¿Que valor económico ten unha cisterna de xurro?

María Isabel García Pomar, investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) analiza o valor económico dunha cisterna de xurro e os aspectos clave para manexalo dun xeito máis eficiente.

¿Que valor económico ten unha cisterna de xurro?

Enterrando xurro

O xurro é un fertilizante de gran valor económico para as explotacións gandeiras. Sen embargo, ata agora poucos son os estudos que o teñan cuantificado monetariamente.

Neste sentido, María Isabel García Pomar, investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) explicou recentemente nunhas xornadas celebradas en Lugo, como o xurro debido ao seu valor fertilizante ten un importante valor económico.

Tal e como se amosa na seguinte táboa, unha cisterna de 10 metros cúbicos dun xurro tipo dunha explotación gandeira de vacún de leite ten un valor económico aproximado de 81 euros (se facemos unha equiparación entre os nutrientes que teñen os 10 m3 e a aportación en fertilizantes simples que sería necesaria para subministrar a mesma cantidade de nutrientes).

Valoración económica do xurro

Kg/m3 Kg/cisterna de 10 m3 Valor económico (€)
N 3.02 30.2 36 €
P205 1.42 14.2 18 €
K20 3.54 35.4 27 €

TOTAL

81 €

(Prezos referenciados á urea 46%, superfostato 18% e potasa 60%)

“Sen embargo, o valor fertilizante, e por tanto económico dunha cisterna de xurro depende moito da materia seca, na que inflúen moito as augas de choiva e de lavado”, subliña Isabel García Pomar.

A importancia de cubrir a fosa de xurro

Neste sentido, lembrou que a altura da auga de choiva na fosa de xurro, nun período acumulado de cinco meses comprendido entre outubro e febreiro, pode supoñer, segundo a localidade de Galicia, dun 20 a un 40% do nivel da fosa o que reduce o valor fertilizante do xurro e incrementa os custos.

É dicir, nunha fosa de 500 metros cadrados e cunha precipitación de 1000 litros por metro cadrado no período de outono-inverno, a auga de choiva pode chegar a ocupar un terzo, é dicir, 500 metros cúbicos, co cal teríamos que facer 50 viaxes cunha cisterna de 10 metros cúbicos para sacar esa auga.

“Por conseguinte, -advertiu María Isabel García Pomar- estamos gastando cartos en trasportar auga ás parcelas”. “No caso de cubrir a fosa estímase que o aforro que teríamos en viaxes amortizaría o custo de cubrición nun período aproximado de dez anos”, engadiu a investigadora.

Aspectos a ter en conta para unha xestión eficiente do xurro como fertilizante do millo

Segundo apuntou María Isabel García Pomar, as claves para unha xestión eficiente e económica do xurro como fertilizante do millo forraxeiro son:

-Reducir as perdas de nutrientes, por unha banda dando unha dimensión suficiente á fosa que permita acumular o xurro durante un período de 6 meses, para así poder aplicalo cando o millo o necesite e nas condicións climatolóxicas máis axeitadas, e por outra banda enterrando o xurro para evitar perdas de nitróxeno cara á atmosfera en forma de amoníaco. O enterrado debe ser simultáneo á aplicación -por exemplo, incorporando o xurro cunha grade- e non debe pasar máis de 2 ou 3 horas dende que se esparexeu, xa que o 50% das perdas ocorren nas primeiras 5-6 horas.

-Diminuir os tempos de transporte e, por conseguinte, o custo de aplicación, mediante a redución do volume de xurro (redución da auga) por cubrición de fosa, cubrición de patios de exercicio e separación de augas de limpeza. Todo isto axudará a incrementar a porcentaxe de materia seca do xurro. Tamén empregar unha cisterna de gran capacidade, ben sexa compartida (Sat, Cuma) ou dunha empresa de servizos, reduce o número de viaxes e polo tanto os custos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información