Reclaman a recuperación de puntos móbiles da ITV agrícola

Agromuralla advirte de que se están reducindo os emprazamentos nos que as ganderías poden pasar a inspección dos seus tractores e maquinaria, o que obriga a maiores desprazamentos. A asociación sinala que nalgúns casos as persoas xubiladas optan por deixar de pasar a ITV

Publicidade
Reclaman a recuperación de puntos móbiles da ITV agrícola

Galicia rexistra cada ano entre 15 e 20 accidentes mortais en tractor, a maioría con persoas xubiladas. / Arquivo.

Os puntos móbiles que prestan o servizo de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) están reducíndose, segundo advirte Agromuralla en nota de prensa. A asociación apunta que se eliminaron tradicionais puntos para pasar a ITV, como podía ser o de Reboleira, no concello de Láncara (Lugo), o que obriga ós usuarios a desprazamentos de máis de 10 quilómetros para pasar a inspección noutro punto do concello.

O motivo da eliminación de puntos móbiles radica na falta de espazo dalgunha das ubicacións, segundo lle trasladou a Agromuralla a empresa concesionaria da ITV, Supervisión y Control. A cuestión é que a unidade móbil de inspección agrícola desprázase nun novo camión de maiores dimensións que o anterior, o que obriga a contar cun espazo mínimo de 20×40 metros (tamaño similar a unha pista de fútbol sala), que ademais ten que ser plano, o que invalida algúns dos emprazamentos que se estaban a utilizar ata o de agora.

A entidade que preside Roberto López indica que estes condicionantes fixeron que recentemente se suprimise no concello de Láncara un dos dous lugares nos que todos os anos se podía pasar a ITV, en concreto o da Reboleira, obrigando aos gandeiros desa zona a teren que desprazarse con toda a súa maquinaria ao outro dos puntos establecidos no municipio, supoñendo en moitos casos ter que percorrer distancias de máis de 10 quilómetros tanto cos tractores como co resto de apeiros e maquinaria.

Afectados da zona de Láncara. / Imaxe: Agromuralla.

Afectados da zona de Láncara. / Imaxe: Agromuralla.

A asociación indica que esta mesma situación estase a producir en máis concellos tanto da provincia de Lugo como do resto de Galicia, polo que insta á empresa concesionaria da ITV e aos Concellos a atopar “ubicacións axeitadas que faciliten as inspeccións aos veciños e veciñas, tanto gandeiros en activo como xa xubilados”.

Agromuralla considera que “achegar o servizo de ITV aos usuarios é fundamental para garantir que a totalidade do parque de tractores e demais maquinaria agrícola está ao día en canto á obriga de efectuar as correspondentes revisións”, polo que “a eliminación dos puntos habituais de inspección provoca, en moitos casos, que sobre todo persoas maiores, xa xubiladas da actividade agraria, desistan de seguir pasando a ITV aos seus tractores, maquinaria e apeiros”.

Siniestralidade
“Isto supón un risco engadido para a siniestralidade agraria, xa de por si moi elevada en Galicia, xa que o mantemento óptimo dos equipos e a actualización dos sistemas de seguridade é un aspecto fundamental para evitar accidentes”, sinala Roberto López.

Agromuralla lembra que a nosa comunidade é unha das que rexistra maiores cifras de siniestralidade agrícola, xa que, segundo os datos do 112, un total de 143 persoas perderon a vida en Galicia en accidentes de tractor desde o ano 2011 até agosto de 2019, o que equivale a un promedio de entre 15 e 20 mortos por ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información