Recomendacións para a conservación das vides para enxertar

Francisco Rego Martínez, técnico xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e con máis de 40 anos de experiencia no sector, ofrece uns consellos para a conservación das vides para a enxerta

Publicidade
Recomendacións para a conservación das vides para enxertar

A-vide-principal-serve-para-a-enxertía .A-neta-tamén-a-ser-posible-con-tempo-máis-quente. Foto: Paco Rego

Os sarmentos a seleccionar para a enxertía é normal que se fraccionen en varas, limpándoos de netas e gaviáns, por simple operatividade. Isto non quer dicir que conservalos enteiros sexa peor (cortando únicamente as puntas mal curadas, se for o caso), senón todo o contrario. O que pasa é que non sempre se dispón dun local onde poder estendelos en toda a súa lonxitude.

Os modos de conservación son diversos. O período de espera, que irá en función das datas estimadas para a enxertía, vai decidir cales son os idóneos. Tamén o mesoclima de cada zona e as características do local onde se vaia gardar o material.

Non é o mesmo conservar a madeira para unha enxertía de cuña que como moi tarde se vai rematar entre fins de marzo ou principios de abril, que para outra en T-bud, que se executa a finais de maio e en todo o mes de xuño.
Tampouco sería igual gardar as vides nun local da beiramar que noutro situado a 1.000 m. de altitude.

 “O ambiente debe ser fresco e húmido e sen correntes de aire”

Para as enxertías de fins de inverno, agás en anos raros, non se precisan as cámara frigoríficas. Os viñedos arrasados pola philloxera a finais do XIX foron recuperados mediante a enxertía e sen necesidade recorrer a elas, porque daquela aínda non existían, ao menos a nivel de difusión.

Métodos de conservación natural dos sarmentos

Os xeitos “naturais” de conservar son varios, e todos teñen o denominador común de procurar un ambiente suficientemente fresco e húmido, e sen correntes de aire, con mínimas oscilacións de temperatura, para atrasar o máis posible o resecamento da madeira e a brotación das xemas.

Os nosos viticultores teñen recorrido a diversos locais e xeitos de facelo. As covas de Valdeorras, as minas da Baixa Limia, o interior de túneles feitos nas encostas na procura de mananciais… son locais que reúnen as mellores condicións para conservar as vides. Os recunchos máis recollidos das adegas tradicionais son igualmente adecuados para este cometido.

Se o tempo de espera non vai ser longo pódense conservar no exterior, semienterrando os sarmentos nunha gavia. Se o facemos á beira dunha parede que estea orientada ao norte, a conservación será máis longa. Se non temos parede, mellor será abrir a gavia nunha finca de boa pendente e norteada.

Cando se teña a sorte de vivir cerca dun torrente que traia auga fría da montaña, a colocación dos feixes de vides por baixo do seu chorro garante a recepción continua de auga fresca e ben osixenada, sendo un modo de conservar cómodo e efectivo.

O ambiente de conservación debe ser fresco e de certa humidade, para evitar a desecación, pero ambiente húmido non quere dicir encharcado. Covas, minas ou adegas tradicionais teñen o piso natural, sexa de terra, de xistos, de pizarras ou de sábregos. Estes solos (agás que sexan extremadamente barrentos) “respiran” e son ideais para a conservación. Dependendo do grao de illamento do local, da existencia ou non de correntes de aire, e tamén do período previsto de conservación, as vides pódense estender sen cubrir, ou ben facelo con terra solta, ou mellor (para diminuír riscos de contaminacións) con area de canteira ou xábrego.

Cada local é como é. E os invernos tamén varían. O material hai que controlalo a cada pouco pola conta que nos ten. Haberá casos en que non fará falta facer nada e outros en que cumprirá humectar un chisco sobre a area ou sábrego cunha regadeira ou cunha mangueira (co seu pitorro en posición de nebulización). En locais de solo natural a auga sobrante debería filtrar sen problemas.

Se as vides a conservar van estar colocadas sobre un piso de cemento, baldosa ou similares, este deberá ter certa caída para evitar a acumulación de humidade.

“Se as vides se tapan cun plástico, este debe ter uns buratos”

Hai viticultores de “nova xeración” que tapan os mollos de vides simplemente cun plástico. O que pase debaixo del vai depender da temperatura ambiente e da clase de piso. Eu tería coidado de evitar unha acumulación excesiva de humidade, especialmente se o piso non é natural, senón dalgún dos materiais que remato de citar. Facerlle algúns buratiños ao plástico, ou reemprazalo por coberturas que permitan algo de transpiración poderían ser solución se o problema aparecese.

Coñecín viticultores que conservaban as vides na adega, pero con outro método. Aproveitaban unha cuba das que non usaban para introducir nela as vides. Logo selábana cos métodos tradicionais. Neste ambiente de osixenación mínima pero suficiente as vides aguantaban en bo estado e por bastante tempo.

Cando a primavera avanza, as temperaturas van subindo, e nos locais que veño de mencionar as xemas arrancarán a agromar antes ou despois dependendo de como vaia indo o tempo, e por suposto da situación xeográfica e das características peculiares de illamento de cada un deles.

Eu teño observado, nunha mesma adega, campañas nas que as vides, que foran cubertas con sábrego no inverno, nos principios de xuño aínda estaban igual de frescas que no día en que se colocaran. Por contra, outros anos, nos que se seguira idéntico procedemento, xa comezaban a rebentar a principios de maio.

Como curiosidade, lémbrome dun ano en que, noutra adega, os sarmentos sobrantes da enxertía de cuña se deixaron no sábrego con vistas a facer reintentos máis adiante sobre aquelas pugas que o viticultor se fose apercibindo de que non deran prendido. Ben avanzada a primavera as xemas comezaron a rebentar dentro do sábrego, feito que se aproveitou para facer enxertos leñoso-herbáceos, con gran éxito por certo.

Como comprobar se os sarmentos se están conservando ben?

Os viticultores veteranos que ano tras ano veñen gardando material, grazas á súa experiencia, cuns poucos vistazos periódicos intúen como vai indo a conservación das vides.

Aos que comezan na viticultura élles conveniente facer máis revisións, con máis motivo se o local nunca fora usado antes para este fin. Descubrir con moito coidado o material, fixarse no aspecto dos sarmentos, no seu cheiro, se é normal ou forte a fungos. Logo coller unha mostra deles e se o sitio está escuro marchar para onde haxa unha boa luz. Coa navalla de enxertar ou cun cutter dar un corte superficial e levantar a casca dos sarmentos. Se o que aparece debaixo está húmido, verde brillante, é sinal de que a conservación vai por bon camiño.

Pode pasar que, por inexperiencia, descoido ou porque o local non reúna condicións, haxa casos en que no decurso da conservación a madeira sufra algunha deshidratación. Signos dela son un verde menos brillante debaixo da pel do sarmento; tamén que os sarmentos perdan peso, de xeito que se collemos un anaco e o botamos nun balde con auga, aboiará.

Cando a madeira está algo deshidratada hai que comprobar inmediatamente cal é o estado das xemas. O proceso consiste en dar unha sección transversal ás xemas, cun cutter, un bisturí ou unha navalla, moi ben afiados. O seu interior ten que aparecer verde. Hai que tomar mostras bastantes, e contando con que pode haber máis deshidratación nas puntas que nos tramos medios das vides.

 “Hai que humedecer as vides de vez en cando para evitar a deshidratación”

Comprobado que as xemas están ben, hai que regar como antes se explicou. Se só nos apercibimos da deshidratación ao final do período, cando estamos a retirar os sarmentos para enxertar, daquela procederase á rehidratación introducíndoos un ou dous días, segundo a afectación, en bidóns ou capachos con auga limpa.

Se o estrés non foi excesivo, e por tanto as xemas aguantaron ben, non debería haber moita mingua no éxito da enxertía. Pero mellor será, se aconteceu, aprender da primeira experiencia para evitalo nas seguintes campañas.

Se o piso do local non transpira, e por riba temos o material cuberto cun plástico que impide a aireación da masa, pode acontecer xusto o contrario, que por abafamento os sarmentos sexan pasto dos fungos descompositores, que provocan o apodrecemento. O cheiro intenso a fungos vai delatar o problema.

Compre facer as mesmas comprobacións que acabamos de describir nos sarmentos e nas xemas, e se chegamos a tempo, o mellor é sacar inmediatamente de alí o material, limpalo ben, aplicarlle un funxicida para ter a raia aos oportunistas, e buscar outro sitio con mellores condicións de aireación e drenaxe para o resto do período de conservación.

Hai uns anos fun visitar a un recén chegado á viticultura, que andaba a enxertar con moito afán e ilusión. Mirei as vides e non lles vin boa pinta. Collín unhas poucas pugas e levanteilles a casca coa navalla. O que aparecía debaixo non era nin verde brillante nen verde apagado, era marrón. Menos mal que o rapaz aínda estaba a comezar o traballo. Eu por un acaso sabía doutro viticultor que tiña vides de sobra, en boas condicións. Así puido evitar o desastre e de paso quedou aprendido.

“De ser necesario, pódense mergullar os sarmentos en funxicida”

Nos locais tradicionais de conservación, polas súas condicións de temperatura regular, frescura e drenaxe naturais, é difícil que xurda esa “explosión” de fungos. Escoller sarmentos sans á vista e, en caso de sospeita, o mergullado en funxicida, axudará a que non aconteza.

Cando se procuran longos períodos de conservación, estamos en zonas de invernos moi suaves, ou non se dispón de locais axeitados para a conservación natural, entón hai que recorrer ao frío artificial, ás cámaras frigoríficas.

Moitos viveiristas profesionais teñen cámaras ad hoc para as súas necesidades, nas que ademais da temperatura se regula a humidade ambiental.

Cando se trata dun pequeno viticultor que só quere gardar unhas poucas varas o normal é que lle pida o favor a un amigo froiteiro ou use o seu propio frigorífico.

Nas cámaras antigas acontece que en estancias de meses, ademais de proporcionar frío, resecan o material. Por tanto, este debe ir protexido por un envoltorio illante, xeralmente plástico.

“Unha opción é gardar as vides no caixón da froita do frigorífico”

Para pequenas cantidades eu teño feito a conservación cun sistema que me ten ido moi ben. A desinfección é opcional, segundo como estean de limpas as varas, pero para longos períodos o mellor é facela. Consiste en desinfectar as varas mergullándoas unhas horas dentro dunha barcaleta con disolución de funxicida. Se non temos unha o bastante longa pódese facer un amaño cun plástico e catro táboas. O plástico afírmase ás taboas, colócase nun sitio chairo e dáselle o xeito para que sirva de contedor de líquido. Tamén valería abrir un rego ancho na terra e acomodar nel o plástico co mesmo fin. Rematada a desinfección, as varas sácanse da barcaleta e encóstanse a unha parede solleira, para que escorran o líquido, durante varias horas ou por un día enteiro, dependendo do tempo que faga na altura.

Despois recóllense e organízanse en pequenos fardos. Cada un deles envólvese en varias follas de papel de xornal, que van controlar a humidade, e finalmente introdúcense en bolsas de plástico, que se selarán ben para que non lles entre o aire. A seguir gárdanse nunha cámara ou no frigorífico da casa, no sitio da froita.

A cámara debe programarse sempre por riba de 0ºC, nunca conxelar. As xemas das videiras son capaces de aguantar picos de varios graos negativos, pero unha conxelación sostida non é o mesmo. A temperatura en que a videira entra en actividade ven estando nos 10 ºC. A da cámara nunca debe subir tanto , mellor non sobrepasar os 1-2 ºC . Se ben é certo que as xemas se poden manter estables ata preto dos 10ºC, nesas condicións a botryte e moitos fungos oportunistas xa son capaces de facer das súas.

Ademais, existe outro factor, que é o estado da cámara e a precisión dos seus mecanismos, máis aínda se xa ten uns aniños. Lembro un caso no que o indicador dunha cámara estaba marcando 4ºC, pero estrañounos que dentro non houbese sensación dese frío. Ao abrir os paquetes, apareceron as varas coas xemas a rebentar.

Non está de máis, cando a conservación se fai en cámaras antigas, ou que por calquera outra causa nos inspiren desconfianza, colocar dentro delas un ou dous termómetros para verificar a precisión dos indicadores.

“O ambiente reseco dana as vides, e un exceso de humidade tamén”

Cando se manexa material en grandes cantidades e por tanto se xogan moitos cartos hai que asegurarse do funcionamento preciso da cámara. Se non se consegue regular, por ser vella ou defectuosa, o mellor será reparala ou facer unha nova instalación, en función dos custos.

O modo de protección das varas dentro das cámaras dependerá dos automatismos de que dispoñan. Se non hai humificadores que compensen a desecación compre protexelas cun envoltorio plástico. Practicarlle algúns buratos aos envoltorios para que as vides respiren, ou utilizar sacos de malla tupida pero que ao mesmo tempo deixen filtrar algo de aire pode ser necesario se hai perigo de acumulación de humidade.

O ambiente reseco dana as vides, e un exceso de humidade tamén. Nebulizar os fardos periódicamente con funxicidas pode ser necesario en conservacións moi longas. Máis aínda se non se fixo desinfección ao principio ou se a selección dos sarmentos non tivera sido moi escrupulosa.

“Nebulizar os fardos periódicamente con funxicidas pode ser necesario en conservacións moi longas”

Os grandes viveiros dispoñen de contedores especiais, ríxidos, adaptados para o seu transporte con porta-palets, o que axiliza o control e manexo dos sarmentos.

As características de cada cámara e o tempo de permanencia dos sarmentos determinarán os modos de protección e os coidados idóneos para cada caso. As cámaras, unha vez rematados os períodos de almacenaxe, deberán limparse e desinfectarse en toda a súa superficie, co máximo rigor. Non facelo significa que a cada máis se irán convertendo nun reservorio de fungos.

No seguinte capítulo falaremos das datas idóneas e da influencia da lúa para a enxerta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información