Recomendacións da Estación do Areeiro para o coidado do viñedo e das froiteiras en inverno

A Estación Fitopatolóxica, dependente da Deputación de Pontevedra, vén de emitir o seu aviso fitosanitario con recomendacións e posibles tratamentos para este inverno. Os técnicos aseguran que é bo momento para iniciar as aplicacións con cobre en froiteiras, kiwi e buxo

Publicidade
Publicidade
Recomendacións da Estación do Areeiro para o coidado do viñedo e das froiteiras en inverno

Viñedo da Evega podado

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, vén de facer público o seu habitual aviso fitosanitario con consellos para que os agricultores inicien os tratamentos propios do inverno que acaba de comezar. Principalmente, os técnicos aconsellan atrasar o máximo posible a poda das plantas das viñas que están afectadas por enfermidades da madeira, así como comezar coa aplicación de químicos de cobre para evitar os fungos, insectos e bacterias nas froiteiras de pebida e óso, no kiwi e no buxo. Así mesmo, insisten na importancia de eliminar as palmeiras afectadas polo picudo vermello para frear o avance da praga.

A técnica responsable dos avisos, Rosa Pérez Otero, explica que as especiais condicións climáticas deste outono, con poucas precipitacións e temperaturas anormalmente altas, provocaron que moitas plantas mantiveran un alto nivel de actividade, o que favoreceu o desenvolvemento de pragas que noutros casos non se terían desenvolvido nesta época. Co comezo do frío iniciarase a parada vexetativa e, polo tanto, será bo momento para iniciar as labores propias do inverno.

Viña: “Podas as videiras con enfermidades da madeira o máis tarde posible”

Este verán en practicamente todos os viñedos houbo plantas que mostraron síntomas de estar afectadas por enfermidades da madeira, probablemente incrementado pola seca que se produciu. Nestas plantas, os técnicos de Areeiro recomendan facer as podas o máis tarde posible para favorecer as súas reaccións de defensa.

Sexa cal sexa o período elixido para a poda, as normas básicas de actuación que deben seguirse desde o punto de vista sanitario son:

-Podar en tempo seco e sen previsión de choivas.
-Desinfectar as tesoiras de poda.
-Evitar facer feridas de grandes dimensións, non deixar tocos e realizar cortes limpos.
-Protexer as feridas grosas de poda cun funxicida o máis duradeiro posible.
-Non facer cortes en horizontal.
-Eliminar sempre do viñedo todos os residuos de poda, así como aqueles brazos ou ramas mortas que retiren, xa que a incorporación da madeira enferma ao terreo favorece a dispersión das enfermidades e tamén dos fungos do solo ou raíz.
-Así mesmo, cando se faga a poda é conveniente aproveitar para arrincar as plantas mortas retirándoas da finca.

Por outra banda, nas viñas que tivesen presentado ataques de ácaros dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro aseguran que é conveniente estimar as poboacións invernantes mediante a análise das xemas de varas retiradas no momento da poda coa fin de poder actuar en caso necesario a principios da campaña seguinte.

Froiteiras e kiwi: aplicacións de cobre

Nesta época é importante actuar fronte ás formas invernantes dos fungos patóxenos eliminando a madeira afectada e aplicando tratamentos químicos baseados en substancias de cobre, dos que son aconsellables dúas ou tres aplicacións. É fundamental non facelos con frío ( temperaturas menores de 8 ºC) nin en previsión de xeadas. Por outra banda, xa se poden retirar as trampas para capturar e/ou estimar as poboacións de larvas de bichado.

En canto ao kiwi, dende Areeiro lembran que nesta época a vulnerabilidade das plantas aos ataques do cancro bacteriano do kiwi é moi elevada debido á humidade característica do outono e á presenza das feridas nas ramas debido á colleita dos froitos, á caída das follas e aos cortes de poda, xa que son portas de entrada para as bacterioses.

Neste sentido, recomendan “realizar o antes posible un tratamento cun insecticida cúprico –sempre con temperaturas ambientais por riba dos 8 ºC- que deberá ser renovado polo menos unha vez máis antes da primavera”.

Cítricos

Coas temperaturas anormalmente cálidas que houbo ata ben entrado o outono, moitos cítricos, e os limoeiros especialmente, botaron gromos novos e tenros onde aínda a estas alturas, xa con certo frío, se poden ver estados ninfais de psilas africanas. A eliminación manual deses gomos é suficiente nestes momentos para eliminar estas poboacións do insecto, sobre todo tendo en conta que os froitos están en fase de maduración e recollida.

En canto aos fungos, é preciso tomar unha serie de precaucións básicas para limitar a súa diseminación, como facilitar o drenaxe da auga e evitar calquera retención de humidade no contorno das plantas ou, no caso de que aparezan os característicos froitos parcial ou totalmente podres, retiralos e eliminalos.

Buxo e palmeiras

É de esperar que se manifesten novamente certos fungos que se poden controlar coa aplicación de funxicidas tipo mancozeb, clortalonil ou cobre. Así mesmo, é fundamental a combinación das medidas culturais (retirada constante de follas secas e favorecer a aireación das plantas).

Finalmente, no caso das palmeiras, neste ano volveuse a observar un avance significativo da praga do picudo, sen dúbida segundo os técnicos, debido a que hai moitas palmeiras afectadas non eliminadas. O consello é deixar as palmeiras sen podar para evitar atraer aos escaravellos adultos, máis en calquera caso, de ser imprescindible, cando empezan os fríos é o mellor momento para realizar eses traballos.

Desde Areeiro insístese en que as palmeiras afectadas deben eliminarse, ben sexa por empresas que fan este tipo de traballos ben sexa polos propios propietarios no caso de plantas pequenas. Neste caso nunca deben deixarse os restos na finca ou botalos a outros sitios, senón que deben cortarse en anacos e enterrar todos os restos a unha profundidade mínima de dous metros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información