Quince enfermidades profesionais no agro galego

As posturas forzadas orixinan a maioría dos problemas de saúde laboral entre agricultores e gandeiros. As enfermidades transmitidas por axentes biolóxicos e as derivadas da manipulación de fitosanitarios completan o groso de riscos

Publicidade
Quince enfermidades profesionais no agro galego

A aplicación de fitosanitarios é un dos riscos cotiás no agro.

¿Que enfermidades profesionais son máis habituais no agro en Galicia e que se pode facer para previlas? Este é o punto de partida dun traballo do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), que recopilou nun documento unha vintena de fichas representativas dos problemas de saúde laboral entre agricultores e gandeiros. O traballo analiza as causas e aconsella as posibles medidas de prevención a adoptar.

O groso dos problemas son de carácter físico, motivados por accións repetitivas na xornada laboral ó longo dos anos. Síguenlle os riscos por axentes biolóxicos e químicos. Recopilamos 15 das enfermidades profesionais máis representativas.

Problemas por axentes químicos

Intoxicación crónica por exposición a fitosanitarios. A despreocupación no uso de plaguicidas, sen medidas de protección axeitadas (máscara, gafas, luvas e mono de traballo), pode dar lugar a graves intoxicacións.

O Instituto de Seguridade Laboral dá conta do caso dun operario que traballaba en invernadoiros cunha mochila de man aplicando un insecticida (dimetoato e clorpirifós) sen usar luvas nin máscara nin protexer a cabeza. A maiores, tampouco respectaba un prazo de seguridade para a reentrada nos invernadoiros fumigados. A reiteración de tales prácticas, 2-3 días á semana nos meses de primavera-verán, derivou nunha intoxicación crónica de carácter grave. O operario dispuña do carné de manipulador de fitosanitarios de nivel básico.

Dermatite por contacto con plaguicidas. Os problemas de pel derivados do contacto cos axentes químicos é outro dos riscos dos fitosanitarios. Non empregar luvas nin facer unha boa hixiene tras a aplicación do producto pode causar unha dermatite que cursa con dor.

Riscos por axentes físicos

Problemas nos xeonllos. Apoiar o xeonllo de xeito repetido sobre superficies duras supón unha presión para a articulación que pode derivar en problemas varios. O documento do Instituto de Seguridade Laboral recolle o caso dun operario que durante a vendima rematou cunha bursite crónica no xeonllo dereito, que presentaba inflamación e acumulación de líquido. Alternar o uso de ambos xeonllos para apoiar o peso do corpo e usar medidas de protección nos xeonllos son as recomendacións que ofrece o Instituto. Tamén alternar no posible este traballo con outras tarefas que non esixan unha postura tan forzada.

O traballo nos invernadoiros xera problemas similares cando se apoia o peso do corpo sobre os xeonllos. O Issga recolle o caso dunha traballadora de horta que tivo un síndrome de compresión do nervio ciático dun xeonllo.

Xeonllos e ombros son dúas das zonas máis castigadas por malas posturas ou sobreesforzos

Tendinite no ombro. É un problema de dor no ombro motivado por coller cargas excesivas ou por posturas forzadas e continuadas na xornada laboral. Nun caso analizado, a tendinite viña orixinada pola conducción de maquinaria agrícola durante moitas horas cos brazos lixeiramente elevados. O mesmo operario tamén cargaba con sacos de 40 quilos e facía sobreesforzos nos brazos na manipulación de apeiros. Mecanizar no posible as tarefas de carga e manipulación de apeiros, ou contar coa axuda axeitada, é unha das recomendacións do Issga para evitar este problema. Facer pausas e rotar de traballo é outra medida aplicable a este caso.

Síndrome do túnel carpiano no pulso dereito pola poda de viñedo. A poda obriga a movementos repetidos coa man en postura forzada e aplicando forza de xeito continuado e prolongado no tempo, o que pode provocar a inflamación a nivel do túnel carpiano do pulso dereito. O documento do Issga presenta o caso dun traballador con este problema. Para evitar estas situacións, aconséllase, entre outras medidas, descansar 10 minutos por cada hora de poda e usar ferramentas con bos agarres e adaptados á man.

Xordeira polo uso da motoserra. O ruído da motoserra pode chegar ata o entorno dos 100 decibelios, un nivel moi superior ós límites establecidos pola normativa para evitar danos na saúde. A exposición prolongada a este ruído sen usar protección auditiva xera problemas de sordeira. Recoméndase o uso de proteccións auditivas e alternar o traballo coa motoserra con outras actividades con menor risco sonoro.

O uso frecuente da motoserra esixe o emprego de protección auditiva

Enfermidade de Kenböck polo uso dunha rozadoira. O uso prolongado dunha rozadoira na xornada laboral pode originar dores no pulso derivados da exposición laboral a vibracións no sistema man-brazo. A enfermidade de Kenböck é unha necrose no óso semilunar do pulso con aparición de dor, perda de forza e limitación da mobilidade da man. Cando hai un uso frecuente da rozadoira, aconséllase facer pausas e alternar este traballo con outros que non supoñan a exposición a vibracións. O uso dun sistema de protección antivibracións é outra das recomendacións a ter en conta.

Ameazas biolóxicas

Transmisión de bacterias de animais a humanos. Son varios os problemas identificados relacionados coa manipulación de animais no seu traslado, axudas ó parto e outros contactos. O documento dá conta do caso dun traballador dunha granxa porcina que contraiu o erisipeloide de Rosenbach, unha infección cutánea caracterizada por ronchas avermelladas, febre e malestar xeral. Non utilizar a protección individual axeitada e os insuficientes controis sanitarios nos animais explican o problema, segundo o Issga. É precisa tamén a periódica limpeza das instalacións para eliminar fontes de infección como excrementos.

A boa desparasitación do gando e o uso de roupa de protección reducen o risco de infeccións bacterianas

En vacún, analízase o caso dun traballador que contraiu a Febre Q, un problema caracterizado por febre, calafríos e tose que se detectou semanas despois de que atendera o parto dunha vaca. A febre Q é motivada por unha bacteria que infecta ó gando e que ás veces non presenta sintomatoloxía nos animais. Usar roupa protectora e desinfectar as áreas de traballo é a medida de prevención recomendada para evitar este problema.

A enfermidade de Lyme, causada pola picadura dunha carracha infectada, é outro exemplo de enfermidade bacteriana transmitida por animais. Para evitala, recoméndase novamente o uso de roupa de protección axeitada, unha boa desparasitación do gando e o emprego de biocidas contra as carrachas nos locais de aloxamento do gando.

Tras contactos sospeitosos, é necesario ducharse e revisar todo o corpo na busca de carrachas. No caso de atopar algunha, debe retirarse agarrando a carracha preto da cabeza ou da boca mediante unhas pinzas, sempre con luvas e tirando cara a fóra cun movemento lento e firme, sen destripala nin esmagala. Hai que desinfectar a zona de contacto.

A inhalación de fungos da herba seca ou do millo pode desencadear o ‘pulmón do granxeiro’

Pulmón do granxeiro. A herba e o millo almacenados en seco ou ensilados poden dar lugar á formación de fungos. A manipulación da forraxe expón entón ó traballador á inhalación de po que contén estes fungos. Isto pode provocar unha reacción inflamatoria pulmonar e dar lugar a síntomas como perda de forza e tose con expectoración. O documento presenta o caso dun operario afectado por este problema ó que se lle diagnostica finalmente alveolite alérxica extrínseca, coñecida como “pulmón do granxeiro”, por ser típica desta actividade.

Asma. A muxidura é unha das tarefas nas que o operario ten un maior contacto cos animais. Unha traballadora que desempeñaba tarefas diarias de muxidura acabou contraendo unha rinite e asma bronquial por alerxia ó epitelio da vaca. O uso de máscara para evitar o contacto con partículas dos animais e unha boa ventilación nas instalacións poden axudar a reducir este tipo de problemas.

Micose nas mans. As tarefas agrícolas en condicións de humidade alta poden propiciar a aparición de fungos na pel. O uso de luvas nas mans e de botas de goma nos pés pode manter a pel seca e protexida.

Outros riscos de carácter biolóxico recollidos polo Issga derívanse do contacto coa procesionaria do piñeiro en traballos forestais ou co veleno das abellas en labores apícolas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información