Ranking das industrias europeas que máis pagan polo leite

A multinacional italiana Granarolo lidera a táboa, seguida de tres das principais cooperativas lácteas europeas, a finlandesa Valio, a holandesa Friesland Campina e a danesa Arla

Ranking das industrias europeas que máis pagan polo leite

Gandería ligada á cooperativa finlandesa Valio. / Imaxe: Valio.

A canto se chegou a pagar o leite no 2018 en Europa? Lidera a táboa de prezos a multinacional italiana Granarolo, un xigante con 22 plantas que se caracteriza pola innovación continua, con máis de 50 lanzamentos nos últimos dous anos. O seu prezo para ganderías cun mínimo de 1 millón de quilos e un leite de 4,2 de graxa, 3,4 de proteína, menos de 250.000 células somáticas e menos de 25.000 bacterias foi de 38,36 céntimos / Kg.

O ranking de prezos das industrias lácteas europeas, elaborado pola federación agrícola holandesa LTO, faise tendo en conta un estándar de calidades e cantidades entregadas. Non pretende ser un prezo medio pero si comparar o que pagan as distintas industrias por un mesmo leite. A primeira conclusión é que Granarolo lidera o ranking un ano máis, pois xa o fixera o ano pasado, seguido con 36,74 céntimos / Kg. pola industria finlandesa Valio, unha firma conformada por 16 cooperativas lácteas que exporta a 60 países, representando o 25% das exportacións alimentarias de Finlandia.

O top-5 complétano dúas das cooperativas de referencia en Europa, a holandesa Friesland Campina (36,07), e a danesa Arla (35,48), xunto coa firma holandesa Royal A-ware (35,13). Os prezos destas tres industrias baixaron entre 0,98 e 2,82 céntimos en relación ó 2017, pero aínda así mantéñense á cabeza das industrias que máis pagan. No caso de Arla, a baixada de prezos foi compensada pola decisión da cooperativa de repartir todos os seus beneficios do 2018 entre as ganderías socias, a fin de axudalas tralas perdas sufridas pola seca.

Ranking de prezos de LTO.

Ranking de prezos de LTO.

Subas en Francia e baixadas en Alemania e Irlanda
Unha das grandes novidades do ranking do 2018 é a presenza no top-10 de catro industrias francesas, Danone, Sodiaal, Lactalis e Savencia. Todas elas aumentaron lixeiramente os seus prezos no 2018 ou reducírono lixeiramente, no caso de Savencia, o que lles permitiu subir na táboa.

Por países, as baixadas máis fortes producíronse en industrias de Alemania (6-7%) e de Irlanda (4-5%), non existindo datos das industrias españolas na clasificación de LTO.

Evolución dos prezos medios en Europa, segundo o estándar de LTO.

Evolución dos prezos medios en Europa, segundo o estándar de LTO.

Prezos medios
O prezo medio das 17 principais industrias lácteas de Europa para o leite estándar valorado por LTO situouse en 34,23 céntimos / Kg. no 2018, unha cifra que non está lonxe do prezo medio europeo para o 2018 rexistrado polo Observatorio do Sector Lácteo para o conxunto do leite comercializado na UE-28 -con independencia das cantidades e calidades entregadas-, que foi duns 34,1 céntimos / Kg. En España, o prezo medio do 2018 segundo o Fondo Español de Garantía Agraria foi de 32,2 céntimos; en tanto en Galicia foi de 31 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información