Recomendacións para plantar patacas neste ano chuvioso

Publicidade
Recomendacións para plantar patacas neste ano chuvioso

As condicións meteorolóxicas dos pasados meses están a causar unha sementeira tardía da pataca na practica totalidade da xeografía galega en xeral, e da ourensá en particular, polo que á hora de planificar a plantación haberá que considerar unha serie de factores en aras a evitar problemas futuros no noso cultivo.

En relación ao estado do solo:

-O solo ten que estar en bo tempero, significando isto que se atope solto, cunha certa humidade pero que en ningún caso estea asolagado ou pesado.

-Non debemos cometer o erro de por adiantar unha semana a plantación plantar co solo en malas condicións, xa que de ser así causariamos probablemente un estado de asfixia no tubérculo nai que podería dexenerar nun ataque de bacteriose por erwinia (pé negro) ou de rhizoctonia.

-Aínda que o anterior non ocorra, ao secar o terreo producirase (de traballado en mal tempero) unha compactación do mesmo que dexeneraría en gretas e malformacións dos tubérculos.

-No caso de aparición de problemas fitosanitarios tales como pé negro ou rhizoctonia recomendase realizar unha arada superficial polo fondo dos sucos coa fin de favorecer a aireación do terreo.

En relación á pataca de semente:

-A pataca de semente sempre debería ser certificada. Con isto aforraremos problemas futuros de falta de produción ou de espallamento de pragas e enfermidades.

-A pataca previa plantación deberémola conservar estendida nun sitio fresco e escuro, favorecendo así a creación de xermolos fortes. No caso de mercar semente pouco evolucionada e de ter presa para realizar a plantación a semente deberá conservarse estendida nun sitio cálido.

-Á hora de plantar a pataca, esta debería estar prexermolada, con gromos grosos e dunha lonxitude non demasiado alta.

– Deberemos evitar plantar semente cos xermolos moi longos, xa que durante as operacións de plantación seguramente se romperán e atrasarase o establecemento da plantación.

– En relación co anterior, se a época de plantación se atrasa e as patacas xa están moi xermoladas, sería conveniente desgromalas coa fin de que ata a plantación a pataca cree outros gromos fortes e curtos, esperando un mínimo de dez días antes de plantar, conservándoas nun sitio cálido.

– Recoméndase empregar semente sen cortar. No caso de querer realizar esta operación deberemos depositar as patacas nun sitio seco para favorecer a cicatrización. Non deberemos plantar unha pataca recén cortada xa que favoreceríamos a aparición de problemas fitosanitarios.

– Se a época de plantación se vai moi adiante, a pataca pódese pór arrugada emitindo gromos delgados e débiles. Nese momento habería que plantexarse non empregala xa que se considera que é fisiolóxicamente vella.

Un artigo de Servando Álvarez Pousa, director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, pertencente á Deputación de Ourense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información