndose en cifras nunca acadadas antes do 2017. Na actualidade, está en 425 euros / 100 Kg e dada a falta de graxa láctea no mercado, as previsións para os próximos meses son boas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información