Quinto ataque do lobo este ano nunha granxa de Lalín

A explotación afectada, unha gandería de vacún de carne, demanda medidas de control do cánido e o pago de indemnizacións “con valores de mercado” e nun “curto prazo”, pois aínda non cobrou ningunha compensación. Unións Agrarias advirte de que os problemas derivados da fauna salvaxe levan ós profesionais a pensar “en tirar a toalla”

Quinto ataque do lobo este ano nunha granxa de Lalín

Becerro que apareceu morto a pasada noite polo ataque dos lobos. / Imaxe: Cedida.

A explotación de Carlos Quintela, en Bermés (Lalín), perdeu a pasada noite o quinto becerro do que vai de ano a mans do lobo. Eran as dúas da madrugada cando os veciños sentiron o bruar das vacas, que pasaban a noite nunha finca a a penas 100 metros das casas. Cando deron chegado alá, xa o lobo matara un becerro de arredor dun mes.

O afectado demanda medidas de control do cánido e compensacións “a prezos de mercado” e pagadas en tempo e forma, pois advirte de que aínda non cobrou ningunha indemnización dos ataques anteriores.

Manexo en extensivo
A gandería de Carlos Quintela conta con arredor de 30 animais de vacún de carne da raza rubia galega, incluindo un touro, as vacas e os becerros. Os animais están en estabulación libre permanente, pasando día e noite nos prados, polo que a presenza dunha manda de lobos no entorno está a xerar un conflicto grave.

“Os animais dormen pegados ás casas, así que nunca pensei que o lobo se atrevera a actuar tan preto das vivendas. É ademais un rabaño que é capaz de defenderse ben; son vacas de monte, con cornos. Enfronte tiveron que ter varios lobos porque se non, non darían feito”, valora Carlos Quintela.

“Estou traballando para o lobo. Logo din que non queda xente no campo, como vai quedar?”, reflexiona o afectado

As perdas comezaron o ano pasado, cun ataque que Carlos considerou asumible e que nin sequera denunciou, pero este ano o problema recrudeceuse ata o punto de que o lobo xa matou cinco becerros. “Agora estou denunciando todos os ataques, pero queda un desanimado porque non se ve que fagan nada. Aínda non cobrei ningunha indemnización e cando cobre, pagaranme un prezo moi inferior ó do mercado. Deberían darche un valor real, o prezo que tería o animal na Lonxa”, defende.

A explotación afectada considera que tamén hai que executar medidas de control da poboación de lobos. “Tal e como está a cousa, estou traballando para o lobo” -reflexiona Carlos- “Logo din que no campo non queda xente. Como vai quedar? Eu teño que facerme cargo dos meus animais, terlles un pastor eléctrico e que non vaian facer dano ás fincas dos veciños ou que non se metan na estrada, pero quen ten tino dos lobos e do xabarín”, pregúntase en alusión ás Administracións.

“A xente desanímase porque na práctica hai unha política de botar ós gandeiros do campo” (Román Santalla, Unións Agrarias)

Ós animais que mata o lobo, a granxa suma problemas en forma de abortos e de vacas que quedan estresadas. A súa situación non é única na parroquia. Carlos coñece máis explotacións da zona que tamén sufriron ataques: “Outro veciño perdeu xa 3 becerros e a outro matáronllo un xato recén parido”, relata.

De cara ó futuro, o gandeiro plantéase que medidas adoptar. Descarta construír un establo, pois a súa idea é manter o gando en extensivo e o manexo en semiintensivo tampouco lle permitiría compatibilizar a gandería con outras actividades. A compra dun mastín ou a instalación de mallas electrificadas son algunhas das ideas que baralla. Outra alternativa seria, asegura, pasa por deixar as vacas.

Demandas de Unións Agrarias
Unións Agrarias faise eco do problema do lobo e advirte de que os danos sobre o gando estanse repetindo con demasiada frecuencia en comarcas coma o Deza. “Pouco a pouco a xente pensa en tirar a toalla polos ataques continuos de lobo e do xabarín. A deixadez coa que abordou ata o de agora a Xunta o tema leva na práctica a unha política de botar á xente do campo”, cuestiona o secretario comarcal de Unións no Deza, Román Santalla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información