Recomendan aplicar os primeiros tratamentos contra o mildeu en viñedo

Publicidade
Recomendan aplicar os primeiros tratamentos contra o mildeu en viñedo

Primeira mancha de mildio no Salnés. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir este venres o seu boletín fitosanitario, cos seguintes avisos para os viñedos da provincia de Pontevedra:

Mildio:

Desde a emisión do anterior aviso fitosanitario semanal (17 de abril) houbo unha variedade de condicións climáticas, desde días, como a pasada fin de semana, con temperaturas medias e máximas moi elevadas e ausencia de choivas e humidade foliar, ata esta semana de choivas máis ou menos intermitentes acompañadas dun descenso notorio nas temperaturas, especialmente as nocturnas, que se mantiveron na contorna dos 6-8 ºC.

Con esta situación, houbo tamén diferente nivel de risco de infección segundo o período e, como publicamos o pasado día 23, detectouse a primeira mancha de mildio no Rosal. Desde ese día, xa detectamos as primeiras manchas en sendas viñas do Salnés (unha delas con esporulación evidente, pero na outra non). No resto de fincas non observamos síntomas, pero espérase que aparezan nos próximos días, tendo en conta a climatoloxía pasada e a prevista canto á suba das temperaturas mínimas. De feito, o desenvolvemento do mildio segundo Goidanich nas diferentes estacións consultadas da provincia xa acadou, ou está moi próximo, o 100%, e aínda que este é un modelo teórico e non ten por que cumprirse estritamente na práctica, sempre é unha boa orientación.

A día de hoxe, as axencias meteorolóxicas consultadas non coinciden estritamente no seu prognóstico para os próximos días pois, aínda que todas falan dunha melloría na climatoloxía, algunhas aínda manteñen períodos con probabilidade de precipitación maior do 60% algún día. Tendo en conta esta situación, as nosas recomendacións varían segundo a situación de cada finca: naquelas viñas onde aínda non se fixo ningún tratamento, revisar moi ben á procura da primeira mancha e, se non se fan revisións, intervir para evitar problemas futuros. Naquelas nas que xa se fixera un tratamento, vixiar o estado das plantas, aínda que é de esperar que non presenten novos síntomas mentres estean ben protexidas.

Nestes primeiros tratamentos estanse a aplicar funxicidas sistémicos ou tamén penetrantes, que soen ir acompañados dunha materia activa de contacto. Para aproveitar a acción desta última materia activa, no tratamento deben mollar tamén a cara inferior (envés) das follas

 Adulto de pedroulo en viña

Adulto de pedroulo en viña

Oídio:

Aínda non observamos os primeiros síntomas da enfermidade. Ben é certo que as precipitacións que se teñen producido, fortes en ocasións, non son favorables ao fungo. Aínda así, nas variedades máis sensibles é conveniente incrementar a vixilancia.

Botrite:

Como sabemos e xa dixemos no anterior aviso semanal, en moitas zonas houbo diferentes episodios de sarabia e ventos fortes, o que conduciu a roturas de follas e gromos. Conforme transcorre o tempo desde que se producen esas lesións, van aparecendo tecidos necrosados sobre os que se pode instalar este fungo. De feito, esta semana xa observamos as necroses nalgunhas fincas, pero non esperamos que teñan maior incidencia debido a que a maioría das previsións meteorolóxicas apuntan para a próxima semana unha climatoloxía máis seca (e mesmo con ventos secos do norte algúns días).

En todo caso, non esquezan que se aplican un produto que leve folpet cando fagan unha potencial intervención fronte ao mildio diminuirá aínda máis o risco.

Ácaros.

Continúa habendo síntomas de erinose en case todas as fincas, e tamén os síntomas que poden apuntar á presenza de acariose pero que en realidade son debidos a cambios continuados nas condicións ambientais, temperaturas sobre todo.

Erinose en gromos basais

Erinose en gromos basais

Danos por vento e/ou sarabia:

En boa parte das viñas obsérvanse síntomas destes fenómenos meteorolóxicos. Non representan en xeral un perigo para o vigor das plantas porque serán absorbidos sen dúbida polo desenvolvemento de novos gromos. Ademais, se para a semana aumentan as temperaturas e a insolación, haberá que esperar unha máis rápida recuperación das plantas.

Despois das roturas de follas hai tecido necrosado

Despois das roturas de follas hai tecido necrosado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información