Recomendacións para realizar un bo ensilado de herba

En breve comezarán os traballos de ensilado da herba. Resumo da xornada “Siloaprende” impartida por técnicos de Adial na cooperativa Campo Capela.

Na segunda quincena de abril e na primeira de maio está previsto que se concentren os traballos do ensilado da herba en Galicia, un cultivo que está volvendo cobrar importancia xa que permite un aporte de proteína a baixo custo para a alimentación do gando e, no caso de ser pradeiras de inverno en rotación co millo, favorece unha mellora da fertilidade do solo.

Para seguir avanzando na mellora do ensilado da herba, os técnicos de ADIAL, Antón Camarero e Álex Udina, impartiron o pasado mes de xaneiro na cooperativa Campo Capela un taller “Silo Aprende”, no que se combinou a parte teórica con prácticas nos silos dunha gandería da zona.

Como punto de partida, Antón Camarero incidiu na importancia dunha boa conservación do silo de herba. “É clave ter un silo ben conservado, porque o comerán mellor as vacas, darán máis leite, terán menos problemas de saúde, teremos menos perdas económicas, pero tamén por unha cuestión de saúde pública, xa que hai patóxenos presentes no silo mal conservado que poden pasar ao leite”, advertiu.

Para iso é preciso baiar o PH do silo de herba canto antes por debaixo de 4 puntos, para lograr unha fermentación láctica que conserve a forraxe e impida o desenvolvemento de patóxenos como clostridios, lysterias..etc.

Velaquí un resumo das recomendacións que ofreceron para acadar un silo de herba ben conservada e con boas calidades:

-Evitar presecados longos: O presecado debe ser o máis corto posible, pois unha vez cortada a folla de herba segue respirando e consumindo azucres. E dende que se pica a herba ata que se pecha o silo debe transcorrer o mínimo tempo posible.

-As leguminosas ensilan moito peor que as gramíneas: O millo é a forraxe máis fácil de ensilar debido ao seu maior contido de azucres. Pola contra, as leguminosas son as peores para ensilar, porque teñen poucos azucres, moita proteína e substancias como as pectinas, que non deixan baixar o pH . No medio atópanse os raigrases e os cereais enteiros (avea, triticale) que se empregan como forraxe.SILO APRENDE 1

-Cando cortar a herba? O óptimo para o ensilado da herba é antes do espigado, pois canto máis nova terá máis proteína, pero tamén será máis difícil de conservar e canto máis vella a herba será máis fibrosa, e con menos valor proteico.

Tamén inflúe o momento do día pois a primeira hora da tarde é cando as herba ten máis azúcares nas follas, e polo tanto resulta máis interesante para facer os cortes.

SILO APRENDE 2

-A importancia da hixiene: É clave botar o xurro con antelación suficiente antes de cortar a herba para que non haxa manchas nin contaminación e a herba sexa lavada pola choiva.

Unha vía para reducir a contaminación é a inxección do xurro pois mánchase menos a planta e iso resulta en menor presenza de clostridios no silo.

SILO APRENDE 3

Na mesma liña, tamén resulta clave reducir os niveis de cinzas -e por tanto dos clostridios presentes na terra- no silo de herba. Unha das principais vías de entrada destas bacterias, que provocarán as indesexadas fermentacións butíricas, son as toupeiras existentes nas pradeiras. Velaquí os resultados dun estudo que confirman a relación entre o número de toupeiras e a mala conservación do silo de herba:

SILO APRENDE 4

SILO APRENDE 5

Outra vía de entrada de patóxenos no silo de herba son os restos de cañotas de millo en pradeiras temporais. Se non se desbrozan antes de sementar a pradeira ou, cando menos, se non se fai un corte de limpeza da pradeira en febreiro, serán unha fonte de entrada de fusarium, un fungo que provoca problemas de conservación no silo.

-Altura de corte da herba: Sempre por riba dos 6 centímetros, para non meter terra e clostridios. Tal e como se demostra nos resultados do seguinte estudo, existe unha relación directa entre menos altura de corte e entrada de clostridios no silo:

SILO APRENDE 6

-Maquinaria de corte: Aconséllase cortar cunha rotativa acondicionadora, que xa deixe a herba estendida en carreiras anchas para o presecado, sen necesidade de encarreirala. Sen embargo, tamén se pode modificar o sentido de xiro dos platos dunha rotativa normal para que faga o mesmo efecto que unha acondicionadora.

Aconséllase evitar o volteado da herba, pois engadiría máis terra ao silo de herba. No momento do ensilado a herba debería estar entre o 25 e o 35% de materia seca. Non se recomendan presecados longos, pois estaríamos perdendo azucres na forraxe e tamén se estaría prexudicando o contido proteico da mesma.

SILO APRENDE 7

-Picado da herba: Canto máis corta se pique a herba mellor será a súa conservación, xa que se facilitará a súa compactación, diminuindo así a entrada de osíxeno, e realizará antes a fermentación láctica.

Diversos son os estudos que confirman esta relación entre picado e conservación do silo de herba:

SILO APRENDE 8

-Estabilidade aeróbica: Poderíase definir como o tempo en que en silo empeza a quecer dende que se abre. Como consecuencia da entrada de osíxeno polo frente e das esporas de fungos a través do aire empezánse a queimar azucres e a emitirse CO2. É un proceso que non se pode evitar, pero si reducirse considerablemente en función do manexo que fagamos do silo.

Os conservantes actúan moi ben no que é a fermentación inicial do silo, pero non resolven o problema de contaminación por fungos e de estabilidade aerobica.

Como punto claves para evitar o quecemento do silo está unha boa compactación. Para iso é preciso que o espesor das capas do silo de herba teñan un máximo de 10 centímetros de altura, para poder acadar densidades óptimas de 240 kilogramos de materia seca por metro cúbico. Cantos máis grosas sexan as capas e canto máis seca estea a forraxe peor será a compactación e a conservación do silo.

Tamén inflúe na estabilidade aeróbica a velocidade de avance no silo: Se esta é lenta compensa facer dous silos, ensilando pareado, para que o frente sexa máis estreito. Aconséllase avanzar un mínimo de 30 cm ao día e un máximo de 3 días para renovar o frente completo.

Para mellorar a compactación nas partes altas do silo, onde a densidade é menor, recoméndase a colocaciónde pesos (salchichas etc). Débense evitar tamén as barrigas na parte alta dos silos, pois están moito menos campactadas e solen ser unha fote de propagación de fungos no silo.

SILO APRENDE 9

Unha vez empezado o silo, os sacos de area colocados en perpendicular a un metro do frente do silo, evitarán a entrada de aire que altere o silo, sobre todo o crecemento de fungos en silos secos.

-Plásticos para o silo:

Pódese reutlizar o plástico do ano anterior para recubrir as paredes. Para o selado do silo recoméndase empregar tres capas de plástico:

-Unha primeira de plástico interior, constituída por un film transparente que evita a entrada de osíxeno.

-Unha segunda capa de plástico exterior bicolor.

-Sacos de area para axudar a compactación.

-Unha lona de protección para protexer dos ataques da fauna silvestre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información