‘Recomendacións técnicas tras os incendios forestais’

Artigo dos investigadores do CSIC Montserrat Díaz e Serafín González

‘Recomendacións técnicas tras os incendios forestais’

Cuberta dos montes con palla.

Os montes de Galicia son fonte de riqueza porque os bosques e matogueiras que os ocupan proporcionan unha serie de bens indispensables para a nosa supervivencia (osíxeno, enerxía, madeira, fibras, resinas, alimentos, etc.), cumpren importantes funcións ecolóxicas, entre elas o mantemento da biodiversidade (ofrecen multitude de hábitats distintos nos que se atopan unha gran variedade de especies de todo tipo de seres vivos vexetais e animais), a regulación do clima, das augas superficiais e profundas e a conservación do chan e da atmosfera; por outra banda, son lugares de esparexemento e contribúen a crear a beleza da paisaxe galega. Por todas estas razóns é necesario protexer e conservar os nosos montes.

Desgraciadamente, desde hai moitos anos, os incendios forestais destrúen grandes superficies de bosque e matogueira, afectando negativamente á nosa riqueza económica e ecolóxica e á nosa paisaxe, o que ten repercusións sociais graves, que afectan a toda a sociedade galega. Os incendios causan:

a) Danos directos e evidentes como a morte de persoas, a flora (vexetación herbácea, arbustiva e arbórea) e fauna (macro-, meso e micro-fauna), contaminación do aire, danos a bens, paisaxe.

b) Danos directos non evidentes, como a degradación do chan e a perda da súa funcionalidade.

c) Danos indirectos, como o empobrecimiento do chan, a contaminación da auga (ríos, encoros, rías, augas subterráneas), a contaminación do aire (CO, CO2, hidrocarburos aromáticos policíclicos, etc.) e grandes danos sobre a actividade económica (silvicultura, pesca, marisqueo, turismo). Por conseguinte, os incendios causan un gran impacto ambiental dado que os seus efectos non se reducen á zona queimada afectada e, ademais, son acumulativos (recurrencia dos incendios).

A onda de incendios do ano 2006, seguida por un período de choivas, revelou o perigo da erosión post-incendio, causando arrastre de terra e cinzas que ocasionaron a perda de capacidade produtiva do monte, inundacións en núcleos de poboación e danos nos bancos marisqueiros. Como exemplo, podemos dicir que a marea negra da onda de incendios do 2006 produciu perdas económicas similares ás do Prestige.

Neste ano, durante a onda de incendios dos días 14 e 15 de outubro, 137 concellos galegos víronse afectados polo lume e queimáronse 35.000 hectáreas, co consecuente risco potencial de erosión, dado que, ao carecer dunha cuberta vexetal, o chan está espido e desprotexido fronte ao impacto da choiva. Faise necesario, por tanto, poñer en marcha unha serie de accións urxentes contra a erosión en determinadas áreas queimadas tras os lumes, especialmente naquelas que son moi susceptibles á erosión (incendios de alta intensidade, gran extensión, elevada pendente e proximidade a cursos e masas de augas).

A concienciación da sociedade ante este problema xerou unhas iniciativas voluntaristas para liquidar esta dramática situación. Con todo, a información que se divulga, a pesar da súa boa intención, pode en lugar de resolver, mesmo incrementar os danos ocasionados polos incendios. A este respecto, desde diversas institucións e sociedades relacionadas co medio ambiente tentáronse frear estas iniciativas mediante a elaboración de guías prácticas e sinxelas, elaboradas por expertos no tema, que inclúen normas de actuación tras o incendio.

A continuación, sinalamos as ligazóns de dúas guías, unha moi simple e divulgativa, dirixida ao público en xeral, elaborada desde a Sociedade Galega de Historia Natural, e outra máis especializada e dirixida a científicos e investigadores, elaborada por un grupo de investigadores e técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Xunta de Galicia), o Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG-CSIC), da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo, baixo o amparo da rede temática nacional Fuegored (Efectos dos Incendios Forestais sobre os Chans).

Guía divulgativa (público en xeral).

Guía especializada (investigadores e xestores).
Vega JA, Fontúrbel T, Fernández C, Arellano A, Díaz-Raviña M, Carballas MT, Martín A, González-Prieto S., Merino A. Benito E. 2013 (Eds). Acciones urgentes contra la erosión en áreas forestales quemadas. Guía para su planificación en Galicia. Tórculo Artes Gráficas, Santiago de Compostela. 139 pp. ISBN: 978-84-8408-716-8.

* Montse Díaz / Serafín González

Montse Díaz e Serafín González forman parte do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas (CSIC) - Departamento de Bioquímica do Solo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información