Recomendacións para o coidado das maceiras durante estes días

Publicidade
Recomendacións para o coidado das maceiras durante estes días

Primeiros síntomas do verme da mazá.

A Consellería do Medio Rural ven de publicar no seu ultimo boletín fitosanitario as recomendacións para o coidado das maceiras, tanto de mesa como de sidra, durante estes días.

Como principal incidencia fitopatolóxica que afecta ás maceiras durante estes días destacan o pulgón verde (Aphis pomi), do que se observa un incremento na súa incidencia, con moitos gromos atacados, ao estar no período crítico.

Contrariamente ó caso do pulgón cincento, do que xa non hai incidencia, este áfido completa o seu ciclo vital na propia maceira. Sen embargo, non é tan perigoso xa que non provoca deformacións nin nos gromos nin nos froitos. Pero iso si, nas novas plantacións, onde se está a facer poda de formación, é conveniente mantelo baixo control.

En canto ao pulgón laníxero (Eriosoma lanigerum) comezan a verse novas colonias algodonosas que se alimentan chuchando o zume da codia leñosa ou herbácea de gromos e pólas. É importante lembrar a relevancia do seu parasitoide específico, o Aphellinus mali, importado dos EEUU en 1920.O incremento da temperatura que estamos a ter, provocou o adianto da aparición do seu parasitoide específico Aphellinus mali. En consecuencia, a partir deste momento, debemos ser moi coidadosos no uso dos insecticidas. Lembrar tamén que as maceiras enxertadas nos patróns clonáis MM (Malling Merton) son resistentes a esta praga.

En xeral, os técnicos da Consellería recomendan evitar todas as medidas culturais que favorezan o desenvolvemento dos pulgóns, como son o abonado nitroxenado, podas, rega,… xa que todo iso favorece o crecemento excesivo das nosas maceiras.

Polo que respecta ao verme da mazá (Cydia pomonella), os técnicos de Medio Rural advirten de que, dende o ano 2011 , este ano é o máis adiantado no que se refire á posta da primeira xeneración de C. pomonella; así como o ano de menor número de capturas de adultos en 1ª, algo crucial para controlar o número de adultos na segunda xeración.

Aumento da incidencia da broca nas novas plantacións

En canto á Broca (Zeuzera pyrina), trátase dunha praga que ten unha importancia alta en árbores en formación, aparecendo os danos en rodáis.

O adulto é unha volvoreta de 2-3 cm de lonxitude, de cor branca con manchas azul escuro. A larva é de cor amarelo con puntos e cabeza negros. Os primeiros adultos aparecen a finais de xuño e as larvas penetran pola axila das follas da parte terminal dos gromos, facendo a primeira galería. A mesma larva, durante o mesmo ano, fai 2 ou 3 galerías ata rematar no tronco dunha póla grosa.

Frecuentemente tardan dous anos en completar o seu ciclo biolóxico, atacando a maceiras, pereiras e níspero xaponés (Eriobotrya japónica).

Neste sentido, os técnicos de Medio Rural advirten de que “estamos notando un aumento considerable da broca nas plantacións que se realizan preto das zonas forestais e arboradas, con abundancia de salgueiros, carballos, castiñeiros, freixos, nogueiras, etc, especies ás que ataca tamén xa que é bastante polífaga. Estamos rematando a época máis crítica para as infeccións primarias nas variedades de mesa e na maioría das de sidra. E a partir de xullo empezarán as infeccións secundarias.

En canto ao moteado, causado por fungos do xénero Venturia, detectáronse infeccións primarias no mes de xuño. As chuvias caídas estes días, xunto coas temperaturas suaves, poden provocar o desenvolvemento de novos ciclos desta enfermidade. Para evitar que estes síntomas den lugar a infeccións secundarias, debemos dar un tratamento funxicida.

Recomendacións:

O feito de ter superado o umbral de tolerancia do verme da mazá (C. pomonella), en dúas estacións (Sada e Chantada), fai necesario, nestes microclimas, a aplicación dun tratamento insecticida-larvicida para esta praga que está na primeira xeración das dúas que ten no ano.

Para acadar boa actividade insecticida, compre efectuar a aplicación antes do nacemento das larvas, requirindo un coñecemento exacto do estado evolutivo da praga en cada parcela.

Este tratamento tamén terá eficacia contra o pulgón verde (Aphis pomi). Ademais, a este tratamento insecticida debemos de engadirlle un funxicida sistémico.

É preciso recalcar, que se debe ter en conta a duración da efectividade do produto usado, segundo actuemos en agricultura convencional, integrada ou ecolóxica, xa que o tempo que debe transcorrer entre tratamentos é distinto.
Así en agricultura convencional e integrada, en xeral, os insecticidas usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días mentres que en agricultura ecolóxica é de 7/10 días.

Recoméndase alternar materias activas co fin de evitar a aparición de resistencias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información