Reclaman en Santiago a activación das parcelarias de Agolada

Máis dun cento de persoas participaron na protesta ante a Xunta para pedir que Medio Rural decrete as 8 concentracións de Agolada. O conselleiro comprometeuse a garantir a validez dos trámites xa realizados e propón estudar cos veciños outras alternativas ás parcelarias

Reclaman en Santiago a activación das parcelarias de Agolada

Participantes na concentración celebrada ante a Xunta para reclamar a activación das parcelarias de Agolada.

Máis dun cento de persoas pediron esta mañá en Santiago a activación das 8 parcelarias pendentes en Agolada (Pontevedra). Nunha concentración diante das dependencias da Xunta, en San Caetano, os participantes, entre os que se atopaban veciños e propietarios afectados, así como representantes de Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego, reclamaron de novo á Consellería de Medio Rural que decrete estas concentracións, cuxa tramitación se iniciou no 2002.

A Plataforma Queremos Parcelarias, que leva reivindicando a activación do proceso nos últimos anos, incide en que optaron por este tipo de accións logo de que non tiveran resposta por parte da Consellería de Medio Rural nos últimos meses, cando estaba comprometido un encontro dende antes do verán. Ademais, algúns dos procedementos, como a declaración de impacto ambiental, xa se realizaron hai anos e están agora a piques de caducar, a comezos do próximo mes, o que suporía a perda dunha inversión de máis de 830.000 euros.

Garantía de validar os procedementos

A caducidade destes procedementos foi un dos aspectos que abordaron no encontro que mantivo o conselleiro, José González, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, con membros da Plataforma Queremos Parcelarias. González comprometeuse a garantir a validez dos trámites xa feitos e propuxo abordar cos veciños a viabilidade doutros modelos de xestión e ordenación da terra que contemplan na nova lei de recuperación de terras abandonadas que Medio Rural pretende levar a debate ó Parlamento este mes.

Porén, dende a Plataforma continúan a reivindicar que se decreten estas parcelarias, que xa contan co apoio dos veciños, como constataron nos encontros que mantiveron ó longo dos últimos meses. De feito, continuarán con outras accións como o traslado a Bruxelas desta petición, posto que boa parte dos fondos investidos ata o momento proceden da Unión Europea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información