Queixerías Prestes consegue vender o 60% da súa produción fóra de España

Contamos a historia desta queixería de Vilalba que conxuga tradición e modernidade. Nos vindeiros meses sacarán ao mercado queixos de Tetilla e de San Simón ecolóxicos e novas variedades tipo Brie e Stilton

Queixerías Prestes consegue vender o 60% da súa produción fóra de España

O nome de Queixerías Prestes é nos últimos anos sinónimo de prestixio e de innovación. Así o acreditan os galardóns que cada ano reciben no Worls Cheese Awards, o concurso de queixos máis importante a nivel internacional, ou a súa aposta decidida por novos queixos de pasta dura, máis exportables e con maior valor engadido, como o seu premiado Lara&Sara, o primeiro queixo azul elaborado en Galicia.

Baixo a dirección dos irmáns Mikael e Adela Fernández Cuba, Queixerías Prestes soubo dar o salto á modernidade, competindo nun mercado global, pero pondo en valor a tradición e calidade dos produtos galegos. Esta queixería naceu en 1991 a partir dunha pequena explotación familiar do matrimonio formado por Remedios Cuba e Marcelino Fernández en San Simón da Costa. Dentro dunha economía de subsistencia, esta familia vendía os tradicionais queixos desta parroquia de montaña nas feiras de Vilalba do primeiro domingo de cada mes e durante os mercados do verán e de Nadal.

Foi nesa época cando, co impulso do entón delegado da Consellería de Agricultura en Lugo, José Mouriño Cuba, séntanse as bases da Denominación de Orixe Protexida (DOP) do Queixo de San Simón da Costa, unha oportunidade que é aproveitada por esta familia labrega para montar unha das primeiras miniqueixerías da comarca.

Coma tantas familias labregas, Remedios -unha das fundadoras da DOP San Simón da Costa- e Marcelino esforzáronse por darlle unha carreira universitaria aos seus fillos, Maikel e Adela Fernández Cuba, ao entender que o mellor que lles podían ofrecer era unha vida laboral lonxe do agro. Pero a chamada das raíces foi moi forte, e tanto Adela, que rematou en 1998 Enxeñería de Telecomunicacións en Vigo, como Mikael, que se licenciou como agrónomo no 2004, incorporáronse á empresa familiar ao remataren as carreiras. Isto supuxo un salto cualitativo decisivo para Queixería Prestes, ao conxugar o mellor dos dous mundos: a tradición queixeira familiar cunha formación avanzada para competir no mercado actual e a paixón polo seu traballo.

A comezos de febreiro inaugurarán unha ampliación da fábrica para “queixos especiais”

Foi así como entre 1998 e o 2015 Queixerías Prestes deu un salto que se resume en dúas cifras: pasaron de transformar 1.000 litros ao día a máis de 18.000, e a dar emprego a 10 persoas, cunha facturación que en 2015 chegou aos 1,5 millóns de euros.

As modernas instalacións da queixería no Polígono de Vilalba ocupan máis de 3.000 metros cadrados. A comezos de febreiro tamén está previsto que se traslade a produción do queixo azul Lara&Sara dende a vella queixería en San Simón da Costa a unha ampliación da nova fábrica duns 400 metros cadrados, destinada a “queixos especiais”.

O leite procede de pequenas e medianas explotacións da zona coas que buscan contratos estables

Adela Fernández Cuba na tenda que Queixerías Prestes ten en Vilalba

Adela Fernández Cuba na tenda que Queixerías Prestes ten en Vilalba

A materia prima, o leite, pasou de proceder da explotación familiar a ampliarse a ganderías da comarca a medida que a queixería ía multiplicando a súa produción. “Ata hai seis meses mercabámosllo a primeiros compradores, pero dende entón comprámosllo directamente aos gandeiros a través da cooperativa Tierra Llana a un prezo de 0,31 euros por litro de media, e agora imos renovar o contrato a seis meses ou a 1 ano, como queiran os gandeiros”, explica Mikael Fernández.

Aínda que, segundo sinalan dende Queixerías Prestes, “o ideal para Queixo Tetilla ou San Simón da Costa, sería leite de pastoreo, a nosa materia prima procede de pequenas e medianas explotacións que logran unha calidade moi boa, cunha alimentación baseada sobre todo en forraxes naturais, e cunha media de proteína de 3,41”.

Diversificación da oferta: 15 variedades de queixos

A diversificación e a aposta por queixos de alto valor engadido é outra das claves do éxito de Queixerías Prestes, cun catálogo de 15 variedades que van dende o tradicional San Simón da Costa, ao Queixo Azul Lara&Sara, Tetilla, Queixo Patelo, Capricho da Chaira…etc. “Este último, un queixo con 9 meses de curación, é xunto co azul Lara&Sara o que máis está aumentando en vendas”, salienta Mikael Fernández.

Non obstante, o 50% da súa facturación séguese concentrando no queixo da DOP San Simón da Costa, mentres que o queixo azul Lara&Sara supón o 20% e as restantes variedades o 30%.

A ampla gama de queixos que ofertan van desde os de pasta máis dura que precisan de 15 litros de leite para obter un quilo ata os de pasta máis branda nos que se utilizan 4 litros de leite.

Exportan máis do 60% da produción

Outra clave do éxito desta queixería é a súa clara vocación exportadora. Dos aproximadamente 32.000 quilos de queixo que cada mes se producen en Prestes o 60% véndeno fora de España, principalmente en Estados Unidos, Reino Unido e Australia, e en menor medida noutros países como México, Corea do Sur, Xapón ou Perú.

 “O mercado galego está saturado e o nacional indiferente: o que nos salva é a exportación”

As súas variedades San Simón e o queixo azul Sara&Lara son os que máis éxito teñen nos mercados exteriores, ao tratarse de queixos diferenciados e de pasta máis dura que aguantan mellor as longas travesías.

“A nosa aposta polos mercados exteriores é o que nos está permitindo que nos últimos anos, e en plena crise, logremos medrar un 10% anual tanto en volume como en facturación, xa que o mercado dos queixos en Galicia está saturado e o mercado español está indiferente”, recoñece Mikael Fernández.

Plans de futuro: novos tipos de queixos e tamén ecolóxicos

Segundo avanza Mikael Fernández Cuba os plans de futuro de Queixerías Prestes pasan por seguir ampliando a variedade de queixos para adaptarse ás demandas dos consumidores. “Este ano -asegura- imos sacar ao mercado un novo queixo tipo brie, en varios formatos dende 500 gramos a 2 quilos, e tamén un queixo tipo Stilton, un dos máis populares en Inglaterra, máis curado e cremoso cun peso de 5 kilogramos”.

Nestes primeiros seis meses Queixerías Prestes tamén ten previsto sacar ao mercado un queixo Tetilla e un San Simón da Costa ecolóxicos amparados polo CRAEGA.

En definitiva, a aposta pola calidade, pola diversificación da oferta, con produtos de máis valor engadido, e pola internacionalización son as claves que sitúan hoxe a Queixerías Prestes como un dos referentes para as queixerías de Galicia.

Queixo azul Lara&Sara, un dos éxitos de Prestes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información