Queinaga, un exemplo de darlle valor ao leite na explotación

Esta queixería de Curtis naceu hai 21 anos para transformar o leite da propia explotación. Hoxe Queinaga da emprego a 11 persoas e elabora uns 400.000 kilos de queixo. O seu último éxito comercial: a manteiga cocida de vaca.

Queinaga, un exemplo de darlle valor ao leite na explotación

A manteiga cocida, un dos éxitos comerciais de Queinaga.

No concello coruñés de Curtis, no lugar de A Campa, atópase Queinaga, unha queixería que naceu hai 21 anos para facerlle fronte a un problema cíclico do sector lácteo galego: os baixos prezos do leite.

Os fundadores desta queixería, un das máis grandes das denominacións de orixe Tetilla e Arzúa-Ulloa, son os gandeiros de SAT A Campa, que ante os baixos prezos que lles pagaba a industria decidiron quitarlle valor engadido ao seu produto dando o salto á transformación do leite.

Verónica Sánchez, responsable administrativa da empresa, subliña que “Queinaga naceu para darlle valor engadido ao leite pois a venda de leite líquido non nos compensaba”.

Para iso, apostaron por elaborar queixo de calidade amparado baixo as denominacións de orixe Arzúa-Ulloa e Tetilla, unha garantía tamén de prezo para un produto diferenciado.

O volume de produción fai necesario recoller leite doutras explotacións

A empresa foi medrando e o leite producido en SAT A Campa chegou a ser insuficiente, o que os obrigou a recoller leite doutras explotacións da zona.

Hoxe en día, Queinaga da emprego a 11 persoas e produce entre 25.000 e 30.000 kilos de queixo ao mes, cunha produción que neste momento se mantén estable. En total, procesan ao ano uns 3 millóns de litros de leite para elaborar uns 400.000 kilos de queixo.

“O mercado pídenos un queixo o máis manteigoso posible”

A maior parte da produción de Queinaga son queixos baixo as denominacións de orixe Tetilla e Arzúa Ulloa e en distintos formatos desde os 800 gramos aos 1,2 kilos, para Tetilla; e en Arzúa-Ulloa dende os 800 gramos aos 3,2 kilos.

Queinaga elabora queixo de Tetilla e de Arzúa-Ulloa.

Queinaga elabora queixo de Tetilla e de Arzúa-Ulloa.

Tamén elaboran queixo fresco, aínda que é un produto máis estacional, dos meses de verán, e cunha vida útil menor, duns 15 días e máis orientado ao mercado local.

Os consellos reguladores das denominacións de orixe establecen unhas regras para a elaboración do produto. Neste sentido, Verónica Sánchez asegura que que “para diferenciar os nosos queixos facemos con cariño o noso traballo e empregamos leite da mellor calidade, para lograr un queixo de calidade e que sexa o máis manteigoso posible, que é o que nos piden os consumidores”.

Recuperan a manteiga cocida

Outro produto que están a comercializar e cunha boa acollida no mercado é a manteiga cocida, un produto que hai anos se facía nas casas labregas coa tona do leite e que en Queinaga elaboran coa tona do soro. “Xurdiu coa intención de darlle un valor engadido ao soro do queixo, un subproduto que antes se regalaba a outras industrias lácteas”, asegura a responsable administrativa de Queinaga.

O proceso empezou no ano 2010 cando intentaron reducir o volume de soro concentrándoo por ósmose inversa, coa intención de que os portes foran máis baratos. Sen embargo, esta vía levounos de xeito imprevisto a quitarlle un segundo produto, tal e como explica Verónica Sánchez: “Decatámonos de que nese soro queda aínda graxa e por un proceso físico obtivemos mantequilla e logo manteiga. Esa manteiga cócese e ao evaporar toda a humidade queda o 99% de graxa”.

Este produto resultante, a manteiga cocida, ten múltiples aplicacións na repostería (bica, biscoitos, pan de manteiga…etc). “Empezámola a vender en formato industrial de cubos de dez quilos pero decidimos dar un salto ao formato máis pequeno aproveitando o auxe que está a ter a repostería na casa”, explican dende Queinaga.

A acollida entre os consumidores está a ser moi positiva: en 2014 venderon máis de 10.000 kilos de manteiga cocida e nos tres primeiros meses de 2015 levan vendido xa case un terzo do total do ano pasado.

“As plataformas grandes facilitan moito a exportación as pequenas empresas”

En canto ao mercado para os seus queixos, Galicia concentra a maioría das vendas de Queinaga e exportan arredor do 14%, sobre todo a Portugal, Reino Unido e Hong Kong.

Neste sentido, Verónica Sánchez recoñece que “exportar é unha vía interesante pero que require moito capital humano”. Afirma que aos mercados de Londres e de Portugal “foinos relativamente fácil chegar, pero a Hong-Kong chegamos de forma indirecta a través dun cliente español”. Unha vía -esta última-, a das plataformas exportadoras máis grandes, que recomenda xa que “facilita moito a exportación para empresas pequenas como a nosa”.

Aquí deixamos unha reportaxe da TVG sobre a manteiga cocida que elabora Queinaga:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información