A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A rata Elena e outras curiosidades do anuncio de Ratibrom

A empresa galega Impex Europa, líder en España en venda de raticidas, empezou a emitir este mes o spot de Ratibrom, un clásico da publicidade en Galicia. Contamos algunhas das anécdotas da rodaxe

A rata Elena e outras curiosidades do anuncio de Ratibrom

“Ratibrom mata o rato cabrón”, “Con Ratibrom, nin rata nin rato”, son frases xa da cultura popular galega grazas aos anuncios de Impex Europa, unha empresa galega con sede en Vilagarcía de Arousa, que é líder en raticidas en España e Portugal con Ratibrom, o seu produto máis recoñecido.

Cada ano, e xa van dez, esta empresa elixe un slogan para o seu clásico spot televisivo. Se o ano pasado foi “E deixa que coman….” o deste ano é “Que non me toquen a música”, onde se ve ao protagonista relaxado sobre a súa colleita de millo, sen medo aos roedores.

O spot foi gravado na parroquia de Morás, no concello coruñés de Arteixo, e está interpretado polo actor Alfonso Agra, que leva sendo a imaxe de Ratibrom desde o ano 2003, cando interpretaba a Silvino na serie da TVG Terra de Miranda.

Elena, a rata encariñada con Alfonso….que non soporta as ratas

Como anécdota desta última gravación, houbo unha rata que non se quería separar de Alfonso, a que lle sube pola camisa cara o oído. Curiosamente, o actor non soporta aos roedores, e menos ás ratas, o que provocou non poucas bromas entre o equipo de gravación. De feito, os participantes no set de rodaxe acabaron bautizándoa co nome de “Elena”.

Sinalar tamén que nesta mesma parroquia de Morás gravouse no ano 2009 o spot da “2ª festa gastronómica do Ratibrom”, onde os veciños e veciñas participaron na gravación ataviados con gorras e camisolas da marca.

Un clásico das pantallas galegas dende o ano 1997

O primeiro spot televisivo de Ratibrom gravouse no ano 1997, co actor “Tucho” Lagares como protagonista. Ao longo destas dez edicións tamén contou con outros intérpretes, como o actor e presentador Tacho González.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *