Recomendacións de Calfensa para o encalado nunha campaña de millo curta

Recomendacións de Calfensa para o encalado nunha campaña de millo curta

Calfensa incorpora esta campaña un novo veículo á súa flota de aplicación de calizas con brazos dosificadores.

As choivas atrasaron este ano o inicio da campaña de millo, o que deixa menos marxe para planificar os traballos. A recomendación habitual para o encalado con calizas é a súa aplicación alomenos un mes antes da sementeira, pero este ano terase que facer cando se poida, non cando se debería, igual que outros traballos da campaña. Repasamos a continuación as opcións para encalado que teñen as ganderías.

  • Caliza agrícola

O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción en chan. “Canto máis fino é un produto, terá un maior número de partículas que se descompoñerán antes no solo. No caso das calizas de Calfensa, estamos falando dun tempo de reacción de 3 – 4 semanas, dependendo de factores como a humidade do solo ou as súas características”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa.

“Paga a pena valorar que tipo de produto se está usando, pois hai no mercado produtos pouco reactivos ou cun maior grao de impurezas”, valora o técnico.

Dose
Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para correxir a acidez do solo, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea. “Esta é a dose habitual, pero sempre aconsellamos que o produtor faga unha análise de terras para facer un encalado con maior precisión”, sinalan en Calfensa.

“Cómpre coñecer o valor neutralizante real do produto, pois no mercado hai mensaxes que levan a confusións”

No mercado das calizas, hai mensaxes que levan á confusión, pois existen produtos que se presentan nun formato de granulado esférico con doses de aplicación recomendadas de 400 – 600 Kg. / hectárea. “Non hai explicación técnica para aconsellar unha dose tan baixa, pois o valor neutralizante destes produtos é igual que o da nosa caliza, polo que a cantidade a aplicar ten que ser a mesma” -advirte Alberte Momán.- “Hai que prestarlle atención ó valor neutralizante do produto”, recomenda.

Outra situación confusa pode producirse con calizas procedentes de Portugal, país que ten un sistema diferente para medir o valor neutralizante. Así, calizas lusas que se presentan en Galicia cun valor neutralizante de 85 son equivalentes ás calizas españolas con valor neutralizante de 40.

Por último, cómpre sinalar que no mercado hai tamén calizas a base de dolomita, cun tempo de reacción máis longo que o carbonato cálcico, se ben non é un produto co que traballe Calfensa.

  • Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio)

Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Corríxense así as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos.

A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico.

A aplicación das calizas agrícolas é realizada por Calfensa por medio de equipos con brazos dosificadores, dotados dun sistema de pesado e dosificación programado. Este ano incorpórase un terceiro equipo ós dous que funcionaron a pasada campaña, o que permitirá responder con maior axilidade os picos de demanda da primavera. Tamén se mantén en servizo un aplicador con aire a presión, xa que é máis versátil para parcelas que presentan dificultades no uso dos equipos con brazos aplicadores.

  • Óxido de calcio e óxido de magnesio

Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, se ben o seu custo tamén é máis alto.

O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o do óxido magnesiano en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto servido por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparcido polo propio gandeiro por medio de abonadoras. “A principal vantaxe que ofrece é a comodidade”, sinalan na empresa.

Novamente hai que ter en conta factores como o valor neutralizante do produto ou a súa facilidade para desfacerse no solo.

Consellos de aplicación

  • Incorporación ó solo

Dado que a acción do encalante é por contacto directo, cómpre facer un esparexido homoxéneo en toda a superficie, así como unha incorporación inmediata ó solo por medio dun laboreo. Deste xeito, garantirase o beneficio do produto en toda a zona que ocuparán as raíces do cultivo.

  • Suba do pH

Deben usarse doses que non suban o nivel do pH do solo máis dun punto, xa que unha suba repentina maior tería efectos negativos nos microorganismos do solo.

  • Aplicación de xurros e abonos.

No posible, é conveniente esperar a que o produto encalante teña reaccionado no solo antes de incorporar xurros, estercos ou abonos. De non facelo así, o encalante pode reaccionar co esterco ou con abonos nitroxenados amoniacais, desprendendo amoniaco e, por tanto, reducindo a capacidade de fertilización do abono ou do xurro. Tamén pode repercutir de xeito negativo nos fosfatos.

Vantaxes do encalado

Detalle da aplicación cos brazos dosificadores.

Detalle da aplicación cos brazos dosificadores.

É coñecido o efecto negativo que ten a acidez do solo para a nutrición das plantas. O encalado conbribúe a correxir ese problema, xerando unha serie de efectos positivos, que podemos resumir do seguinte xeito:

  • Evita o bloqueo e fixación dos fosfatos, facilitando a súa absorción polo cultivo.

  • Bloquea parte dos ións de aluminio, ferro e manganeso, que poden estar en concentracións moi tóxicas para os cultivos.

  • Aumenta a accesibilidade do molibdeno para a planta, un elemento fundamental.

  • Mellora a estrutura do solo, estabiliza os humatos e aporta calcio.

  • Estimula a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha maior mineralización da materia orgánica.

  • Contribúe a un mellor desenvolvemento do sistema radicular das plantas, aumentando a superficie explorada por estas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información