Recomendacións para o cultivo do pasto siambasa, unha alternativa forraxeira

Recomendacións para o cultivo do pasto siambasa, unha alternativa forraxeira

Pasto siambasa

A cooperativa DELAGRO, en colaboración coa empresa Efecto Soluciones SL organizou este luns unha xornada informativa a través de internet sobre o pasto siambasa como alternativa forraxeira.

Gustavo Espinosa, director comercial de DELAGRO, a cooperativa que comercializa as sementes desta gramínea en Galicia e na Cornixa Cantábrica, recordou que “o ano pasado realizamos cultivos de ensaio en Galicia e en Asturias, con bós resultados para ganderías de vacún de leite e de carne”.

“Trátase dun cultivo forraxeiro de verán que resulta moi interesante en tres casos: En fincas con pouca rendibilidade para o cultivo do millo, nas que os rendementos estean por debaixo das 30 toneladas de materia húmida por hectárea; para aqueles terreos con pradeira que temos que renovar, e nos que podemos realizar antes este cultivo de verán e, en terceiro lugar, naquelas pradeiras nas que a herba murcha nos meses de agosto ou setembro, xa que o siambasa é un cultivo con resistencia á seca”, explica Gustavo Espinosa.

Preparación do terreo:

Pola súa parte, David Martín, de Efecto Soluciones SL, a empresa que está a importar este cultivo para España, destacou do siambasa “a súa alta producción, combinado con calidades nutricionais elevadas, sobre todo de proteína, e a súa rusticidade, xa que é un cultivo ao que non lle afectan enfermidades”.

En todo, caso, recordou que para unha correcta implantación do cultivo, débense seguir unhas recomendacións, que no caso da sementeira son:

-O terreo debe estar ben preparado, sen terróns que dificulten a xerminación da planta.

-A sementeira debe realizarse cando as temperaturas mínimas superen os 10 graos durante varios días seguidos. Trátase dun cultivo de verán que resiste mal o frío e o encharcamento.

-Pódese realizar sementeira directa, o que aforra custos, tempo e ademáis mantén mellor a humidade do solo. Porén, nestes casos debemos aplicar antes un herbicida xenérico, como un glifosato, para evitar a competencia con plantas adventicias e permitir que o siambasa se instale correctamente.

-A profundidade da sementeira debe estar entre 0,5 e 1 centímetros de profundidade.

-A dose de sementeira aconsellada é de entre 10 e 12 kilos de semente por hectárea.

-A utilización de rulo compactador mellora a calidade da sementeira, en función da aceleración uniforme da xerminación das sementes.

-É un cultivo que tolera os solos ácidos, como os que predominan en boa parte de Galicia.

Fertilización:

-Aconséllase un abonado de fondo coas seguines opcións: BISANNIA 18-46-0 (DAP), 11-11-11 ou BISANNIA T15.

-Tras cada corte recoméndase realizar un abonado de coberteira rico en nitróxeno, a ser posible un xurro gandeiro, xa que aportaremos tamén materia orgánica e o nitróxeno liberarase de forma máis lenta, estando máis tempo a disposición da planta. A cooperativa Delagro aconsella Nitrograss Selenio en coberteira polo seu contenido en forma nítrica e amoniacal, así como polo seu aporte en xofre e selenio.

Aproveitamento:

-O siambasa é unha gramínea que acada unha altura de ata 1,5 metros, pero sen embargo entre o 80 e o 85% da planta é folla, cunha elevada dixestibilidade. O talo, a diferencia do pasto de sudán ou do sorgo, non é tóxico e representa os primeiros 10-15 centímetros da planta.

-O pasto siambasa pódese aproveitar tanto para ensilado, heno como para pastoreo directo. En pastoreo aguanta moi ben o pisoteo e a altura de entrada do gando normalmente realízase cando a herba acada entre 40 e 50 centímetros, logrando nestes casos unha porcentaxe de proteína de ata o 25%.

-É moi importante, sexa cal for o aproveitamento, respetar a altura de corte, duns 10 centímetros do solo, para garantir un rebrote óptimo.

-É unha planta que ensila moi ben, xa que a elevada propoción de folla permite unha boa compactación do silo.

-A altura de corte para ensilado realízase cando o pasto acada entre 0,70 e 1 metro de altura.

-En canto aos rendementos, o pasto siambasa en regadío permite realizar un primeiro corte aos 50 días da sementeira, e a partir de aí realizar cortes sucesivos cada 30 ou 35 días, ata o mes de setembro. A produción de cada corte oscila entre as 4 e as 5 toneladas de materia seca por hectárea, ou o que é o mesmo, unhas 16 toneladas de materia húmida por hectárea.

-Do punto de vista nutricional, se se realiza un corte arredor do metro de altura, os valores de proteína bruta oscilan entre o 14 e o 16% e a enerxía neta sobre 0,87 UFL/Kg. A maior altura de corte, maiores rendementos pero menores calidades nutricionais.

“Ademáis do seu equilibrio entre proteína e enerxía, destacaría do pasto siambasa a súa moi boa palatabilidade para o gando, e a súa alta calidade de fibra, que permite incrementar a porcentaxe de materia graxa do leite”, destaca o representante de Efecto Soluciones SL.

Por último, David Martín lembra que “o siambasa é unha planta que soamente aguanta os invernos en zonas cun clima cálido, no resto, como Galicia ou a Cornixa Cantábrica, aconséllase rotala cunha pradeira de inverno, co que garantimos que unha parcela nos está producindo forraxe os 12 meses do ano”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información