Recomendacións para a plantación de pataca

Servando Álvarez Pousa, director técnico do Centro Agrogandeiro da Limia, dependente da Deputación de Ourense, ofrece unha serie de recomendacións de abonado, preparación do terreo e selección da variedade de pataca.

Publicidade
Recomendacións para a plantación de pataca

Finca de ensaio do Inorde na Limia.

Poucos cultivos están tan espallados na xeografía galega como é o caso das patacas, non hai horta na que non estean presentes nen practicamente xantar ou cea na que non estea reflectida a súa presencia na mesa.

Galicia é un país, parafraseando o título do libro de Manuel Rivas, de “comedores de patacas”.

Pero isto non é todo, uns dos piares da economía agraria galega é este cultivo, especialmente na provincia de Ourense na que máis de 3000 hectáreas anuais deste tubérculo se plantan todos os anos na comarca da Limia. Neste punto hai que especificar que a diferencia do resto de Galicia máis do 99% da produción se destina á comercialización e non ó autoconsumo.

Pese a que o estudio do cultivo da pataca requiriría moitas máis consideracións das que se van propor a continuación, vallan as mesmas para ofertar unha visión xeneralista dos aspectos máis relevantes do cultivo da pataca.

Variedades

A creación de novas variedades de pataca é un negocio que segue en auxe nos principais países produtores de pataca de semente, así Holanda, Bélxica, Dinamarca, Escocia e Francia seguen tendo a predominancia neste sector.

Por desgracia, en España non se seguiu esta tendencia e iniciativas tales como as de Appacale no senso de creación de variedades españolas propias malogrouse quedando só o Neiker vasco como o único organismo na Península que se adica á creación de variedades novas adaptadas ós requirimentos dun mercado cada vez máis especializado.

A realidade actual permitiralle escoller ó agricultor profesional entre máis dun cento dos miles de variedades de pataca que existen no mercado (no caso da agricultura de autoconsumo é máis complicado conseguir variedades fóra das máis comúns).

En xeral, a elección final se reducirá a unha elección inicial e esta dependerá do destino que lle queiramos dar a produción, ben sexa para consumo (venta encamiñada a surtir a demanda de pataca en fogares e sector de restauración) ou pataca para industria (industrias de pataca frixida, de transformados de pataca, de precociñados….) Esta primeira elección condicionaranos aspectos do cultivo tales como o abonado, a rega, ou a época de recolección.

A época de recolección está claramente relacionada co ciclo vexetativo das distintas variedades de tal xeito que naquelas zonas nas que debido ás condicións meteorolóxicas e os condicionantes morfolóxicos do terreo exista risco evidente de problemas na colleita (en zoas de cultivo extensivo, choivas importantes en setembro poden dificultar ou imposibilitar a recolección mecanizada), nestas condicións a elección de variedades de ciclo curto permitiranos adiantar a recolección en practicamente un mes con respecto ás variedades máis tardías.

Temperás

Semitardías

Tardías

Menos de 120 días

120 – 150 días

Máis de 150 días

-Monalisa.

-Red Pontiac.

– Kennenbec.

– Desiree.

– Agria.

– Baraka

Outro aspecto a considerar de cara á elección da variedade a plantar serán condicionantes fitopatolóxicos xa que o mercado actual nos vai permitir dispor de patacas máis ou menos resistentes ás diversas enfermidades ou pragas. Neste aspecto, sen embargo, hai que indicar que as condicións agroclimáticas de Galicia condicionan que a resistencia varietal cara ás enfermidades fúnxicas se vexan moi limitadas.

Sen embargo, si que hai dous casos específicos nos que a resistencia da variedade cara un problema fitopatolóxico nos vai ser de utilidade (mellora produtiva e aforro de produtos fitosanitarios). Estes son a resistencia cara a Sarna Común e a resistencia cara o nematodo da pataca que se comentará a posteriori.

Estado da semente

A semente certificada é a única que outorgará a nosa plantación garantía de salubridade e como o seu nome indica, nos certifica a ausencia na mesma de enfermidades de corentena.

O ideal no momento da plantación é que a semente se atopara pre-agromada, con varios gromos firmes de pequeno tamaño.

Deberemos evitar empregar semente moi enrrugada, cos gromos longos e débiles ou coa formación de pequenos tubérculos no exterior ou interior da semente, xa que ditos síntomas son indicadores de que a semente se atoparía nun estado fisiolóxico non axeitado (idade fisiolóxica vella).

Como consellos cara o manexo da semente poderanse aplicar o reflectido pola Consellería de Medio Rural no regulamento técnico para a produción integrada de pataca.

PATACA_INORDE_2

No caso de querer empregar semente cortada, pese a que esta práctica non é moi recomendable, deberémonos asegurar que cada pedazo cortado conte con dous ou máis gromos e que o corte se atope ben suberizado antes da plantación.

Estado do terreo

Un bo estado do terreo a plantar será fundamental á hora de acadar unha produción rendible e de calidade. Ademais de favorecer operacións posteriores do cultivo, evitará futuros problemas durante o ciclo do mesmo (por exemplo, unha mala preparación poderá causar problemas por asolagamentos á hora da rega).

PATACA_INORDE_4

O óptimo sería que a terra se atopase nun bo tempero á hora de plantar, entendendo por isto como o solo solto, sen apelmazar, con algo de humidade e, dentro do que cabe, libre de terróns (se ben os terróns non inflúen no cultivo a presencia dos mesmos dificultarían moi moito a operación de colleita mecanizada).

En cultivo de pataca extensivo, de xeito habitual, e sempre dependendo do estado inicial da parcela, as labores habituais a realizar serían:

-Arado de vertedeira para incorporar ó solo a cobertura vexetal do inverno.

-Pase de grada para achandar o terreo e eliminar terróns.

-Pase de fresa para favorecer a plantación mecanizada e eliminar terróns.

Sen embargo, hai que resaltar que deberemos coidar moi moito a estrutura do solo, sobre todo para evitar que un exceso de mecanización cause problemas de formación de sola de labor (compactamento das capas profundas do solo que causan unha impermeabilización das mesmas e provocarán problemas de encharcamento ó longo do ciclo). Para evitar esta situación o agricultor deberá seguir o código galego de boas prácticas agrícolas.

Nutrición

Non fai falla nin que dicir que a operación de abonar, de nutrir a terra nos vai condicionar o correcto desenvolvemento do cultivo. É por isto que o agricultor, así sexa profesional ou de autoconsumo, se deberá tomar o seu tempo á hora de establecer unha estratexia nutricional acorde coa súa explotación.

A pataca é un produto esixente no referente ó consumo de nutrientes, especialmente en casos de explotacións intensivas con aporte de auga de rega e con expectativas de altas produción (por riba dos 50.000 kg/ha).

En referencia ós nutrientes máis xeneralistas:

Nitróxeno: É o elemento que confire vigor ás plantas, aumenta o desenvolvemento das mesmas e está intimamente relacionado coa área foliar das plantas e por tanto na capacidade fotosintética.

Un aporte deficiente neste elemento producirá cloroses claras en follas e unha diminución na produción, de tal xeito que se pode considerar como o elemento limitante en termos de produción total. Pola contra, un exceso de nitróxeno causará alteracións tales como a aparición de corazón oco, manchas na carne, diminución da materia seca e, por outro, lado unha maior susceptibilidade a enfermidades fúnxicas.

O consumo habitual de nitróxeno por tonelada producida variará entre os 3.5 e os 5 kg/ha e ano, se ben os altos contidos de materia orgánica dos solos galegos e a capacidade de mineralización da mesma marcan un consumo medio para Galicia de 4 kg/ha de nitróxeno para explotacións intensivas moi produtivas e en torno ós 3 kg/ha de nitróxeno para explotacións de autoconsumo sobre todo en réxime de secaño.

Xeito de Producción.

Producción kg/ha

Consumo de Nitróxeno kg /ha

Autoconsumo en secano

< 20.000

60 – 80

Explotación intensiva secano

20.000 – 30.000

60 – 120

Explotación intensiva regadío

30.000 – 40.000

120-160

Explotación intensiva regadío

40.000 – 50.000

180 – 200

Explotación intensiva regadío

> 50.000

220 – 250

-Fósforo: É un elemento directamente relacionado co sistema radicular da planta e coa capacidade de mesma de incrementar o número dos elementos de almacenamento que son os tubérculos. Ademais mellora a calidade das patacas e adianta o ciclo de cultivo.

A carencia en fósforo causaranos un enraizamento deficiente con pouco número de tubérculos, en especial no caso daquelas variedades que non adoitan producir gran número dos mesmos como é o caso de Agria.

As extraccións de cultivo nos falan de entre 1.5 kg/tn a 2 kg/tn o que implicaría uns consumos medios por ha e ano que variarían entre os 30 e os 100 kg de fósforo.

Sen prexuízo do anterior, en relación co fósforo hai que indicar unha cuestión relacionada coa tipificidade dos solos galegos. Os solos galegos caracterízanse entre outros factores polo alto contido en materia orgánica e relacionada con dito contido, o nivel de pH, en Galicia predominan os pH ácidos cun valor en practicamente todos os casos por debaixo do 5.50 e en moitos casos situados no intervalo 4.50- 5.00.

Tal e como se aprecia no diagrama adxunto, a dispoñibilidade de fósforo ó dispor das plantas ó intervalo de pH referido é moi baixa. Isto ven indicar que gran parte do abonado fosfórico que engadimos ó solo vaise insolubilizar formando fundamentalmente fosfato de ferro e de aluminio. Por esta razón, a cantidade de fósforo a engadir ó cultivo debería ser superior ás extraccións do cultivo ata acadar no caso de explotacións moi produtivas (en torno ós 50.000 kg/ha) os 200 kg/ha e ano.

-Potasio: Como terceiro elemento prioritario na nutrición do cultivo o potasio amósase como un elemento polo que a pataca ten grande predilección xa que dos tres é do que maior cantidade require.

O potasio amósase como fundamental durante o proceso de maduración dos tubérculos e nos de formación de azucres e materia seca. Diminúe os danos por golpeo da produción e axuda na conservación da pataca. Ademais mellora a resistencia da planta ás enfermidades e a situacións de estrés como a seca ou a xeada.

As carencias de potasio en planta móstranse como escurecemento das follas e enrolamento dos foliolos, pero é sobre todo en tubérculo onde se ven as consecuencias máis evidentes. Estas van desde falta de uniformidade na carne, problemas de vitriosidade, e mesmo, conxuntamente cun exceso de nitróxeno, episodios de escurecemento do anel vascular e corazón oco. As alteracións que provoca a carencia de potasio son especialmente graves no caso das variedades destinadas a industria e fundamentalmente nas destinadas á transformación en chips.

As extraccións de cultivo sitúanse entre os 6 e os 10 kg de potasio por tonelada producida, sendo especialmente esixentes as producións destinadas a industria.

Xeito de Producción.

Producción kg/ha

Consumo de Potasio kg /ha

Autoconsumo en secano

< 20.000

180-200

Explotación intensiva secano

20.000 – 30.000

200-270

Explotación intensiva regadío

30.000 – 40.000

250-350

Explotación intensiva regadío

40.000 – 50.000

350-450

Explotación intensiva regadío

> 50.000

> 500

Na nutrición do cultivo acadarán especial relevancia, ademais, os seguintes elementos.

-Magnesio: Os solos galegos son especialmente deficitarios en magnesio debido á acidez que presentan. Así pois, é especialmente interesante dotar ó cultivo dunha cantidade anual de magnesio que axuden ó correcto desenvolvemento do mesmo. O magnesio, ademais de ser básico para o proceso de fotosíntese das plantas, en pataca é básico para dotar de resistencia ás plantas cara a enfermidades (mención especial merece o control da Alternaria) e a mellorar de xeito espectacular o aspecto externo dos tubérculos.

En termos xerais, aportacións de 50-70 kg/ha de magnesio/ha adoitan ser abondo para unha correcta nutrición.

-Calcio: Fóra das necesidades básicas que todos os vexetais presenta en relación ó calcio e o seu papel na estrutura celular, a pataca non se amosa demasiado esixente no mesmo, e só en condicións de carencia extrema se amosan danos evidentes tales como o necrosamento da zona onde o tubérculo se une ós espolóns.

Sen embargo, o calcio desempeña un papel fundamental na estrutura do solo, en especial ó xeito no que o complexo arxilo-húmico é capaz de fixar os catións de cambio e sobre todo o fósforo.

Ademais, tal e como se dixo cando se falou do fósforo, o pH do solo é fundamental no tocante á asimilación dos nutrientes por parte das plantas, de tal xeito que a valores cercanos ó 7.00 a asimilación sería óptima.

Práctica habitual para subir o pH do solo é o encalado, de tal xeito que mediante o emprego de calizas elevaríamos o nivel do mesmo ao mesmo tempo en que aportaríamos calcio. Sen embargo, no caso do cultivo de patacas a práctica do encalado pode chegar a ser desaconsellable pola aparición dunha enfermidade bacteriana coñecida como Sarna Común, Stremptomyces spp. Esta bacteria causa alteracións na pel da pataca formando manchas corchosas e pústulas de diversa afectación que restan calidade comercial á produción. A bacteria da sarna ataca fundamentalmente a un pH do solo superior a 5.5 polo que en parcelas con inicio de síntomas non se deberá encalar (alo menos no ano no que se planten patacas).

Emprego de materia orgánica

O emprego dos abonos orgánicos cabe definilo como unha boa práctica agrícola, xa que con eles ademais de corrixir carencias de contido de materia orgánico no solo (non sería o caso de Galicia no que as porcentaxes de materia orgánica adoitan ser elevadas) si mellora o perfil de ácidos húmicos, se favorece a vida microbiana e ademais é un xeito de engadir nitróxeno ó solo.

PATACA__ESTERCO_INORDE_5Indicar ademais que é tanto rendible como ambientalmente correcto aproveitar os subproductos gandeiros para abonar os nosos cultivos. Os abonos orgánicos máis empregados para esta fin son estercos provenientes de explotacións gandeiras, dependendo o tipo de esterco da carga gandeira de cada comarca, así no centro-norte de Galicia o esterco maioritario será o de vacún, mentres que no sur de Galicia (A Limia) a predominancia acádaa o esterco provinte de explotacións avícolas.

As cantidades a engadir deste tipo de insumo variarán dende os 40 m3 de estercos de vacún ou produtos compostados ata os 20 m3 de esterco de polo (sempre referíndonos a unha ha).

En calquera caso, ante o emprego de abonados orgánicos deberemos ter a precaución de non incorporalos ó solo cando aínda non acadaron unha certa evolución ou no mellor dos casos unha certa compostaxe. O emprego de abonos “frescos”, recén sacados das cortes ou das explotacións levarían asociados, no caso da pataca, posibles problemas pola aparición de podremias causadas por bacteriose ou, sobre todo no caso de emprego de galiñazas ou esterco de polo, polo favorecemento da xa comentada sarna común.

Práctica do abonado

Dende logo, antes do comezo dos traballos de abonado, será prioritario a realización dunha analítica de solo que nos indique as posibles carencias (ou excesos do terreo a plantar).

Unha vez coñecida a realidade nutricional do noso solo, habería que artellar unha estratexia de fertilización considerando, o terreo, a variedade a plantar e a produción estimada que queiramos colleitar.

O abonado de fondo realizarémolo loxicamente antes da sementeira coa fin de aportar ó cultivo unha reserva de nutrientes que cubra todo o ciclo vexetativo. Tanto fósforo como potasio están considerados en principio como elementos pouco lábiles no solo polo que a aportación de ámbolos dous en fondo cubriría o ciclo arriba mencionado. No referente ao nitróxeno, alo menos un 50 % da cantidade a aportar tamén se faría neste abonado de fondo.

¿Que pasa entón co restante 50 % de nitróxeno? O nitróxeno é un elemento que por acción das condicións meteorolóxicas é facilmente lavable do solo; é dicir, por mor da choiva ou mesmo das practicas de rega é moi difícil que a cantidade que aportamos co abonado pre-plantación chegue ao fin do ciclo. Deste xeito, por unha parte someteríamos o cultivo a unha escaseza de nutrientes e por outra parte, estaríamos fomentando a eutrofización das redes de auga.

¿Solución? Aplicar a restante 50 % en coberteira cando o cultivo estea establecido. O recomendable sería aplicar dúas coberteiras, unha antes da primeira rega e outra cando o cultivo acade a floración. Para a realización destas operacións os produtos máis empregados serían os nitratos amónicos cálcicos ou os nitratos potásicos, entre outros.

No caso de non querer, ou non nos ser posibles aplicar nitróxeno en coberteira, poderiámonos decantar polo uso dos abonos orgánicos, xa que estes liberarannos o nitróxeno paseniñamente ó longo do ciclo vexetativos das patacas (non esquecer as precaucións mencionadas anteriormente cara o emprego deste tipo de abono en relación especialmente coa sarna común da pataca).

Outra opción para substituír as coberteiras sería o emprego en abonado de fondo de produtos de liberación gradual de nitróxeno (abonos de baixa solubilidade, inhibidores da nitrificación, microencapsulados…).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información