Recomendacións para o coidado das maceiras, kiwi e cítricos durante estes días

Publicidade
Recomendacións para o coidado das maceiras, kiwi e cítricos durante estes días

Mancha incipiente de moteado da maceira. Foto: Estación de Areeiro

A Consellería de Medio Rural e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, publicaron estes días senllos avisos fitosanitarios sobre o coidado das froiteiras durante estes días.

Resumimos a continuación os boletíns:

Maceiras:

1) Incidencias fitopatolóxicas

-Pulgón cincento (Disaphys plantaginea): Estamos a punto de comenzar o período crítico para o ataque deste pulgón. Só é prexudicial en maceira. As fundatrices aparecen despois do desborre e os primeiros danos danse nas follas do propio corimbo.

O período crítico vai desde o callado do froito ata que ten o tamaño dunha avelá (25 mm). Cara finais de xuño aparecen as femias aladas, que migran á Correola (Plantago sp.), onde desenrola varias xeracións, voltando a finais de outono a poñer os ovos na maceira.

Existe unha correlación positiva entre maceiras con floración de cedo e ataque deste pulgón, fronte ás de floración tardía, que sofren en menor medida este ataque.

-Pulgón verde (Aphis pomii): Sen incidencias.

-Pulgón laníxero (Eriosoma lanigerum): Sen incidencias. Aínda así, estamos chegando ó período crítico para a maceira, que vai de maio a agosto.

As maceiras inxertadas nos patróns clonais MM (Malling Merton) son resistentes a esta praga.

-Verme da mazá (Cydia pomonella): Cydia pomonella é un lepidóptero cuxo verme fai galerías no interior do froito de maceiras e pereiras. Tamén ataca ás nogueiras, marmeleiros e albaricoqueiros.

Lembrar que para que se produza o primeiro voo anual dos primeiros adultos debemos acadar 400 grados/día, segundo a fórmula bioclimática. Neste sentido, dende o 1 de xaneiro até o día 11 de abril, acadáronse 173,1 grados/día.

Na mesma data nos anos anteriores, os grados/día eran:
2017 – 468,1 grados/día.
2016 – 211,8 grados/día.
2015 – 266,0 grados/día.

Esta diferencia significativa é debida á baixa temperatura media que se acadou nos meses de xaneiro, febreiro e marzo do ano en curso. Isto dános unha idea da importancia do clima no desenvolvemento desta praga.

Outras condicións para a aplicación dos tratamentos é a existencia de dúas capturas de adultos/trampa x semana, comezando a contar grados/día cando a temperatura crepuscular (temperatura do ocaso + 2 horas) sexa maior a 15’5 ºC durante dous días seguidos.

-Broca (Zeuzera pyrina): Sen incidencias.

-“Orugueta del almendro” (Aglaope infausta): Sen incidencias. É unha praga máis frecuente no centro e sur da península que en Galicia. Ten preferencia polas especies silvestres e cultivadas dos xéneros Prunus sp. e Crataegus sp., pero tamén pode atacar a maceiras e pereiras. Detectouse por primeira vez en Galicia no ano 2008.

-Gurgullo da flor (Anthonomus pomorum): Debemos estar atentos ás posibles incidencias desta praga. É un coleóptero cuxos danos presentan una densidade baixa pero, de xeito ocasional, incrementa a súa poboación orixinando danos nas flores. A presencia de flores secas e pechadas son síntomas do seu ataque.

En ocasións, obsérvase o furado por onde saíu o adulto que se criou no interior da flor. Esta praga apareceu nas plantacións semi-abandonadas de maceiras de sidra da Estrada (Pontevedra) no mes de maio de 2016.

-Moteado (Venturia inaequalis): Causado polo fungo do xénero Venturia, as infeccións prodúcense sempre que se dan condicións favorables para o fungo. As peritecas son as formas invernantes do moteado, estas evolucionan e van formando ascosporas maduras, capaces de producir a infección primaria en combinación con condicións favorables á infección (humidade e temperatura) e un estado sensible da maceira.

A partir do estado fenolóxico C3 (orella de rato), temos posibilidades de infección. Polo tanto, estamos entrando nun período moi sensible e, sobre todo, se aparecen condicións de humidade favorable (períodos de chuvia prolongados e, incluso, orballos intensos).

-Oidium (Podosphaera leucotricha): Época de perigo relativo.

2) Recomendacións:

En maceiras que estean en estado fenolóxico igual ou anterior a C/C3 (orella de rato), podemos aplicar un tratamento funxicida a base de cobre que ten como finalidade previr os ataques de fungos cando a xema está a hincharse. Este sería o caso de todas as variedades sidreiras e algunhas das variedades de mesa.

En maceiras que superen o estado fenolóxico C/C3 (variedades de mesa máis avanzadas), é imprescindible un tratamento preventivo cun funxicida de contacto, mellor que un funxicida sistémico, xa que, no estado actual das maceiras, temos pouco desenrolo vexetativo, o que perxudica a absorción do mesmo. Este funxicida de contacto, pode ir unido a un insecticida que controlaría o ataque do pulgón cincento.

Lembrar sempre que é aconsellable alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia.

3) Observacións:

Respecto á contía das horas/frío (temperaturas inferiores a 7ºC no período novembro-febreiro), acadáronse un total de 943,16 na estación de Mabegondo, Abegondo (A Coruña), fronte ás 809 do ano pasado ou as 386,1 do 2016. Téñase en conta que as necesidades das maceiras oscilan entre as 700-900 horas/frío. Os meses que aportaron máis horas/frío foron decembro (264,16) e, sobre todo, febreiro (295).

O feito de ter chegado a 943,16 horas/frío, asegúranos unha floración uniforme (non escalonada) que terá efectos positivos na polinización e callado dos froitos.

Kiwi:

Bacteriose: As precipitacións constantes desta última temporada son condicións moi favorables a estas patoloxías do kiwi. Por iso, e tendo en conta que a brotación é unha etapa sensible que debe ser protexida, é moi importante aplicar un tratamento neste momento.

Segundo o Rexistro de Produtos do Ministerio os produtos autorizados son certos cobres (oxicloruro de cobre 38%, 52%, 70%; sulfato tribásico de cobre 19% e hidróxido cúprico 13,6% + oxicloruro de cobre 13,6%) ademais de Bacillus amyloliquefaciens subesp. plantarum, cepa D747 25%.

Non esquezer tampouco neste caso as boas prácticas agrícolas para previr a dispersión da enfermidade: hixiene a nivel de calquera maquinaria, roupa ou utensilios necesarios nas plantacións (evita a dispersión da bacteria); abonado equilibrado (especialmente de nitróxeno en forma amoniacal); evitar as regas por aspersión, etc.

Cítricos:

Phytophthora spp: Tamén as abundantes precipitacións acaecidas ata agora teñen favorecido os ataques destes fungos. Na súa contención son fundamentais as medidas culturais ou agronómicas de tipo favorecer a drenaxe no terreo ou recoller os froitos caídos e os podres que haxa na árbore.

Ademais, agora que empeza a brotación convén aplicar un tratamento con fosetil-Al 80% (funxicida que non se lava coas choivas pero que ten moi limitado o número de aplicacións ao ano), ou mancozeb ou formulados de cobre sós ou combinados con outros funxicidas (consulte aos técnicos).

Melocotoeiro:

Lepra: Novamente, a elevada humidade destes meses induce a pensar que a incidencia desta enfermidade será elevada na campaña que se inicia. Por iso, tan pronto sexa posible haberá que aplicar un tratamento (consulte aos técnicos sobre que funxicida empregar).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información