Recomendacións para lograr piñeirais máis resistentes ao cambio climático

FSC elabora un protocolo de xestión forestal adaptado ás novas condicións climáticas. En Galicia utilizaron as Fragas do Eume e os montes veciñais de Barrantes a modo de laboratorios naturais para estudar as accións necesarias

Recomendacións para lograr piñeirais máis resistentes ao cambio climático

Piñeiral galego logo de realizar podas altas selectivas.

FSC España desenvolveu un protocolo de xestión forestal adaptado a diferentes montes, entre os que figuran os piñeirais, para mellorar a súa resistencia fronte ao cambio climático.

Xunto con outros espazos de España, en Galicia fixáronse no Parque Natural das Fragas do Eume (A Coruña). Aínda que nunha primeira fase deste estudo, na comunidade galega avaliaran os montes veciñais en man común da comunidade de montes de Barrantes (Pontevedra).

FSC escolleu estes espazos para avaliar os impactos ambientais e a vulnerabilidade que sofren a causa do cambio climático. Así, no estudo inclúese o diagnóstico da súa situación e recomendacións para a súa xestión.

Recollemos algunhas recomendacións xerais, e específicas para piñeirais galegos, para lograr masas máis resistentes fronte ás condicións climáticas actuais, que implican un maior risco de incendios virulentos, así como, outros riscos como os chuvieiros ou os vendavais:

-Aplicar selvicultura preventiva fronte a incendios máis voraces. Realizar rozas para reducir o combustible dispoñible. Recomendan manter unha alta espesura de árbores, mediante claras baixas e débiles, co obxectivo de reducir a velocidade do vento no seu interior.

Ademais, apuntan a conseguir unha maior humidade relativa nos combustibles rasantes e aumentar o prazo para a invasión da matogueira. Aconsellan realizar podas de penetración para que haxa claros en lugar dunha masa continua a nivel vertical.

-En zonas con intensidade de chuvieiros que tendan a ser torrenciais, é preciso aumentar a espesura do piñeiral e a súa estratificación.

Fronte aos vendavais, recomendan manter masas mixtas e irregulares. Nas masas regulares é preciso manter unha relativa alta espesura, con pesos moderados e rotacións curtas nas claras. Deben realizarse curtas diseminatorias coidadosas no aclareo sucesivo uniforme para a rexeneración.

Contra as pragas e enfermidades, a recomendación é lograr masas mixtas, manter o vigor individual con espesuras baixas que faciliten a micorrización e o abastecemento de auga.

É preciso condicionar as épocas de curta e tratar adecuadamente os restos. Tamén se fai imprescindible a curta e tratamento dos restos e controlar asiduamente, mediante curta e queima, os focos incipientes.

-Nas masas de piñeiro galego, con estruturas de monte alto regular, puras, con clima atlántico e altitude baixa, recomendan manter a forma de masa regular. É preciso unha rexeneración artificial que permita modificar os ecotipos a empregar en función de se se detectan pragas ou se aumenta a seca.

Nestes montes con piñeiro galego, deben planificarse rozas que poidan ser aproveitados como biomasa e reducir o risco de incendios. Ademais, as claras deben ser moderadas ou fortes e con rotacións curtas para que sirvan como un reforzo fronte a pragas ou vendavais.

-Nas masas de monte regular de piñeiro silvestre, puras, con clima atlántico e altitude alta, recomendan as curtas de rexeneración de entresaca por bosquetes nas masas protectoras. Realizar rozas para aproveitar a biomasa como combustible enerxético e realizar rotacións curtas para frear a incidencia de pragas e fortes ventos.

-Nos montes altos irregulares, con piñeiro silvestre e piñeiro galego, aconsellan manter as estruturas irregulares mediante curtas de rexeneración de entresaca regularizada de rotación curta. É preciso realizar rozas para reducir o risco de incendio, aproveitar a broza e fomentar a rexeneración.

-Nos piñeirais resinados é preciso unha rexeneración urxente pois están debilitadas e son altamente inflamables. Requiren curtas de rexeneración en dous tempos incorporando o subpiso, para formar masas mixtas. Tamén necesitarán realizar rozas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información