A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un aviso fitopatolóxico con recomendacións a ter en conta durante a vendima co fin de evitar contaxios de patoloxías nas viñas de cara á vindeira tempada.
O persoal técnico aconsella aproveitar que se está a traballar na contorna das plantas para detectar os brazos das cepas que amosan os primeiros síntomas de enfermidades de madeira, identificar as plantas máis afectadas, e marcar os brazos sintomáticos para actuar sobre eles durante a vindeira poda.
Así mesmo, as plantas moi afectadas -sen posibilidade de refacelas con poda- ou mortas poden eliminarse xa despois da vendima (retirando tamén as raíces), pois canto máis tempo estean na finca máis posibilidades hai de que se incremente o número de plantas enfermas na viña.