Recomendacións para evitar a propagación da bacteria Psa nas plantacións de kiwi

A investigadora galega Aitana Ares Yebra ven de descobrer importantes avances na loita contra a bacteria Psa, unha enfermidade exótica que chegou a Galicia e que provoca importantes perdas nas plantacións de kiwi. Nesta entrevista explica as recomendacións para previr a propagación desta enfermidade

Publicidade
Recomendacións para evitar a propagación da bacteria Psa nas plantacións de kiwi

Aitana Ares Yebra nunha plantación de kiwi

Queimar os restos de folla e de ramas da poda, desinfectar as tesoiras de poda, manter o terreo ben drenado ou mercar planta só en viveiros autorizados, son algunhas das recomendacións de Aitana Ares Yebra para previr a propagación da Pseudomonas syringae pv. actinidiae,  máis coñecida como Psa, unha bacteria exótica que provoca o chancro bacteriano do Kiwi, causando importantes perdas de produción neste cultivo.

Esta investigadora galega ven de presentar recentemente na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da Universidade de Santiago a túa tese de doutoramento baixo o título ‘Detección,identificación e caracterización de Pseudomonas syringae pv. actinidiae en Actinidia spp. en Galicia’.

¿Por que decidiches centrar a túa tese no estudo da bacteria Psa, causante do chancro no kiwi?
Cando comecei a traballar na Estación Fitopatolóxica do Areeiro, mostrei o meu interese por facer a tese de doutoramento e propuxéronseme diversos temas, entre eles estudar a bacteria Psa. Pareceume moi interesante porque fora detectada recentemente por primeira vez en España, concretamente en Galicia, nunha plantación situada no municipio de Oia, na provincia de Pontevedra. Era unha enfermidade que era nova tanto para nós como para o sector e ademais, debido a que Galicia, e máis concretamente Pontevedra, foi e sigue sendo a principal comunidade española produtora de kiwi, pareceume moi interesante abordar o seu estudo.

¿Cal é a gravidade desta enfermidade, en canto a extensión, grao de afectación e perdas que pode supor nas plantacións de kiwi? ¿Tedes datos de Galicia?
En España están afectadas por Psa as comunidades de Galicia e de Asturias. No que respecta a Galicia detectouse por primeira vez unha poboación virulenta de Psa na provincia de Pontevedra no municipio de Oia, estendéndose posteriormente aos municipios de Tomiño, Salceda de Caselas, Ponteareas, Pontevedra, Ribadumia, Porriño e A Estrada. Máis tarde, estendeuse á provincia da Coruña, detectándose nos municipios de Rianxo, Boiro e Outes. Así mesmo, recentemente detectouse tamén unha poboación de Psa de baixa virulencia na provincia da Coruña.

As perdas que poden existir nunha plantación de kiwi non se poden atribuír unicamente á Psa. Non obstante, as perdas e o grado de afectación son muito maiores nas plantacións afectadas pola poboación virulenta. A poboación de baixa virulencia non produce chancros nin morte das plantas.

Conclúes que o diagnóstico de Psa en extractos de líquido de xilema pode constituír unha ferramenta eficaz para a detección da bacteria ¿Que vantaxes aporta este sistema de detección respecto do actual e cando pode estar implantado?
Este sistema está orientado unicamente ao diagnóstico de Psa en material vexetal asintomático, non obstante son necesarias máis investigacións ao respecto. Maila isto, a Psa é un patóxeno de corentena, e por tanto a súa identificación debe facerse ata o momento conforme o establecido no Protocolo de Diagnóstico da EPPO para Psa (PM 7/120, Boletín (2014) 44.

¿Que medidas de prevención recomendas aplicar aos kiwicultores para evitar Psa?
O material vexetal contaminado é una das principias vías de dispersión de Psa, tanto o material de propagación como os restos de poda (follas ou ramas), que poden ser dispersados a zonas libres de Psa.

Polo tanto é recomendable a retirada da folla e a súa queima xunto coa queima das polas despois da poda, xa que o feito de que Psa poida sobrevivir e sexa viable nos restos de poda (follaxe ou polas) pode incrementar o inóculo existente para a seguinte estación, infectando así mesmo a material san dentro da plantación ou dispersándose a outras plantacións sás presentes ao redor a través do vento ou da choiva.

Tomar unhas medidas profilácticas severas manipulando o material coma se estivese infectado aínda que non fora o caso, xa que isto axudará a evitar novas contaminación. É dicir, deixar a poda de plantas sospeitosas para o final, (un debe moverse na plantación da zona libre de Psa á zona sospeitosa), desinfectar as ferramentas de poda entre planta e planta, evitar facer feridas nas plantas e cubrir os cortes de poda cun mastic.

 “Retirar a folla e queimala ou manter unha boa drenaxe do terreo axudan a previr a Psa”

Ademais, débese manter unha boa drenaxe da plantación para evitar encharcamentos da auga, xa que á bacteria gústalle a humidade. Entre as mediadas a adoptar, a vixilancia e por tanto o coñecemento dos síntomas ocasionados por Psa nas plantas é fundamental, principalmente na primavera e a finais do outono-inverno porque son as épocas de maior risco para a penetración da bacteria na planta.

Outras medidas importantes que se deberían adoptar sería o rexistro e a restrición de visitantes ás plantacións, así como do movemento tanto das plantas como dos froitos, ferramentas…etc, para saber onde e quen realiza ese movemento. Calquera roupa, material ou equipo especializado durante a manipulación tanto en viveiros como en plantacións non deben abandonar as instalación, agás tendo a seguridade da súa descontaminación.

¿Existen variedades de kiwi máis resistentes á Psa?
Psa foi detectada en diversas especies de Actinidia deliciosa, Actinidia chinensis, Actinida arguta e Actinidia kolomikta, a pesar de que calquera especie de Actinidia sería un hospedador potencial. As variedades de Actinidia deliciosa amosaron unha menor susceptibilidade que as variedades de Actinidia chinensis, e dentro destas últimas as variedades de polpa vermella son máis susceptibles que as variedades de polpa amarela.

 “En Nova Zelanda teñen un traballo avanzado en novos cultivares resistentes á Psa”

Dentro das variedades de A. chinensis a máis suceptible é ‘Hort 16 A’, e en segundo lugar ‘Jin Tao’. Dentro das variedades de A. deliciosa ‘Hayward’ é a menos susceptible, e é a especie maioritariamente comercializada en todo o mundo. Presenta ademais dous polinizadores menos susceptibles: ‘Matua’ e ‘Tomuri’, sendo esta última a máis resistente a Psa.

En Nova Zelanda a obtención de xenotipos resistentes é unha das prioridades para a industria do kiwi e xa obtiveron novos cultivares de A. chinensis, algúns prometedores como o cultivar ‘Gold3’.

¿Existe algún método fitosanitario eficaz para loitar contra a Psa cando xa a temos nos nosas árbores?
Non, os métodos fitosanitarios coñecidos ata hoxe en día para loitar contra Psa son métodos preventivos, no sentido de que se reforza así a defensa das árbores para loitar contra a bacteria, pero unha vez que está na plantación de momento tampouco existe ningunha sustancia activa para erradicar esta bacteria, estando permitidas únicamente Bacillus subtilis e Acibenzolar-S-metilo, así como oxicloruro de cobre durante o período vexetativo e en outono e inverno sin sobrepasar os límites establecidos pola normativa.

E en canto á plantación, ¿Cales son as túas recomendacións para evitar mercar plantas infectadas?
Nunca mercar plantas en viveiros que non estean inscritos no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores (ROPCIV) e comprobar que as plantas levan un Pasaporte Fitosanitario para a súa circulación na UE (Decisión 2012/756/UE). Estas plantas son as que están sometidas a controis, e esa é a idea, non mercar plantas nun “mercado libre”.

¿Ata cando calculas que se manterá a prohibición de comercio de planta de kiwi en Galicia?
Non existe unha prohibición de comercio de planta. No caso da confirmación de Psa existen certas restricións en canto a comercialización e o movemento de plantas e pole de kiwi, recollidas no Anexo II da Decisión 2012/756/UE. Por exemplo, despois de detectar un positivo nunha plantación en produción, se nun radio de 4,5 km está presente un viveiro de produción ou comercialización de plantas de kiwi, o movemento de plantas de ese viveiro debe cumprir certos requisitos, recollidos na decisión anteriormente mencionada, existindo a obrigatoriedade de someterse a diversos controis para poder declarar a zona libre de Psa, conforme o establecido na NIMF 10 (FAO). Desta forma, se expediría o Pasaporte Fitosanitario, que garante que o material vexetal se atopa libre de Psa.

 “É recomendable non mercar plantas de kiwi no mercado libre”

Ata que o abrocho de Psa se considere erradicado o viveiro ten prohibido realizar o movemento da sua planta. Todo o seu material someterase a inspeccións; de cada lote, dúas veces o ano, en primavera e finais outono-inverno. En función de se a planta se produce ao aire libre ou baixo cuberta realizaranse unha serie de controis, para poder declarar o viveiro como libre de Psa e poder comezar a comercializar as súas plantas de kiwi.

¿Que outras ameazas de tipo fitosanitario hai neste momento para as plantacións de kiwi?
Para as plantacións de kiwi Psa é o patóxeno máis severo encontrado nas plantacións de kiwi de todo o mundo, a súa extensión e devastación alcanzou unha envergadura histórica, sendo considerada a enfermidade que ocasiona (chancro bacteriano do kiwi) como a máis grave e importante desde os inicios de este cultivo.

En Galicia non existen ata o momento outras ameazas “alarmantes” de tipo fitosanitario. De particular importancia son as podredumes do froito, causadas por varias especies fúnxicas; caso da Sclerotinia sclerotiorum e Botrytis cinerea, responsables respectivamente da podredume en campo e en post-colleita, durante o seu almacenamento, transporte e comercialización.

Outras ameazas máis recentes para as plantacións de kiwi poderían ser por exemplo a enfermidade ocasionada por un complexo de fungos que produce chancros e morte regresiva das ramas, a cal en países como Chile está ocasionando perdas importantes.

¿Cara onde estás orientando neste momento a túa labor investigadora?
Estou desvinculada da investigación. Nestes tempos traballar nesta área é complicado, non obstante estou á procura de poder seguir a traballar na investigación de Psa fóra de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información