Queizuar inviste 6 millóns de euros en transformar a súa queixería de Touro

A queixería galega, especializada na elaboración de queixos Arzúa Ulloa e Tetilla, inicia un plan de transformación das súas instalacións, con novas cámaras de frío, sala de elaboración e de expedición. Prevén concluír as obras en 2021

Queizuar inviste 6 millóns de euros en transformar a súa queixería de Touro

Benigno Pereira, administrador de Queizuar

A queixería galega Queizuar, propietaria de marcas como Bama ou Punteiro, realiza investimentos por valor duns 6 millóns de euros para transformar e modernizar a súa queixería situada en Bama, no concello coruñés de Touro.

As obras está previsto que conclúan dentro de dous anos e permitirán ampliar e modernizar as instalacións actuais, dotándoas de novas cámaras de frío, zonas de expedición e de recepción de leite e unha nova sala de elaboración, á vez que reformarán tamén a queixería actual. E todo iso incorporando as últimas tecnoloxías dixitais da chamada Industria 4.0, e buscando a eficiencia enerxética e o coidado do medioambiente.

“Trátase dunha reforma para seguir elaborando o noso queixo de sempre pero nunhas novas instalacións que nos permitan mellorar aínda máis a calidade, ser máis eficientes e gañar en capacidade de maduración, con novas cámaras que incorporarán as últimas tecnoloxías de frío”, explica Benigno Pereira, administrador de Queizuar.

“Imos gañar sobre todo en capacidade de maduración”

As obras de ampliación, que se iniciaron este verán, demoráronse máis do previsto debido á tramitación dos permisos administrativos. “Solicitamos no ano 2005 unha licenza para ampliar as instalacións até ocupar unha superficie de 32.000 metros cadrados, o que implicaba recalificar parte de chan rústico a chan industrial, pero non foi até finais de xuño deste ano cando recibimos a licenza de urbanización”, explica.

“Estas obras tamén redundarán nunha mellora das condicións laborais dos traballadores ao eliminar tarefas físicas repetitivas que non aportan valor, ademáis de mellorar a seguridade e a saúde dos nosos traballadores”, engade.

Na actualidade Queizuar conta cunha plantilla de 49 persoas, o 37% delas con titulación universitaria, unha porcentaxe que prevén incrementar nos próximos anos debido ás necesidades de persoal cualificado e aos procesos de automatización.

Un crecemento de máis do 100% en 5 anos

Esta queixería galega é unha das que máis medrou nos últimos anos. “Entre o 2014 e o 2017 crecemos un 90% en elaboración e venda de queixos, o pasado 2018 aumentamos un 7% e temos previsto finalizar este ano cun crecemento dun 10%, até superar os 15 millóns de litros anuais de leite transformado”, avanza Benigno

Toda a materia prima procede de gandarías do cooperativa Pico Sacro, coa que Queizuar mantén un acordo de colaboración desde hai 25 anos. “Mantemos unha relación de colaboración en beneficio mutuo que nos permitiu mellorar as calidades para lograr un perfil de leite máis axustado ao queixo que queremos elaborar, e seguimos avanzando nesta liña de mellora da calidade queixeira do leite a través do proxecto Proqueixo, no que colaboramos co CETAL, o CIAM e a propia cooperativa Pico Sacro”, explica o administrador de Queizuar.

Todas as gandarías que fornecen leite á queixería están nun radio máximo de 10 kiómetros de distancia. “Os gandeiros son unha parte imprescindible da nosa empresa, pois sen eles non poderiamos elaborar estes queixos e non teriamos o recoñecemento dos nosos clientes”, conclúe Benigno Pereira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información