Recomendacións da Xunta para evitar o risco de contaxio nas ganderías e industrias agroalimentarias

A Consellería de Medio Rural publica, unha semana despois de comezar o andazo, uns consellos para os traballadores das granxas e as plantas de transformación. Velaiquí as medidas específicas:

Malia que tanto a Xunta como o Goberno central consideran a produción de alimentos un sector esencial que debe seguir operando malia a crise do coronavirus COVID-19, unha semana tardou a Consellería do Medio Rural en dar consellos aos traballadores e profesionais tanto das explotacións agrogandeiras como das industrias agroalimentarias para evitar os riscos de contaxio do virus ao tempo que manteñen a súa actividade.

A Xunta de Galicia tomou as primeiras decisións en relación ao andazo o xoves 12 a través dun acordo do Consello da Xunta (DOG nº 49-bis do 12-3-2020) que establecía unha serie de medidas e limitacións de aforo en espazos públicos tanto a cuberto como ao aire libre, que foron ampliadas ao día seguinte (DOG nº50-bis do 13-3-2020) con novas restricións motivadas pola declaración de emerxencia sanitaria na comunidade autónoma.

Ante a falta dun protocolo específico para o sector, a maioría de granxas e industrias adoptaron decisións pola súa conta

Pero non existía até agora un protocolo específico a seguir para o sector agrogandeiro e as recomendacións limítanse ás dictadas polas autoridades sanitarias con carácter xeral para o conxunto da poboación, o que fixo que a maioría de explotacións e de industrias agroalimentarias e de subministros adoptaran xa medidas pola súa conta e seguindo o seu propio criterio, na maioría dos casos incrementando a distancia entre empregados e fomentando o uso de luvas e a desinfección do material e as instalacións.

Non foi até o día de onte cando a Consellería do Medio Rural fixo público a través da súa páxina web unhas recomendacións específicas elaboradas por técnicos e veterinarios do departamento que dirixe José González con consellos a seguir por parte dos traballadores de granxas e industrias e uns protocolos sinxelos para minimizar o risco de contaxio.

Principais recomendacións

As principais recomendacións son restrinxir as visitas ao mínimo imprescindible, reducir o contacto físico tanto en zonas pechadas como abertas e gardar unha distancia mínima de 1,5 metros tanto en instalacións a cuberto (nas que hai que procurar ventilar e renovar o aire) como en espazos abertos, aumentar a precaución na recollida e entrega de mercadorías e facer os pedidos por teléfono para evitar a comunicación en persoa cos transportistas, incrementar a hixiene persoal e a desinfección das instalacións, vehículos e utensilios e lavar a roupa de traballo na lavadora con auga quente entre 60 e 90ºC, sen sacudila previamente e usando luvas para a súa manipulación.

No caso de visitas ás explotacions ou industrias de persoal técnico externo imprescindible, esixir sempre o lavado de mans e o uso de roupa e calzado impermeable que permita a súa inmersión ou chorreado con solución desinfectante antes de ingresar na granxa e facer as cargas e descargas de materiais evitando, se fose posible, que o responsable do transporte teña que apearse do vehículo.

É preferible facer os pedidos por teléfono e que os veñan traer á explotación (procurando que a persoa non baixe do vehículo) que ter que facer continuas saídas da gandaría

É preferible facer os pedidos por teléfono e que os veñan traer á explotación que ter que facer continuas saídas da gandaría (neste caso agrupar as xestións para resolvelas todas na mesma saída). Na medida do posible, tamén, evitar o uso compartido de maquinaria e útiles de labranza e desinfectar con frecuencia, para o que pode usarse lixivia de uso doméstico nunha disolución de 30 ml de lixivia por litro de auga (en superficies nas que non se poida usar lixivia, pódese utilizar alcol ao 70%). No caso da maquinaria limpar tapicerías, volante, mandos, manillas, asas, etc. Recoméndase traballar con luvas de vinilo/acrilonitrilo. No caso de usar luvas de látex, recoméndase que se utilicen sobre unha luva de algodón.

Ante a aparición de síntomas en calquera persoa, o protocolo indica que debe illarse no seu domicilio sen ir a traballar e porse en contacto coas autoridades sanitarias nos teléfonos dispostos ao efecto (no caso galego o 900400116).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información