Recomendan tratar as árbores danadas polos temporais

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro advirte de que os rachos de pólas son un punto vulnerable á entrada de patóxenos. Subliñan que nas palmeiras afectadas polo picudo hai que eliminar a coroa de palmas para evitar riscos

Publicidade
Recomendan tratar as árbores danadas polos temporais

Os técnicos reconmendan revisar as plantacións froiteiras, a fin de identificar posibles danos do temporal.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar hoxe un aviso fitosanitario extraordinario con motivo do temporal ‘Ana’. Areeiro aconsella tratar canto antes as árbores danadas pola cicloxénese para evitar a entrada de patóxenos. Así mesmo, os técnicos advirten de que hai importante risco de caída das follas das palmeiras afectadas polo picudo, xa que se desprenderán con máis facilidade ao estar cargadas de auga e afectadas pola acción do vento, motivo polo que é preciso retiralas con urxencia.

Areeiro aconsella aplicar cicatrizantes ou funxicidas nas pólas rotas

Segundo se indica no aviso, os ventos e as precipitacións asociados á cicloxénese de onte, con rachas de ata 130-150 quilómetros por hora nalgúns puntos de Galicia e choivas que acadaron os 160-177 litros por metro cadrado noutras zonas, como Caldas de Reis, provocaron diferentes incidencias nas árbores: algunhas foron arrincadas de raíz pero outras sufriron rotura de pólas e rachos de diferente importancia. “As roturas e os rachos deixan exposta unha superficie de madeira irregular e tocos que poden favorecer a entrada de fungos patóxenos que comprometerán a vitalidade da árbore”, apuntan, motivo polo que será necesario actuar sobre as superficies rachadas, limpando os rachos, eliminando os tocos e protexendo a madeira con cicatrizantes ou outros funxicidas.

Tamén haberá que actuar sobre as palmeiras moi afectadas polo picudo vermello, pois a carga que supuxo a elevada cantidade de auga que caeu e a acción do vento farán que as palmas se desprendan con máis facilidade. Para evitar riscos persoais ou materiais, segundo os técnicos, “é imprescindible eliminar a totalidade da coroa de palmas -medida por outra banda obrigatoria para evitar a dispersión da praga- e nunca deixar os restos acumulados, senón enterralos a profundidade ou queimalos”.

Por outra banda, esta cicloxénese tamén provocou a caída de parte da froita de árbores como os cítricos. Dende a EFA indican que é necesario retirar a maior cantidade da froita que estea no solo, pois pode atraer a patóxenos oportunistas e tamén a diversas especies de moscas da froita, que este ano están a ser especialmente abundantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información